Opinión

Por que pensamos que nunca tan poucos fósemos tantos

Son psicóloga educativa e pertenzo a unha xeración que non tiña chave da casa. Chegabamos e se non estaba a nai, estaba a avoa ou a tía, o pai traballaba. Nenos e nenas eramos a alegría da casa. Atendíannos, protexíannos e estaban ao noso lado día e noite, nunca nos sentiamos sos. Non quero aquí reproducir que tempos pasados foron mellores, aínda que as miñas palabras traspasan as fendas da nostalxia, pero este tempo de parón faime pensar que no fondo todos buscamos a mesma esencia no ser humano.

Na sociedade actual e polo curto tempo que convivimos nos fogares, cun quebracabezas de horarios para conciliar vida familiar e laboral, fáltannos estratexias para afrontar as tensións familiares. Se a isto sumamos a tensión que a COVID-19 supón, o confinamento e un espazo reducido na maioría dos pisos, as emocións e sentimentos veranse magnificados.

O conflito e as tensións familiares non son algo negativo senón natural nas relacións humanas. Negar o conflito é non afrontalo adecuadamente: temos que desenvolver estratexias para buscar solucións. Este é a verdadeira aprendizaxe que deben ensinar as persoas adultas aos fillos e fillas da unidade familiar: a súa autoestima crece na medida que os valoremos e saquemos deles o seu talento e fortalezas.

Cando somos máis vulnerables, e aí estamos todos neste momento sen distincións, só queda unha, apoiarnos como colectivo. Nunha familia hai que organizarse, colaborar, compartir, dialogar, e se é preciso pedir perdón. A familia é un sistema e para que funcione ten que haber unha dinámica activa e rexeneradora. Se hai un problema hai que solucionalo e reparalo para que o sistema siga funcionando. Para isto, cada quen debe exercer as súas responsabilidades. Todos, fillos e pais, non poden cumprir as mesmas funcións nin podemos ser todo o día amigos. As persoas adultas deben liderar a organización e crear o ambiente que favoreza a que cada membro desenvolva as súas potencialidades.

Recomendamos ás familias proporcionar seguridade aos seus fillos e fillas, apoialos e potenciar a cooperación entre irmáns porque desde a infancia aprenden en positivo das persoas que posúen máis estratexias e forzas, e con adultos que exercen unha autoridade racional e non arbitraria.

Mención especial merecen todas aquelas familias que non contan cos medios nas súas casas, e que constatamos quen traballamos en centros educativos. Se a educación é verdadeiramente pública, regulada polo principio de equidade, debemos prever as situacións que se dan, por exemplo, familias cun só móbil, sen computador ou sen internet, para que a fenda da desigualdade non medre. Tampouco esquecemos o alumnado con medidas de atención á diversidade, que seguiremos atendendo desde os Departamentos de Orientación dos centros educativos.

Estes días de espera nos nosos fogares poden servirnos de reflexión. Que pretendemos ser nós mesmos e que valores desexamos para os nosos fillos e fillas. Démonos unha oportunidade para redescubrirnos, como tantos sumamos tan poucos.

Comentarios