Opinión

Debilidade

Se unha bandeira palestina chegou á parede do cuarto, se un pano palestino abrigou corazón e pescozo, foi por algo máis ca un xesto de mocidade, por algo máis ca unha moda, foi por unha conciencia que, sen o saber, nos convertía en tribo. A tribo que quería situar Palestina no mapa da Xustiza e berraba: Palestina, vencerá! Foi por termos xuízo, o que ás veces nos falta para nos amar a nós coma pobo.

O xuízo que fai que sintamos vergoña e que agora lle falta á Comunidade Internacional ao lle negar a razón a un pobo masacrado por un Estado, ao esquecer o dereito de Palestina a se defender e ter un Estado propio e ao observar como a OTAN lle permite a Israel, xa que ten dereito a responder os ataques de Hamás, que si, que entren a matar, mais “que o fagan de xeito proporcionado”, coma quen di, con precaución. 

Crecemos querendo o Sahara, unha ferida aberta que doe e para pronunciarmos a palabra traizón, unha vez máis. Aprendermos todas as fronteiras por onde se espalla o Curdistán e como lle impiden ser. Tamén soubemos do xenocidio armenio, antes de Auschwitz; do xenocidio de Ruanda, despois de Auschwitz. Agora asistimos en directo ao xenocidio do pobo palestino, un pobo colonizado polo Estado de Israel que establece políticas de ocupación ilegal que os condena á fame e a sede, a un campo de concentración, como en Auschwitz.

A nós, cústanos falar, berrar, abandonar a casa e mesmo crer o que nos converte en espectadoras doutra guerra, que entra polo móbil minuto a minuto, como se estivermos alí, como se dun xogo se tratar, no que vale todo para darlle a razón á ofensiva de Israel, que reanuda os bombardeos contra Gaza, que mata de forma indiscriminada, con bombas que impactan contra hospitais e refuxios da ONU. E alí, sen luz eléctrica, sen alimentos, sen auga, sen posibilidade de crear un corredor humanitario cara a Exipto que permita á poboación saír de Gaza. O terror é a invasión terrestre ás portas de Gaza, que entre o exercito de Israel. Mentres tanto en EEUU, as armas de destrución masiva que xustificaron a guerra de Irak, agora son as imaxes de corenta naipelos decapitados por Hamás (que parece que Joe Biden non veu). 

Levamos co conflito palestino-israelí toda a vida, antes de Hamás, que lle dá dereito a Israel a defenderse. O mesmo dereito internacional ao que ten dereito Palestina. Mentres a Comunidade Internacional de Occidente axuda Ucraína na súa defensa, Palestina agarda soa a paz que non ten garantida.

Debilidade é o título do poema que escribiches, Luísa, que forma parte do volume, Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina,que publicou a Fundación Araguaney no ano 2003. Desde a lapela do libro, Ghaleb Jaber Ibrahim agradece a quen, desde Galiza, lanza estes poemas, coma pedras da Intifada contra a inxustiza e indignidade. Di que sería fermoso que a historia se escribise sen a razón das pedras palestinas. Nos teus versos, Villalta, confesas que es débil, que vives ofuscada polo vicio da razón, que mesmo sofres do delirio imperialista de chegar a dominar a quen domina. Maldís a súa epopea triunfal, consistente en non deixar medrar os nenos condenados a vagar entre entullos e cadáveres.

Confésaste máis débil que o odio, que a pobreza ante a riqueza innegociábel e pides a paz, coma min, para un pobo pobre e débil, coma nós, amiga: un estado libre e popular en Palestina.

Comentarios