Opinión

O nacionalismo e o desafío que vén

Os resultados das últimas eleccións fan críbel a posibilidade de que pronto vexamos unha presidenta nacionalista. Desde unha visión épica, poderiamos dicir que Ana Pontón, cando foi candidata por primeira vez, salvou o BNG; na segunda ocasión deglutiu o movemento das Mareas e, nesta terceira, deixou moi diminuído o PSOE, que salva os mobles pola súa condición de partido de Estado. Pero xa sabemos que a épica é pouco fidedigna e a política poucas veces resulta gloriosa. 

A realidade é máis prosaica. Esa condición do BNG como alternativa ao PP vai ser obstruída desde moitos puntos, porque un goberno nacionalista, na terceira comunidade histórica, non é aceptábel. Non importa de que tipo de nacionalismo se trate, nin de se é máis ou menos intransixente. O seu mesmo carácter territorial fréao como opción. Un goberno nacionalista suporía bastante máis que un relevo electoral, traería consigo un cambio de calidade da autonomía e unha repercusión talvez decisiva sobre o conxunto do Estado.

O único modo de que o BNG rompa ese principio de imposibilidade é conservando, en todo momento, a iniciativa política. Cando dás un paso, o adversario observa e aprende, toma nota das túas debilidades. Só conseguirás que non te alcance camiñando máis rápido. Que significa isto? No esencial, dúas cousas: que debes chequear todos os días a realidade concreta e que debes crear constantemente ideoloxía.

Por exemplo, sería bo revisar o concepto de "conservador". Apuntouno Xaquín Marín nunha viñeta: "Nin se conserva a pesca, nin a gandería, nin a paisaxe, nin a lingua, nin a sanidade, nin o ensino, nin a conserva. E iso que sempre gobernaron os conservadores". Na mesma idea vén insistindo, desde hai moito, Manuel Rivas, para referirse, sobre todo, ao medio ambiente.  

David Rodríguez, un dos nosos mellores pensadores actuais, definiuno nun artigo recente en Nós Diario: a pesar da súa suposta identidade conservadora, o PP é o partido da desorde, unha verdadeira maquinaria destrutiva neoliberal.

O positivismo e a idea de progreso mostraron xa os seus límites a escala universal. Pero, no caso galego, o positivismo convertérase, xa hai tempo, en extractivismo. A revista Clara Corbelhe dedica a esta idea o seu último número. 
O vídeo electoral de Ana Pontón co seu pai, como sinalou tamén David Rodríguez, dá na clave cando menciona a idea de plantar árbores pensando nas seguintes xeracións. Esta idea conservadora choca de fronte coa práctica, tendente a esgotar recursos, que seguen os gobernos do PP.

David Rodríguez achéganos outros conceptos útiles, como: continuidade, seguridade ou expectativa. Trataríase dun "tradicionalismo comunitarista combinado coas ideas ilustradas". 

Non son propostas ex novo de Rodríguez. Aparecen xa no Castelao do Sempre en Galiza e no Diario 1921. (David Rodríguez analizouno en Liberdades antigas, tempos modernos. O republicanismo de Castelao, recente Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais). Nese pasado estábase escribindo xa o mellor porvir.

Comentarios