Opinión

Desde Alemaña

A vella fantasma revitalizada percorre a non menos vella Europa; os seus tentáculos estíranse, apoderanse de vidas, chuchan sangue, estendense en ríos de lume, espilida en pirotecnia alimenta o ar, e a auga que debería chegar do ceo pérdese no mesmo ceo ou cae en tres tristes pingueiras para a sentirmos máis en falta ou, pola conra, arrogante rebenta tellados, aburaca solos e asulaga colleitas en inxurradas.

A terra está seca en Europa. A paisaxe tamén muda en Ober-Hilbersheim, por sorte abracei como cada ano a nogueira de Alfred, ao seu pé agardan xa as noces polas mans que as recollan; entristéceme ver como as fileiras de árbores tileiras que deseñan a estrada teñen as ponlas mortas de sede; fálase en toda parte desta seca e cómpre pensar en novas plantas para os xardíns. En Nüremberg acordouse fechar as piscinas municipais para regar as árbores. Adiantarase a vendima e chegarán máis cedo as mans polacas. A terra reacciona a tanta explotación e nada nos advertiu Marx da  fantasma do cambio climático, esa loita feroz do capitalismo contra quen dá de beber e  comer.

Trememos vendo como aboian os peixes mortos e todas as crituras que habitan nos ríos; esa imaxe convértese en pesadelo de noite e en conversa de día desde que chegamos ás terras da Cataluña que rega o río Têt, segue a anguria cando é noticia constante a morte de toda a vida que nada no río Oder, na fronteira con Polonia. Fálase do quecemento das augas, de posíbeis verteduras químicas. Mais a fantasma mete medo encarnada na morte das augas. Aínda hai pouco se falaba do regreso dos peixes ao Reno, da revitalidade do río, trunfo da política verde. Hoxe as noticias sobre o Reno din que case non leva auga, que se pode ir a pé  dunhas illas ás outras, que xa non pasan os barcos e isto muda a paisaxe e as cousas: A maior autoestrada navegábel de Europa obrigada a deter o seu tráfico.

Alemaña divídese en quen defende ou ataca o envio de armas a Ucraína; unha carta aberta en abril dirixida ao chanceler alemán, Olaf Scholz, asinada por vinteoito personalidades entre elas a feminista Alice Schwarzer, o cantautor Reinhard Mey, o escritor Martin Walser ou a autora Juli Zeh, advertía do perigo dunha terceira guerra mundial, do erro que pode significar unha escalada de armamento baixo presión e da responsabilidade histórica alemá de loitar pola paz mundial. O medo no pobo alemán é rematar dentro desa guerra, sabe que USA adestra soldados ucraínos no seu territorio. O debate provocou unha nova carta aberta asinada entre outras persoas pola premio nobel de literatura Herta Müller, polo xornalista turco-alemán Denis Yücel ou polo xurista W. Ischinger. “A causa de Ucraína é a nosa causa” manifestan e defenden o envio de armas, concreción no embargo ás fontes de enerxía e a entrada de Ucraína na Unión Europea. Mentres tanto refuxiadas, mulleres-botín de guerra, violadas e preñadas que non poden abortar nin en Ucraína, nin en Polonia, que atravesan fronteiras sen o teren nada doado. Lembran as mulleres alemás violadas por diferentes exercitos que pariron criaturas ás que se lle permitiu levar o apelido dos seus maridos mortos.

A Segunda Guerra Mundial e as súas consecuencias están en todas as mentes, entre as fantasmas do medo e da cautela, coa suba dos prezos, sen saberen como se soportará o frío do inverno.

Comentarios