Opinión

Helena, Cándida, Ana e Icía

Hai imaxes que non nos deixan impasíbeis, a educación tamén nos aprende a interpretar o que se agacha na súa contorna, o que non se ve, e a nos conmover. Nunha fotografía hai un grupo de mozos sorrintes nunha aula universitaria de Vigo, se hai algunha moza non a vexo, o titular do "faro" tampouco a inclúe: "El talento pisa el acelerador. Trinta y cinco futuros ingenieros de la Uvigo participan en la construción de su nuevo bólido". Onde están as universitarias que estudan enxeñaría? Contra esta imaxe, penso en Helena, a moza da miña aldea que estudou Telecomunicacións e agora traballa como enxeñeira en Citröen, neste momento cun permiso de maternidade. Mais a fotografía é para min aínda demoledora, como o titular, como a RAE e a súa lectura da Constitución, como a princesa e a raíña, como o veto parental. Imaxes, conceptos que desexamos obsoletos e están na actualidade contra a educación dunha cidadanía libre.

Por sorte, hai outras imaxes. Moitas gravamos na nosa cabeza unha Ministra de Defensa, Carmen Chacón, preñada, pasando revista ás tropas, unha imaxe con moito significado, que non deixaba de mostrar a contradición entre a preparación para a morte e a vida. Por sorte, insisto hai outras imaxes. En 1922 no lugar de Sobredo, en Tui, prodúcese un feito que encheu durante días páxinas dos xornais, horas de debate no Parlamento, que vive na memoria das persoas, que lle puxo simbolicamente o punto final ao pago dos foros, é unha manifestación popular, disolta a tiros pola garda civil. Esta rebelión de solidaridade con un veciño que se negaba a pagar os foros, rematou con persoas feridas e tres mortas: Joaquín Besada, Venancio González e unha muller preñada, os Mártires de Sobredo. Á muller preñada, referenciada así en moitas páxinas da prensa da época, houbo que lle procurar o nome e con el, restaurar a memoria de moitas mulleres activas socialmente no momento que lles tocou vivir. Hai un elo de unión entre Cándida Rodríguez González, de Pazos de Reis, preñada e matada, Mártir de Sobredo, ese lugar onde o poeta Cabanillas dixo que do seu sangue florecería unha rosa, e a imaxe de Ana Pontón, preñada, falando para o pobo, na rúa. Esa imaxe, vale máis que mil palabras, Ana Pontón é a candidata á presidencia da Xunta de Galiza, na súa cabeza leva a historia do país, tamén a de Cándida ou a máis recente das mozas como Helena, e diríxese a quen desexa escoitala, con razón e dignidade.

Hai unha imaxe que nos encheu de tenrura, a man de Ana que nos mostra unha man pequeniña, a man de Icía. Tiven unha alumna, que forma parte da familia dos afectos, Icia Irlanda. Contra todo o sistema educativo e por educación, Icía, nunca claudicou, entrou no Instituto falando galego e, contra toda a presión social, saiu falando galego. Icia non dubidou en poñer unha denuncia para defender os seu dereitos laborais e gañou. O nome de Icía, paréceme fermoso.

O 21 de xaneiro de 2008 morreu Marie Smith Jones, a derradeira falante da lingua eyack, polo veto parental. En Galiza nas mans de Ana Pontón está o futuro, no seu sorriso a rosa.

Comentarios