Opinión

Agosto: Ardente Canícula

Velaí a cuestión, Luísa: Escribir para quen. O primeiro texto no Libro das Colunas comezaba coa referencia ao IV Congreso de Escritores Galegos, (ti precisas: Escritores en Lingua Galega), celebrado en Vigo en decembro do 2001, e á pregunta de Paco Rodríguez: Para quen escrebemos? Para quen escribimos as escritoras e escritores galegos? Vas engadindo no desenvolvemento do artigo. Para quen le, afirmas. E entras en todas as posíbeis respostas: “nada máis que para quen escribe”, “Para nós mesmos, para os nosos afíns, para os do cotarro”. Tocas puntos fundamentais que seguirán sempre aí para ser tratados, como o tratamento social ou educativo da literatura.

Afirmas que “non estaría mal un país todo de escritores reais e escritores en potencia, que fixesen da lectura unha reescrita”. Partías do medio da crise bélica internacional, da incertidume económica e ante a crise editorial, “nun país onde nunca parece haber crise”. E estas palabras poderían servir para hoxe, para este agosto que remata, que percorreu Europa como unha ardente canícula, da que se nos advertía nos anuncios luminosos das autoestradas francesas e en toda a prensa, mentres abafabamos na (in)consciencia do cambio climático.

A cuestión percorre a poesía rosaliana, toda a súa escrita. Para que, para quen, escribimos as escritoras? Para que, para quen, escribimos as escritoras galegas? Non vou entrar no asunto mais si vou recomendarche agora o libro de poesía desta semana, publicado en Librefeminista La Editorial, 2023.

Por un lado, e poderiamos comezar polo outro, Esta disidencia que habitamos de Andrea Nunes Brións, bilingüe en galego e castelán, que se reúne no volume coa disidencia que coñeciamos de Todas as mulleres que fun (2011) e Diáspora do amor balea (2018). Dámoslle a volta para nos atopar con Tributo a Safo, unha selección de poemas desde 1901 até 1910 da autoría de Renée Vivien, renacida disidente, nacida como Pauline M. Tarn na sociedade vitoriana que a ía negar. Antoloxía poética en bilingüe, francés e español, en tradución de Clémence Nicolle e Elia Maqueda.

As autoras, irmás, cun século de diferenza, na disidencia e sororidade que nace da súa escrita, nesa revolución de Ser. Libro en que nos arden as palabras, tamén en Venecia deixando o corpo á deriva, mentres a cidade se viste de ouro. Escribir sen saber onde é casa, onde é fogar, estranxeira, na diáspora ou na propia patria. Entón, Luísa, teño unha resposta, non sei se Andrea Nunes Brións, sabe para quen, para que, escribe; eu sei que segue no traxecto de todas as escritoras, topógrafas, que deseñaron nos mapas literarios os lugares dos berros do silencio, das amazonas e da disidencia. Para min esta reescrita, estirpe literaria necesaria.  

Un agosto que me levou até o único que fica da paisaxe do terror de Saturrarán, os tamarindos, como ben sabe M. A. Ugarte Lopetegi; até Chinon e Amboise para pagar unha cota turística que é necesaria en Compostela; para chegar á vella Augusta Treverorum que como, agosto, lle debe o nome ao Augusto emperador.

Paz e Harold mandan desde Niza unha fotografía da tumba de C. Otero, tras as súas pegadas entrei no século pasado na obra de Vivien, de Natalie Barney e de Colette. Moito gocei coa lectura de La passió segons Renée Vivien, da querida e inesquecíbel Maria Mercè Marçal.

Comentarios