Opinión

Memorial da lingua prohibida

Tomo o título desta columna dun libro fundamental e necesario, con moitas páxinas, tantas que mete medo; setecentas sesenta e seis exactamente para nos explicar: O libro negro da lingua galega. Crónica de quiñentos anos de represión e silenciamento. Desta obra, publicada en 2022 por Edicións Xerais e da autoría de Carlos Callón, gustaríame falar moito contigo, querida Luísa. Moita memoria recuperada, moitas máis páxinas que anos, para se tratar dunha antoloxía que relate: "Mil e unha noites de pedra". Xa se nos advirte no inicio: "Non hai páxinas suficientes para todos os días solleiros que se eclipsaron en prohibicións, calumnias e furias". Non hai palabras para agradecer este estudo.

Unha memoria que axuda a comprender o momento que vivimos, como chegamos até aquí, que o investigador inicia coa segunda substitución nobiliaria, consecuencia da derrota de Xoana de Castela (alcumada a Beltranexa) fronte a Isabel de Castela, que provocou a substitución lingüística, para ser escribán non se podía empregar o galego. A primeira "ocupación nobiliaria" por parte de Castela provocara a introdución do castelán na escrita, convivindo aínda co latín e co galego, nunha etapa de diglosia, consecuencia da guerra do século XIV entre Henrique II de Trastámara, o vencedor, e Pedro I, o perdedor, da dinastía de Borgoña, casado coa Xoana de Castro, a personaxe histórica que nos descubriu Otero Pedrayo.

Estes acontecementos que, cando se explican na aula dan para pensar que sempre nos toca o bando perdedor, inician este memorial de agravios que remata en 1986, coa sentenza do recurso do Goberno Español contra a Lei de Normalización Lingüística aprobada no Parlamento Galego en 1983 por unanimidade.

Esta historia da galegofobia cóntase a través de: documentos xurídicos que restrinxen o galego; textos (artigos, discursos) que argumentan e xustifican a exclusión do galego de diferentes ámbitos e a imposiblilidade de realizar todas as función dunha linguas; testemuños, noticias, relatorios que amosan a vivencia real de situacións represivas contra a lingua, e tamén se dá conta dos debates en cámaras de representantes en que se negan os dereitos lingüísticos ás galegas e galegos.

En definitiva, un estudo que de continuar no tempo, dentro duns anos, obrigará ao seu autor a incluír o decreto de plurilingüismo no ensino e a desvelar a identidade do deputado electo por Madrid, do ex presidente da Xunta e de 13 deputadas e deputados electas en Galiza do PP que votaron no Congreso mostrando a galegofobia.

Por fortuna, despois de 46 anos, na Cámara onde nos defenderan Castelao, Otero Pedrayo ou Alonso Ríos en Madrid, con 176 votos a favor e 169 en contra, aprobouse o uso do galego, do euskera, do catalán. Agardo escoitar tamén asturiano, aragonés e aranés. Contra a pluralidade do Estado nun bando: PP, Vox e UPN. Deberá incluírse no capítulo a posición contra o emprego do galego no Congreso do actual presidente da Xunta.

Nun día histórico Néstor Rego empregou por vez primeira na cámara o galego en toda a súa intervención. É de agardar que as persoas votantes do PP e galegofalantes, abracen a autoestima e tomen nota. Como ben escribiches nunha columna, emigrar en terra propia, querida amiga, "a meirande parte de usuarios voluntarios e conscientes do galego son, somos, retornados con vontade de ficar".



 

Comentarios