Opinión

A miña amiga Zoe

Adóitase dicir que unha persoa non se chama, chámana. Até que un día elixe como ser chamada, nun exercicio de liberdade. A miña amiga fixo público, hai menos dun ano, o seu novo nome: Zoe. Elixiuno en principio por afastarse do xénero gramatical, non remata en -a, nin remata en -o, figura nos listados limitados e binarios de nomes para nenas e para nenos. Tamén se identificou con el polo significado que se lle atribúe: “Vida”, “Chea de vida”. A verdade é que a miña amiga está chea de vida e de anceios de liberdade, por iso decidiu ser Zoe.

Para min o nome de Zoe e, en concreto, esta persoa que o leva con orgullo e moito gusto, ten que ver coa forza do vento que zoa, que é capaz de derrubar muros e rebentar presas, de erguer as ondas do mar e causar admiración. Así é a miña amiga, dinamiteira, capaz de facer estoupar o abafo cando a súa vida chama por algo máis que sobrevivir, aínda que se converta en desacougo vital, propio da (re)construción do que sente que é: unha muller, nacida, disque, cun corpo de home. Afirma que non é unha cuestión de sexo, se fose iso, xa se tería dado conta antes. É unha cuestión de xénero.

Aínda seguimos falando de corpos de homes e de mulleres, de non corpos de homes e de mulleres, seguimos sufrindo con muros e presas, con definicións e coordenadas, con deberes, demasiadas limitacións contra a liberdade de sermos persoas.

Coñecín a Zoe cando atendía polo nome de Pablo. Despois de convidar un ghicho á casa para medirme os móbeis para a cociña, para que me dixera que o que eu quería facer non era posíbel e que se atopaba alguén que fose capaz de meterme nese espazo o que eu quería, esa persoa era un fenónemo, (así mo dixo literalmente). Pablo, que non se chamaba Zoe, foi unha fenómena, montoume unha cociña como eu quería e sen estar castigada por que cando cociño non miro contra a parede. O de non estar castigada é algo moi importante, ela xa non o está aínda que a queiran castigar.

Amante e amada da familia que construíu, da súa filla e do seu fillo, da súa compañeira, que seguen aí no seu día a día, onde alenta como señor madre, como lle chama Noa; admirada e querida polas amizades, polas compañeiras do mundo do teatro, polas clientas ás que lles deseñou as cociñas como querían; Zoe xa estaba na vida de todas nosoutras, aínda que nos atendese por Pablo, e con barba como Zoe.  Só nos cómpre mudarmos o nome na axenda e transitarmos con ela o tempo da vida que nos corresponda, sen máis nada que nos querer.Visibilizar ser outra persoa do que limita, ten a recompensa da honestidade. Dicir quen es, en nome propio, cando non é o que se agarda de ti, provoca a lapidación pública, o insulto e o cuestionamento teu e das persoas que te rodean. Como é posíbel que anden contigo?

Hai moita mala xente para quen a liberdade é un principio escrito só nas súas vísceras. No franquismo para a relixión a práctica sexual relacionábase coa procreación, para o pudor da ben casada era un deber e para o macho era pracer e poder... Nesas vísceras de quen cuestiona hoxe, o sexo é para procrear e cando é un pracer só se pode foder dunha determinada maneira. Supoño que xa sabedes como e con quen.

Mais non se trata de foder. Trátase da valentía de ser. Tamén de levar un vestido, unhas medias caladas, barba e chamarse Zoe. 

Comentarios