Opinión

Luísa, entre columnas

Quero, amiga, traerte a esta columna e tamén ás que han vir, botar a andar aquela idea que tiñamos: iniciarmos un diálogo desde o noso espazo nas páxinas do noso querido semanario de A Nosa Terra, para falarmos da actualidade e de todo o que nos viñera á cabeza. Tratábase desenvolver nobelos, agarrarmos algún fío e tirar; un nobelo que poderiamos trocar por outro, coma quen mestura as cores de la para calcetar un xersei. Podermos coas chaves do tempo dialogar co texto borrado, desfigurado, o do que chaman Silencio, ao que nos levan as chaves. Desentrañarmos o palimpsesto. Palimpsesto, palabra e idea tan querida da amiga Marica Campo, tamén compañeira desde aquelas columnas, como Pilar García Negro, Pilar Pallarés ou Marta Dacosta. Páxinas en que lembro as colaboracións de Ana Pillado, a sinatura de María Reimóndez, o xornalismo de Arantxa Estévez e Carme Vidal. Sorte que con oficio de maxistral entrevistadora, Vidal, non che roubase espazo no texto, para que recollese tan ben as túas palabras: As culturas armadas contra a globalización son aquelas nas que perviviu o seu folclore. 

Quero dialogar, invocarte co Silencio. Sen a nostalxia, co presente que tamén re-escribe e limpa o po da tabuleta, como o escriba de Pallarés; co presente que dá terror e indigna, en que son precisas as palabras, compañeira, para o combate diario coa vida, esa poesía en que salvarse. As palabras para nos comprometer, para nos defender, para a guerra contra tanta manipulación, a mesma que converteu unha mentira catro veces repetida en verdade. Estamos nas mesmas, Luísa, e diso iremos falando, da necesidade de non nos deixar morrer, da doma e castración do reino de Galiza tamén. Da túa derradeira columna: Cultura, cultureta, culturismo. De todo o que nos vai vir enriba. A ti tamén, amiga. Non cho dixen: es a autora homenaxeada para o ano 2024 das Letras Galegas. A editorial Galaxia publicou O outro lado da música, a poesía e os teus poemarios nun volume, Pensar é escuro; agás os poemas do libro, O papagaio, con M. Longueira. O Centro Ramón Piñeiro publicou poesía nédita, As palabras ingrávidas. Este pode ser un novo principio, con todo o que iso significa.

Lembrei a gralla que corrixiches a man en cada exemplar, naquela cita grega. Lembrarán os teus editores de Via Láctea, de Laiovento, de A Nosa Terra, de Espiral Maior, que a ti Luísa, non se che muda nin coma, nin palabra. Nin a do teu poema a A. Bóveda: Galiza.
Imposíbel non recordarte cando hoxe solicitei o voto por correo, a tranquilidade que dá, falamos, polo que puidese acontecer no día das eleccións. Vinte anos despois é preciso votar aínda máis contra o fascismo, que xa está prohibindo representacións teatrais, que nega a violencia de xénero, o cambio climático. Como di a miña Marina, se Doñana desaparece, iso non xa non vai ter remedio. Tampouco vai ter remedio se nos estragan os montes, se nolos rouban, se ao lonxe xa non albiscamos fragas e no canto da ponlas das árbores hai verdadeiros xigantes que desorientan as aves; tampouco se as augas do mar quecen e adormecen para sempre os peixes. Un pesadelo que nos avisa, que hai que votar pola vida, pola palabra, polo amor, para que non se volva escoitar o berro de: Viva la muerte!

Hai que votar, Luísa, para termos voz, contra o fascismo, tamén pola liberdade das columnas.

Comentarios