Opinión

O peso das tetas

Hai persoas que un día descobren que as súas mamilas comezan a se revelar e isto pode doer, como pode doer que comecen a dicir que xa se lle notan as tetiñas, que axiña vai ser muller. Entón é cando, perplexas, moitas diran que pensaban que xa o eran antes, algunhas terán máis medo ao descubriren que non as van ver como mulleres, outras aseguraran que non son nada diso e, outras máis, que son homes. Entón esas persoas comezaran a notar o peso das tetas, que aínda que cheguen a medrar moito e  desfagan as costas, esa carga non será comparábel como a da masa que vai cubrir a mente para ocultar o que a persoa sente e quere ser. Non é nada raro que haxa persoas que desexen ter tetas e outras que queiran eliminalas e a ciencia tamén debe ser para nos facer felices. 

Si, o das tetas é un peso moi grande aínda que non se leve sostén. Moitos ven ás persoas con tetas, desde que se revelan os mamilos ou desde que poñen o primeiro sostén, coma mulleres-presas e  cómpre desenvolver estratexias para sobrevivir, como a do ocultamento. Ademais as persoas tratadas como mulleres-presas, tamén aquí, son educadas para teren un grande sentido da culpa, do que deben e non deben facer; algo que nunca poden é provocar. Por iso moitas persoas tratadas como mulleres-presas aínda andan encorvadas, é dicir, sen botar peito.

Estes días lembrei a Sarah Lucas e o que un día escribín cando souben que eramos alimento, por iso ese seu autorretrato na cadeira, nas súas pernas o mundo aberto insolente e enriba das tetas dous ovos estrelados; os mesmos ovos estrelados ca os da pizza Sophia Loren, ese alimento, ese peso.

Estes días lembrei a arte reveladora e rebelde de Valie Export que eu coñecín nos anos noventa, recordei un poema en que dicía que tiña gardados no armario os pantalóns de Valie Export. Se pensei que eran necesarios para a Cidade sen roupa ao sol, creo que hoxe son imprescindíbeis. Aqueles pantalóns cinguidos, co seu pube, coa vulva, ao descuberto, para crear aquel Aktionshose: Genitalpanik en Múnic en 1969 entrando cunha metralladora (de mentira) nun cine porno, achegándose seria aos espectadores, poñéndolles a arma na sen e preguntándolles se querían foder con ela, baleirou a sala diante da labazada que volvía do revés a opresión e a violencia contra as mulleres (contra as persoas con vulva). Era cousa de pensar de traer o 69, mudar o lugar do cinema e o filme por algún mitin e achegarse até o atril principal, cos pantalóns de Valie Export.

Aínda semella máis apropiado valorar aquela acción co nome de Tapp und Tastkino (cine de tacto) de 1968 en que Valie pola rúa levaba posta unha caixa, sobre o tronco, coa parte dianteira aberta e tcunhas cortinas que tapaban as tetas, mentres o compañeiro Peter Weibel chamaba pola xente para que llas tocase. Ela afirma isto antes era arte e as persoas reflectían e rían coa provocación, hoxe por algunha destas accións sería detida.

Rigoberta Bandini pregunta: por que lle teñen tanto medo ás nosas tetas? A resposta é a volta do revés á opresión e á violencia das mulleres. O medo que dan as persoas con tetas cando sacan peito libremente. Unha provocación, a de Rocío Saiz nas súa actuación. Seica podía haber menores, e  un  depredador a detén, aínda que recoñeza que o espectáculo non tiña como fin satisfacer pulsións sexuais da denunciada.

Comentarios