Opinión

Loliña na fiestra

Loliña dime que hai que ter paciencia e confiar na medicina. Eu pídolle que non se desanime. Dime que o ánimo nunca se pode perder e que hai que chegar con el á morte. Loliña explica en palabras a expresión da suma  Paz+Ciencia; o resultado desta operación nada ten que ver con resignación, nin. Ten que ver coa maneira de encarar a vida, con ila virando, mais sendo ti quen a guies, sen te abandonares, sen te deixares facer. As súas palabras para min son importantes, sempre me gustou falar con ela e con Piña, transmitíronme moito da historia da miña familia paterna, da cidade en que me gusta vivir e de todo un xeito social de comportamento que nunca aparece nos libros de protocolo.

Con elas aprendín moito de iconografía relixiosa, que me abriron mundos e moito teñen que ver coas miñas visitas aos museos de arte sacro. Sen elas, sen a historia de Santa Zita de Lucca, non existiría o meu poema “Madonna Aurita”, a percebeira de Ons, retratada por Anxo Cabada, que ten no seu colo percebes que son flores. Sen elas, nada sabería da historia da tía Angelita, da súa dor, da súa morte en vida despois do fusilamento do seu home Fernando. Loliña é memoria viva e como todas as persoas maiores, se queremos, vivifica esa memoria en nós. Pouco antes da pandemia decidiu entrar nunha residencia para manter viva a súa independencia, nun espazo elixido e as necesidades cubertas, saía todos os días de paseo e mantiña a súa vida social. Foi levando o confinamento na primeira ola. Agora, na terceira ola, a Covid converteuna nunha paciente con paciencia asintomática, rodeada de Covid por todas partes.

Falar con Loliña por teléfono non é mesmo, non ver como move as mans, como marca as pausas co movemento da súa cabeza, como cos seus ollos nos vai levando ao climax do relato. Non, non é o mesmo, mais segue sendo unha marabilla. Pilar, a súa sobriña, mándame unha fotografía de loliña, na fiestra da residencia, falando con ela por teléfono cun xersei vermello. Achegouse até alí co seu neto Teo, para mostrarlle como vai crecendo o neno. Falar desde fóra por teléfono, sentir a voz, a historia nova coa que Loliña a sorprende e a fai rir, a que mantén na face das dúas o sorriso vivo entre tanta tristura, velaí a marabilla. Neste feito hai moito máis: a celebración da transmisión, a memoria vivificada e a profundidade do amor. Teo, valorará nun mañá ter estado alí e coñecerá esta e outras moitas historias que Loliña contou, que tamén serán a súa historia.

É moita a tristura que nos envolve, é unha traxedia a soidade das persoas maiores, o seu confinamento, a morte por Covid sen despedidas é unha crueldade. É unha sorte e é preciso agradecer a existencia desas coidadoras, da súa entrega, ese seu desvivirse para coidar e que teñan unha morte boa, para ser esa derradeira man que se dá. Cando lle poñemos rosto ás traxedias constatamos que están perto. Celebro cada día de Loliña e o seu ánimo, que transmite, agardo que todo isto remate axiña, para ver como colle no seu colo a Teo. Para que nos conte moitas historias, para que Pilar e mais eu tamén as aprendamos a contar. Loliña, paz+ciencia, na fiestra co seu xersei vermello, unha esperanza linda.

Comentarios