Opinión

A Festa de San Diego

A Covid segue alterando o noso ritmo de vida e esa "normalidade" á que desexamos volver, que fai que nos ilusionemos coa idea de tirarmos a máscara e, sen ela, liberármonos de todas as barreiras, será unha normalidade tan nova como descoñecida. Na realidade de hoxe as vacinas son o pasaporte   para estarmos a salvo. Non é unha cuestión de fe, é sabermos que avanzamos coa investigación  cinetífica. É confiarmos en quen ten capacidade científica. Que as persoas menores de sesenta anos  que recibiron a primeira dose da AstraZeneca se vexan obrigadas a elixir e teñan que asinar o seu consentimento antes de se vacinaren de novo, crea como mínimo confusión social. É unha irresponsabilidade converter a vacinación nun menú de dúas opcións, ao que se achegan persoas en ringleira como se estiveren nas portas da cociña económica. Semella que fronte á ciencia a cousa vai de cartos. É doloroso. Indignante.

Fronte a esta dor eu vou regresar coa cabeza á miña parroquia, Mosende, e á festa de San Diego, agora que tamén coa Covid, as festas das parroquias xa non son o que eran ou, simplemente xa non son. Cando hai nove anos meu pai estaba enfermo de cancro o sistema sanitario aínda era outra cousa, ademais da profesionalidade de todo o persoal que o atendeu desde o Hospital do Meixoeiro, sumábase a empatía, o querer. A familia e meu pai vivimos a enfermidade coa mellor das atencións. O meu pai na causa coa dignidade dos coidados paliativos tivo tempo de se despedir durante eses poucos meses de familia, compañeiros de traballo e amizades. Lembro o amigo de infancia que chegou de Nova York, con el, a mocidade do meu pai. En maio cadrou a festa de San Diego, meu pai pediume que falase con Javier de Varela que formaba parte da Comisión de Festas para que lle dera volta aos autofalantes, xa que desde a casa non se podía escoitar a música. Javier non lle fallou. Meu pai puido oír a música e o cantar das poxas. Sabía que era a súa derradeira Festa de San Diego. Coa súa alegría e a miña pena no corpo, fun tomar o vermú, coa miña amiga Flora, enfermeira,  a última persoa, algo máis de dous meses despois, que lle tomaría a tensión ao meu pai, mentres el llo agradecía tamén cun derradeiro sorriso. Escoitamos a banda de música, topei co meu irmán, vin as amizades e a veciñanza de toda a vida. Dinlle as grazas a Javier e pregunteille se tiña cereixas, son as que mellor me saben de toda a miña vida, do lugar do Varela, no día da festa.

Un días despois meu pai díxome que na bodega enriba da porta había enroscado o cartel da última vez que el foi mordomo da Comisión de Festas, que algún día tiña que escribir diso, xa que as festas ían acabar e habería que explicar como se facían cando non todo ía polo banco, cando se ía de porta en porta. Non puiden estar en Mosende no día de San Diego, uns días antes, fun a bodega e alí estaba o cartel de Festas de San Diego de 1992, a letra do meu pai di que formaron parte da Comisión de Festas: José Piñeiro, José Barros, Florentino, Sorio, Celso Iglesias, Serafín do Varela e Emilio Romero. Algún día contareivos de como se andaba a pedir, de como Rosa de Varela cosía, de Victoria e da miña nai que axudaba. Apertas a Mosende e máis alá. Saúde.

Comentarios