Opinión

A teoría das tres axendas

< A política vén sendo a arte de tomar decisións, tendo en conta unhas determinadas prioridades. As prioridades anótanse nunha axenda, pero resulta que non todas as axendas son iguais. Hainas, ao meu modo de ver, de tres tipos:

A axenda romántica. Tamén se podería chamar idealista. É a que usa sobre todo a mocidade, pero ultimamente tamén é utilizada por algunhas persoas que superan os sesenta anos. Consiste en escoller e preocuparse só dos temas que a un lle gustan, preferentemente vistosos e que non xeren un conflito directo co poder nin cos veciños do barrio. A solidariedade internacional co país de moda é un dos seus leitmotiv preferidos. A axenda romántica vén case sempre acompañada dun dvd de cancións e dunha vestimenta especial.

A axenda dos grupos de presión. Ao contrario da anterior, é discreta e oculta sempre os seus obxectivos. Escolle temas en aparencia razoábeis pero a súa clave é o interese. Estamos a falar de empresas que esperan ver recompensada a súa proximidade ao poder, de medios de comunicación que buscan subvencións, publicidade ou concesións de frecuencias e de burocracias sindicais que procuran poder persoal.

A axenda romántica é a que usa sobre todo a mocidade, pero ultimamente tamén é utilizada por algunhas persoas que superan os sesenta anos

A axenda dos oportunistas. É a que usan os expertos cunha ambición irrefreábel de levar adiante as súas propostas, que deben ser aplicadas de inmediato e deixando claro quen foi o autor. A súa urxencia e cobiza persoal obrígaos a cambiar de opción política sempre que sexa necesario. Simplemente, porque desde a oposición non é posíbel aprobar ningunha das súas iniciativas.

Eu, persoalmente, creo que toda acción política debe incluír algúns dos compoñentes desas tres axendas: o romanticismo que move as emocións, sen as cales a vida é aburrida e sombría; o interese dos grupos que apoian o proceso, sempre e cando non vulnere a lei; e a ambición que obriga as persoas a superarse e a espremer as oportunidades que poden aparecer a cada momento.

Non obstante, penso tamén que a axenda do verdadeiro político é a que vén determinada polas necesidades sociais. O político de verdade non escolle os temas que lle gustan ou que lle son cómodos nin aqueles que a súa organización ten máis capacidade para resolver, senón que debe estar preparado para afrontar todo tipo de necesidades, incluídas as que trae o azar e, por suposto, as que xera o adversario. O político é como un explorador ou un colono. Ten coñecementos previos, pero debe traballar cos materiais que encontra a man. A súa obriga é sobrevivir no territorio que vai descubrindo e conformando. 

Comentarios