Opinión

Nevenka e Charo

Hai vinte anos a imaxe de Nevenka Fernández entrou nas nosas vidas, moitas non a puidemos esquecer. Púxolle o rosto e explicou cos seus actos a palabra: acoso. Explicou coas súas palabras, porque tiña 26 anos, dignidade e foi moi valente o acoso sexual. Hai vinte anos de moitos feitos,  maneiras de actuar, de agresións non coñeciamos as palabras, moitas precisaban ser re-definidas, vivir un proceso de diálogo entre a cidadanía e os códigos do dereito. As palabras e os feitos que as explican agochabanse, como aínda se agochan moitas vidas, nas casas, nos lugares de alterne, nos despachos, a porta fechada. Hai vinte anos Nevenka Fernández, concelleira de facenda en Ponferrada, dinamitou a casa, dinamitou a casa que representaba o pobo e espertou en moitas a empatía, unha palabra pouco empregaba naquela altura.

Hai vinte anos cando Nevenka Fernández, a concelleira de facenda do grupo de goberno liderado polo alcalde do PP, Ismael Álvarez, elixido por maioría absoluta, chama por teléfono a Charo Velasco, concelleira do PSOE e voceira da oposición; cando Nevenka Fernández fala, cando Charo Velasco atende e entende, establécese entre elas unha relación que explica moi ben unha palabra, que tampouco se empregaba moito daquela: sororidade. Na intelixencia de Nevenka, por chamar na porta da súa igual, na empatía de Charo Velasco por comprender e descubrir unha muller rota, por identificar ese acoso, por apoiala, por lle dicir que tiña que denunciar o que estaba pasando, nesa intelixencia e empatía é onde hai que situar o trunfo da dignidade de Nevenka. Porque aínda que o alcalde acosador, Ismael Álvarez, o culpábel, apoiado polo seu partido político, por moitas das mulleres do PP, pola propia Ana Botella, finalmente, presentase a súa dimisión, aínda que anos máis tarde crease unha nova formación política e cos votos da cidadanía volvese entrar como concelleiro, nesa casa do pobo que Nevenka dinamitara, aínda así. Aínda que co seu apoio e mediante unha moción de censura contra o PP, o candidato do PSOE obtivese a alcadía, aínda que esta formación política dubidase até que obrigou ao alcalde a abandonar o partido por non admitir pactos con un acosador... Aínda que Nevenka tivese que abandonar o país para buscar traballo e rumbo de vida, ela, a vítima convertida en culpábel, gañou porque tiña dignidade cando presentou a súa dimisión, cando denunciou e soportou un xuízo sumarísimo.

De hai vinte anos lembro o libro de J. J. Millás e a realidade de Nevenka fronte á manipulada e patriarcal tan ben representada por aquel fiscal, García Ancos, logo apartado do caso, outro trunfo. Lembro as imaxes da manifestación de apoio a Ismael Álvarez, que non foi tan numerosa, se pensamos que tiña a maioría absoluta, a prensa, a empresa e un sistema onde el era o amo de subvencións e moitos postos de traballo. Daquela tampouco debía ter moito predicamento na sociedade a consigna de “tolerancia cero”, mais algunhas lembramos daquela o apoio de Amancio Prada a Ismael Álvarez e non o olvidamos, a Wikipedia tampouco. 

A. Pastor e M. Sánchez Maroto agasállannos co documental “Nevenka”, e compartimos a sororidade de Nevenka e de Charo e como con elas avanzamos.

Comentarios