Opinión

Cómplices do Estado Penal

Nestes tempos incertos, onde ser positivo nunca foi tan negativo, a maioría silenciosa tamén está padecendo os efectos da Lei de Seguridade Cidadá. Trátase desa norma alcumada “mordaza” que, desde Madrid, os de azul impuxeron e os de vermello están a perpetuar. Pero, que se sente cando nos penalizan con mil euros sen cometer delito ningún? A ver se adiviño: non doe igual no peto propio ca no alleo. Iso é o que lle está a acontecer aos que agora se queixan e antes aplaudían as sancións arbitrarias impostas a soberanistas, feministas, sindicalistas ou antimonárquicos.

O certo é que semella un castigo esaxerado a esa maioría silenciosa que adoita cobrar ao mes bastante menos ca o importe a pagar. En cambio, este problema non o teñen as clases dirixentes por diferentes motivos. Lembremos que, aínda que o sistema intente convencernos de que todo o legal está ben e todo o ilegal está mal, esa legalidade que parece caer do ceo é regulada de maneira coidadosa polo poder establecido. O intelectual francés Pierre Bourdieu deu en bautizar esa dominación como violencia simbólica.

Así mesmo, a tese do Estado penal foi desenvolvida polo sociólogo Louïc Wacquant, quen defende a adopción de políticas sancionadoras como un proxecto ideolóxico pensado e dirixido desde o cerne do sistema, apoiado no sometemento indiscutible ao imperio da lei. Esta percepción social refórzase a través da axenda-setting dos medios de comunicación, iso que fai a nosa TVG desde o Telexornal: unha cobertura informativa tendenciosa co ánimo de influír na opinión pública mediante técnicas de manipulación social.

As doutrinas nas que se finca o autor de Punishing the Poor (Castigar os pobres, 2009) na súa teorización do Estado penal, proveñen da aplicación da economía de mercado aos problemas sociais. De feito, Wacquant afirma que en determinados ámbitos urbanos privilexiados impera a impunidade baseada na ausencia de control institucional.

Vímolo en maio de 2020 no exclusivo barrio madrileño de Salamanca, coa cidadanía saltando o confinamento do estado de alarma sen que pasara nada, mentres que polas parroquias do noso país había multas coma area. Esta discriminación dos poderes públicos aséntase en aspectos subxectivos da comunidade, como a posición socioeconómica predominante.

A violencia simbólica e o Estado penal son construcións sociais, e os dous conceptos están relacionados. De feito, Wacquant foi discípulo de Bourdieu. Así, hoxe en día mesmo estamos asistindo á imposición dunha pena privativa de liberdade como é a localización permanente, coñecida popularmente como “arresto domiciliario”, por vía telefónica. E xa non falemos do asalto á Lei de Protección de Datos, tan esixente cando se aprobou (incluso raiando no ridículo nalgúns casos) e menosprezada polas autoridades na actualidade; ademais do toque de queda, unha medida propia de conflitos bélicos que foi interiorizada pola poboación con absoluta normalidade. O Estado penal xa chegou, agardemos que non sexa para quedar.

Comentarios