Opinión

As outras tertulias de Picaños, no lavadouro

Entre os primeiros textos dialogados das décadas dos vinte e dos trinta do XIX tópase a Tertulia de Picaños (1836); publicados de xeito anónimo, vencellados coa prensa e un pouquiño cos entremeses, na liña do de Feixó de Araúxo. Diálogos entre personaxes populares que procuraban espallar un ideal político e que se falase de certos temas. Estes coloquios ou tertulias pasaron á historia polo emprego circunstancial da lingua galega, sen desexos de procurar un modelo de lingua, coa intención de reflectir a fala e achegala ao pobo que a empregaba; próximos tamén nesa procura de concienciación social do diálogo entre o tamborileiro e o gaiteiro de X. M. Pintos ou do Catecismo do labrego de Lamas Carvajal, aínda que nestes últimos textos a defensa da lingua e a reivindicación da mellora social do pobo que a fala son os obxectivos claros. Lembrei estes días a Tertulia de Picaños en que entre os participantes, Vilas, o seu fillo Farruco, Pepe, Andrúco e o abade Choupiñas (que fala castelán e representa o antagonismo), se encontra Catuxa, que intervén en situación de igualdade. Era imposíbel non lembrar estás tertulias publicadas para espertaren a opinión pública nese 1836 e non traelas á actualidade, xa que salvando as distancias, Picaños volve dar que falar en Compostela; moitos volveron ser os parrafeos, chíos, mensaxes, opinións sobre o abandono de bens do patrimonio por parte do goberno municipal de Santiago de Compostela, como o fermoso lavadouro de Picaños.

O Espazo Veciñal de Sar convocou publicamente para a limpeza e posta en valor do lavadouro de Picaños ás sete da tarde do día seis de xullo, engadíase que o concello seguía sen cumprir as súas obrigas e denunciábase o seu abandono. Materia para un entremés. Entón deume por preguntar, ler prensa e souben que o BNG no concello de Compostela presentou no último mes de febreiro unha iniciativa no Pleno para que o Concello realizase os labores de mantemento e de restauración de lavadouros como o de Picaños. Daquela, o Pleno do Concello de Santiago aprobou, por unanimidade, unha proposición do BNG para realizar as xestións necesarias, en colaboración con outras administracións, para contribuír con recursos económicos e asesoramento aos labores de recuperación de elementos de arquitectura tradicional etnográficos iniciados por diversas asociacións. Até que o Espazo Veciñal de Sar chamou para limpar e denunciar o lavadouro estivo no abandono, o goberno local sen atender. O mesmo día 6 de xullo en El Correo Gallego batemos coa seguinte noticia: "Raxoi pon en marcha o arranxo dos lavadoiros, incluído o de Picaños". Coñezan esta obra e non esquezan que o espazo o limpou e defendeu a veciñanza do Sar. Que alguén escriba a nova Tertulia de Picaños.

Descubrín o lavadouro con Goretti Sanmartín Rei, a voceira do BNG no concello, compañeira de licenciatura que sabe da tertulia de Picaños, a das gacetas, e ten a sensibilidade para intuír da outra, a das mulleres lavandeiras, que conversaban de moito máis ca da vida privada; palabras e silencios que afogaron ou levaron cos seus voos as outras lavandeiras, tamén donas dos ríos. Moita memoria entre lavar, clarear e torcer ficou na pedra.

O Espazo Veciñal de Sar deu unha lección e sabemos a quen.

Comentarios