Opinión

Heidi Kühn-Bode na luz de Nós

Dicía que era preciso rir, moito. Para calmar a dor hai que chorar, sen medo, sen pudor e logo, para recobrar a calma, rir. E ficar co sorriso, proba de estar ben cunha mesma. Despois dunha dor, outra dor, recitamos lentamente. Xuntas na morte de Xela Arias, alí en Gernika, no bombardeo do Museo da Paz, chegou a nova aterradora, para ficarmos colectivamente xélidas, escritoras e escritores de Galeusca. Xuntas na morte de Luísa Villalta, outra  vez, colectivamente xélidas nunha xuntanza en Compostela da AELG, cando chegou a nova aterradora. Compartiu a súa luz con Nós, a que nos unía con Europa e co mundo, comprendedeu a luz de Nós, a que nos situou no universo para berrar que somos e estamos aquí por graza do idioma, polas palabras en que se funda e amasa todo, moito sabía disto e escribiuno. Heidi Kühn-Bode e a memoria das devanceiras que a habitaba e o futuro que fundou para as súas, percorreron camiños de ida e volta.

Descendente daquela poboación de migrantes que se estabaleceu en Pomerania no XIX, filla das refuxiadas que regresou á Alemaña, a Echin, despois da Segunda Guerra Mundial, onde se asentaron para darlle unha infancia sen fame de palabras, coa música do violín da súa nai, Maria Luise. Coa aprendizaxe de linguas, moitas palabras na valixa e novos desexos de aprender, chegou á España fraquista en 1968 e andou con saia curta e seguridade rotunda, polas rúas e prazas con poucas mulleres solitarias que ían ao seu. Atopou un mundo con cores desactivadas, durmidas, e encontrou a comprensión e o alento nas cores que lle ía regalando o mar, que a arrolou na Coruña. Bilbo, Madrid, co alemá e o inglés para traballar como tradutora, naquela capital necesitada de moitas outras músicas, onde un día nunha manifestación que trataba de tronzar barreiras e liberar palabras, caeu case debaixo dun cabalo e un mozo interesante, Emilio, cun acento distinto que lle rompía a fonética aprendida de lonxe, axudouna a levantarse, velaí a orixe de todo un proxecto de vida. A Coruña, a cidade, en que se integrou, onde creceron as súas fillas, onde xogou cos netos, coa neta e onde tamén deu aulas e multiplicou afectos. Foi profesora de imaxe iconosclasta inolvidábel para moitas das súas alumnas.

Sementou de cores a xeografía no deseño de novos parques infantís. Foi na Coruña onde espertaron todos Os mundiños, escribiu Teatro para contistas, agasallounos con Fideliño, o carteiro, contounos como Falou un queixo. Heidi Kühn Bode escribiu unha novela fantástica para a literatura galega, Pomerania, meu amor, estou moi contenta de llo ter dito, de ter comprendido e gozado con ese pranto secular herdado dun naufraxio espallado polo Báltico, que ilumina espazos perdidos, Pomerania ou a propia Galiza de Bóveda ou aquela onde Adelina tomou café. Partillamos as nosas outredades. Foise en maio, a súa familia galega da súa patria, a literatura, vítima da Covid, non  se puido abrazar, sen chorala, non é posíbel o riso como sinatura da calma. Orfas as palabras, pan cotián, palabras, plantas coma paxaros que voan na súa paisaxe e deixouno escrito. A dor comunal de non celebrar o dó, infelizmente, mundial. Até sempre, tigresa.

Comentarios