Opinión

Ao abeiro de Manoel Vello Salvado

Só direi un nome que pertence ao grupo das persoas que queremos e estimamos a traxectoria vital de Manoel Vello Salvado, o de Carolina Silva, a súa compañeira. Hai moitas persoas que coñecemos a Manoel, así era como el se chamaba, como se escribía, para gardar un aquel do pasado que se envolve en tradición para ser futuro, a lingua popular; si, somos moitas as que partillamos algún momento do seu tempo, do neno de Xanceda, do adolescente no Instituto de Ordes, do universitario na Coruña; moitas as que formamos parte das arelas políticas que o levaban a estar organizado ou non, por un país con futuro, sempre na construción do ben común. Todas as que o queremos afirmamos de Manoel que era bo e xeneroso, sen dúbida ningunha.

Onte mesmo pola noite quixen volver escoitar a súa voz, é a sorte de que unha gravación nos atrape para a memoria, así que me detiven na conversa que Xosé Manuel Lema mantivo con el en 2016; emocioneime, como emociona a voz que se garda na memoria e regresa, tan persoal como o noso rostro ou como o noso camiñar. Analizaba Manoel a actualidade política daquela, a traxectoria do nacionalismo organizado, falaba da unidade, dese sentimento de ser galego, entón lembrei aquel libro, que sei que leu, de Xosé Chao Rego: Eu renazo galego. Manoel era crente, cristián de base, supoño que iría ao País do Alén séndoo.

Manoel de Mesía, da comarca de Ordes, o que desexaba era poder vivir en galego, que o mundo puidese desenvolverse na lingua que nomea o territorio en que alentamos, que a lingua de nós estivese ceibe de chagas e de grillóns. Non hai iniciativa que apoie a normalización lingüística que non contase co seu ánimo: desde as que defenden a etiquetaxe en galego, esa roupa de festa para celebrarmos un produto digno até as que imprimen a lingua nos camposantos e na derradeira despedida, na lingua de vida ou tamén, na lingua da identidade que mantemos sen renacer. Manoel sabía que o galego tamén era a lingua de quen, vivindo connosco, por unha ou outra a razón, non a falaba; o estripeiro en que se podía enxertar quen viña de fóra. Non había malas palabras en Manoel, había argumentos. Por que custa tanto entender que a defensa dun mundo sostíbel, deste mundo animal e vexetal, en extinción, debe ir da man da lingua que nomea esa extinción? Como se pode falar de mudanza climática e non pensar na morte das culturas e das linguas que senten e nomean esa mudanza? Defender a vida no planeta e respectala, coidala, é defendermos as linguas que a contan e a relatan.

Carolina Silva chamou polas amizades. O sábado 18 de marzo xuntámonos unha parte pequena na libraría Couceiro en Compostela, unidas por ese desexo de vivirmos en galego, de axudar para que ese desexo do Manoel non morra. Moitas eran as ideas que ían saíndo nunha tarde en que tiñamos moi claro que as amizades do noso amigo andaban polo mundo e que mesmo chegaban desde a Cataluña Norte, como a voz de Carme Coira que se conectou desde alí. Eramos moitas máis. Acordouse crear a Asociación pro Fundación Manoel Vello Salvado, esa é a finalidade, unha fundación, que terme do seu desexo, vivirmos en galego.

Manoel Vello Salvado, connosco, ao seu abeiro, logrou que persoas que non nos coñeciamos ou que nunca nos trataramos estivésemos nun mesmo lugar, que teñamos un mesmo soño. Agardámosvos.

Comentarios