Opinión

Mamá, vacináronme!

Aínda non lle podo dicir á miña nai que me vacinaron e tranquilízame saber que ela recibiu hai máis de vinte días a súa segunda dose da vacina, Pfizerr. Estivemos con ela a semana de vacacións da escola, coindando e coidándonos e vendo un algo de luminosidade coa primavera pousada nas flores das árbores e no regreso do lirio azul no noso xardín. Hoxe non deixo de pensar nas vacinas, nas persoas vacinadas, nas sen vacinar e nas medio vacinadas. Non deixo pensar na paciencia, quizais de máis, neste maltrato infantil, permítaseme a expresión, xa que considero que os nenos e as nenas teñen dereito a que se lles expliquen as cousas.

Un día con seis anos de volta da escola berrei: mamá, vacináronme! Viña feliz para xogar co meu irmán e mamá enfureceuse. Que dis de que te vacinaron? Que tontería é esa? Lembro dous homes que chegaran, a mestra que nos dixo que nos viñan vacinar, colocaran unha mesa fóra e na escola de nenas de Mosende todas en ringleira recibimos unha dose que tivemos que engulir. Lembro un sabor raro e amargo. Ningún pai, ningunha nai. Miña nai só me dicía e como non botaches fóra iso, como non o cuspiches. Non sabía que era nada malo. Mamá colleume pola man e volvín con ela á escola, voando polo quilómetro e medio. Mostroulle a miña carta de vacinas, xa tiña todas as doses contra a poliomielite, esixiulles que me anotasen unha máis, discutiu con eles, como nunca vin discutir miña nai na vida. A poliomielite foi unha enfermidade terríbel que o franquismo ocultou, sen protocolos claros de vacinación, sen explicacións, terríbel coas dúas xeracións anteriores á miña. Agradezo moito a atención da miña nai, do meu pai, sempre realizabamos revisións médicas e na miña casa tamén todo o que viña do campo se lavaba cunhas pingas de lixivia. Cando o meu fillo chegou de Etiopía con, aproximadamente, cinco anos, imaxinamos sen vacinas recibiu todas. Volvín revivir o medo dos meus seis anos, non podería quedar eu coxa por recibir unha dose de máis, cada vez que me doían os ósos nos medres eu pensaba que non ía poder andar dereita, que xa non podería bailar, igual morría e todo, vivía con ansiedade a oración “morrer con dor”. Eu nai, tiña medo que o neno tivese algunha reacción mala con tanta pica (como lle chamaba el).

Hoxe son capaz de imaxinar todos os medos coas vacinas: as postas e as medias postas. Vivo con angustia o desexo de ser vacinada, quero vacinarme, mais vexo certo maltrato infantil de non explicar moito ou facelo mal, de sementar medo, incertidume, de nos escurecer toda a luminosidade  da primavera, de nos volver un pouco ao túnel polo que xa levamos andando máis dun ano. Cando vexo as ringleiras de persoas agardando pola vacina, lembro á nena que fun e logo a miña nai, preguntándome por que non cuspín. E eu non quero que me volvan estas lembranzas xa que creo na ciencia.

O 21 de xuño de 2002 a OMS declarou Europa zona libre de poliomielite, deixou de se empregar a vacina oral Sabin, a que eu engulira na escola. En moitos países a enfermidade segue aí e trátase coa primeira vacina, a Salk, coa Sabin, ou co combinado das dúas. Sabemos que a ciencia avanza con erros e acertos, é humano ter medo a vivir o erro.

Comentarios