Opinión

A escola lonxe da casa

Chegar á escola non era igual se se vivía na aldea ou na vila, as dificultades de moitas aldeas da montaña para que os nenos e nenas poidesen ir aprender, semellaban, ás veces, insalvábeis. Mais tamén vos podo asegurar que quen tivo que camiñar quilómetros sabe da aprendizaxe do camiño, non todo era ir repasando o que che ían preguntar nada máis chegar, ou na volta, cantar a táboa de multiplicar saltando as fochancas da estrada; estaban as historias que viñan das casas, os contos de medo de Carme do Monte non me esquecen na vida e a aprendizaxe de como nos mudaba o corpo e o que se podía facer con el, foi fundamental, e saltar da Ponte do Folón abaixo, algo que xa fixeran nosas nais, unha festa. Adelaida e mais eu fumos as últimas nenas da unitaria de Mosende, despois leváronnos, a nenas e nenos, ao Colexio Comarcal en Torneiros, mais desde o Folón tiñamos que seguir andando e, un quilómetro oitocentos metros, catro veces ao día dan para moito, antes de que nos obrigaran a xantar no comedor. Había nenas e nenos que traballaban, moito aprendín de Purita, de como tiña que faltar á clase para ir ás feiras cos pais, sabía máis que todas da vida, viviamos con ela o seu namoro, en todas as cartas diarias que collía no correo, que atendía Candida do Barros, e que lle mandaba o seu mozo que estaba na mili. Foi tamén complicado chegarmos ao Instituto no Porriño se non cadraban os horarios co meu pai, para Ana, a filla de Purita, tamén seguiu sendo complicado. É certo que como nena de aldea, cando vivir a sete quilómetros da vila eran como hoxe cen, botei de menos aprender outras cousas e, mirade por onde, ter uns patíns, eu que herdara a bicicleta Orbea da miña tía Carme. Hoxe síntome unha privilexiada por todo o tempo que botei no camiño. Agora son profesora e estes días que vivimos unha realidade nova, que estamos nunha situación de alerta, non podemos actuar como profesorado na vella realidade. Todo mudou xa e máis mudadas nos vai deixar. A escola debe garantir o dereito a educación, debe converternos en iguais en dereitos á educación e nisto sempre ten que estar alerta. O goberno de Feijoo dubidou do profesorado, aldraxouno, mandándoo ir traballar. O goberno de Feijoo, demostra tamén que non coñece a realidade do país, o presidente non debeu aprender nos camiños dos Peares. Nesta situación de alerta, un ensino nada igualitario, agranda as desigualdades, as familias menos favorecidas son agora as máis desfavorecidas, moitas non poden atender o proceso de aprendizaxe dos seus fillos e fillas. En casas de Mosende e en moitos outros lugares non hai cobertura, en moitas non hai ordenadores. A imaxe dunha nena andando quilómetros para ir á escola é comparábel á da nena que non ten móbil ou ordenador, o bus dos días de hoxe, sen camiños. Sei do profesorado, que até chama por teléfono para que o alumnado saiba que está aí, cando non se mandan cartas por correo. A nosa preocupación é saber como están, o noso desexo é que aprendan moitas cousas nos camiños das súas casas, que non se perdan en labirintos.

Comentarios