Opinión

Sen fame

Vou explicar polo miúdo a verdadeira razón da suposta ausencia de apetito que o primeiro edil do Concello de Xove anunciou polas redes sociais hai pouco, tras coñecerse o voto negativo do BNG a unha moción do PP presentada na Deputación de Lugo. "Hoxe case non comín…", publicou en Facebook.

Eu mesmo, como líder da oposición, propúxenlle ao alcalde xovense en 2012 interceder na negociación coa Deputación para o arranxo das estradas provinciais do noso municipio. El rexeitou esta iniciativa. Tempo despois o viceportavoz do grupo municipal nacionalista propúxolle de novo a nosa mediación neste asunto. Corría o ano 2016 e a situación tornárase insostible. El volveu rexeitar o ofrecemento, xa que a humildade e a honestidade nunca foron as grandes virtudes do españolismo político.

Por riba, este mandatario ostentou responsabilidades de goberno na Deputación de Lugo entre xuño e outubro de 2015 como delegado da área de Economía, Recadación e Facenda. Nesa etapa foi incapaz de comprometer para Xove a execución da mellora da rede viaria. É máis, durante os catro meses que estivo no cargo aprobou un recorte do 56,45% na aportación da entidade provincial ao Servizo de Axuda a Domicilio do seu propio concello.

Uns meses antes das eleccións municipais de 2019 o alcalde apareceu no Pleno cun "protocolo de tuación" asinado á présa co anterior presidente da Deputación, que xa estaba de retirada e non atopaba xente para conformar unha lista electoral socialista en Xove. Fomos informados de que ese protocolo non tiña validez xurídica, pero sobre todo sorprendeunos o prexudicial que era para o noso municipio ao incluír a cesión de case cincuenta quilómetros de vías provinciais sen compensación ningunha.

Neste último mes ao PP entroulle outra vez a urxencia. O grupo popular presentou no Pleno da Deputación unha moción para instar o cumprimento dese "protocolo" en vez de esixir a súa execución nos tribunais, a onde deberían acudir se tan seguros estivesen da legalidade dese documento. E claro, trece anos após o comezo dunha negociación nefasta, atopáronnos en fronte.

Entón, por que quedaría sen fame o alcalde? Pois porque el xa sabía que a multinacional Aluminum Company of America (Alcoa) pensaba anunciar dous días despois o peche da fábrica de Alúmina-Aluminio. Incluso así, coa enorme redución do orzamento municipal que se prevé, teimou en solicitar a transferencia das estradas provinciais. Este feito supón a maior irresponsabilidade política que xamais vin en Xove, o municipio onde tributan Alúmina Española S.A. e Aluminio Español S.L. Esas dúas sociedades que os medios de comunicación denominan Alcoa-San Cibrao porque nesa poboación de Cervo, pertencente á parroquia de Lieiro, atópase a entrada desta factoría construída a cabalo de dous concellos.

Agora eu xa non formo parte da corporación municipal, mais sei que vos debía esta explicación aínda sendo consciente de que cada pobo ten o goberno que merece. Aínda así.

Comentarios