Opinión

Protestas en Cuba

O pasado 17 de marzo producíronse varias mobilizacións en Cuba en protesta pola escaseza de alimentos e polos frecuentes cortes de fluído eléctrico. O ex analista da CIA, agora xubilado, Fulton Armstrong, foi entrevistado polo medio estatal alemán, Deutsche Welle (DW), para comentar as razóns do descontento. Armstrong, que serviu como oficial de intelixencia para América Latina, pode considerarse unha persoa ben informada.

Na súa opinión, as dificultades que atravesa a illa débense, en primeiro lugar, á caída dos ingresos turísticos provocada pola pandemia. En segundo lugar, Cuba viuse afectada pola inestabilidade do subministro de petróleo, derivada das sancións que sufre Venezuela. E tamén polas sancións comerciais a Rusia, a partir da guerra de Ucraína.

O ex analista da CIA comenta que a crise ten ademais razóns internas. O goberno non logrou o correcto equilibrio económico dunha economía mixta, baseada nos sectores público e privado. Pero sobre todo, apunta Armstrong, está o problema do embargo. Tras a apertura de Obama, agora Cuba encóntrase na categoría de "países patrocinadores do terrorismo", o que dificulta as relacións de calquera empresa estranxeira coa illa e, de paso, frea o turismo, posto que, por exemplo, os viaxeiros europeos que non necesitan visado para entrar en USA, ven eliminada esta vantaxe, se antes visitaron A Habana.

As protestas actuais non tiveron o carácter, en todo caso, das do 11 de xullo de 2021, motivadas por causas internas, pero tamén orquestradas desde o exterior. Os promotores tiñan, ao parecer, outros plans que ían máis alá das reivindicacións da poboación. A protesta que programaran en novembro fracasou e os seus patrocinadores apareceron en Madrid apenas dous días despois.

Os Estados Unidos destinan oficialmente 600 millóns de dólares anuais a "promover" a democracia en Cuba.

Por outra parte, o bloqueo é rexeitado, case unanimemente, todos os anos pola ONU desde hai 65 anos. Rexeitamento que só conta coa oposición habitual de Estados Unidos e Israel. A estes dous países unírase, no seu momento, o Brasil de Bolsonaro e, na actualidade, a Ucraína de Zelenski.

Ao bloqueo comercial houbo que sumar, en todo este tempo, numerosos atentados e asasinatos. A pregunta é: que tería conseguido Cuba sen a inxerencia permanente dos Estados Unidos?

Sen dúbida, que a illa se manteña independente é un fracaso da política exterior norteamericana e un exemplo de dignidade para toda Latinoamérica. Pero, ese bloqueo é tamén a causa de grandes dificultades económicas que impediron que Cuba se convertese nun modelo a seguir por outros Estados. Neste sentido, os norteamericanos tiveron éxito.

Asediar países desobedientes, como no medievo se asediaban cidades, parece que é xa unha tradición para Washington. Hoxe, a rica Venezuela é un exemplo case xemelgo, neste aspecto, ao de Cuba. Unha alternativa para ambos países sería asociarse aos Brics. Mentres tanto, cada paso económico de calquera deles resulta moi doloroso. 

Comentarios