Opinión

Xurro, mentiras e crónicas dun toxo arnal

Prosperar sen reparar no arredor, fuxir do cortello e modernizar as estruturas das casas de labranza para mellorar a calidade de vida, non só era lóxico, era imprescindible; non medir como e cara a onde, comprensible. Mandaba a necesidade. A paisaxe tiña forza, atravesada por camiños fondos e enlamados, fragmentada ata o infinito, e unha beleza que contrastaba coa dureza e esforzos necesarios para producir tan pouco. Os labregos fixeron cortes máis grandes, mecanizaron o traballo, especializáronse para producir de xeito máis intensivo e menos diverso. Da subsistencia á dependencia das flutuacións do mercado, animando os fillos a estudar para que puidesen vivir mellor, por tanto, na cidade. Entendo todo iso, como tamén critico a pésima actuación dos gobernos centrais e autonómicos na dirección dese proceso, fose por desentenderse, por incapacidade ou se cadra por non crer no potencial do rural galego; hoxe despoboado, inzado de eucaliptos e parques eólicos, de novo sen control, sen un plan que lle dea viabilidade. O contexto actual  determínano  a  contaminación da ría, o elevado risco de padecer un incendio devastador, o impacto descontrolado dos aeroxeradores, a contaminación da auga doce por vertidos de xurro, e, como non, a perda da propia estima: non valemos para outra cousa. Esteticamente o feísmo domina o que queda, rexe o paradigma de constrúo como quero e planto o que quero e onde quero. O rédito electoral é indubidable, o futuro negro. Inda así non podo comprender como non xorde unha forte reacción social contra todo isto, contra a desvalorización do medio e das súas xentes, de tal xeito que se está a converter este desleixo en algo cultural e de noso, nun modo de facer que nos define e desprestixia ao tempo que facilita o espolio. Por que han respectar os de fóra aquilo ao que nosoutros non damos valor? Ademais, todo isto impide albiscar a diversidade de potencialidades que o monte, o agro e a paisaxe ofrecen, só aproveitadas por uns poucos que asisten atónitos á distopía. 

Esta reflexión prendeu en min lendo As costas do alén, conxunto de relatos que son pezas dun todo, escritos cunha linguaxe moderna e con referencias á realidade que define este século, mais con conexións cun pasado remoto no que a fascinación pola inexplicable natureza do mundo era posible. Teñen por subtítulo Crónicas dun toxo arnal e a espiritualidade sempre de fondo, que se poema a través de Corvo azul e das ilustracións de A Flaira María Rodríguez, quen debuxa os animais reais, ficticios e soñados, tamén os plantados e as serpes. Texto e ilustracións  constrúen un alegato ecoloxista, intentando crear unha conciencia do que está a pasar no territorio, que destrúe ou deteriora o potencial natural e a relación sostible entre nosoutros e a terra nai. O autor, Fernando Juan Morado, deixa un espazo para que o lector interprete o que non está na literalidade do texto, convida a unha lectura crítica,  moi activa; que me levou á Galiza do alén, unha terra prometida pola que deberiamos loitar; xa agora, inmersos no cambio climático, esixindo ao goberno a adopción de medidas con urxencia. Antes de nada, cumprir a lei, Ence fóra da ría e control rigoroso das plantacións de eucaliptos, é tempo de deixar de mirar para outro lado. A Presidencia da Xunta adoece de vontade política nos dous casos, esquecendo que no seu día recriminou a Touriño que non cambiase a pasteira de situación, fixando este punto como obxectivo do seu futuro mandato. Asemade, establecer novos criterios para ordenar e situar os parques eólicos, os actuais non son axeitados, tamén inspeccionar  as fosas de xurro e controlar a súa utilización. Son só medidas básica, de Perogrullo, que urxen, porque imaxino que o señor Feijóo non quere vivir entre xeradores eólicos nin ter a casa rodeada de eucaliptos nin beber xurro. Por non falar doutras cuestións que hoxe non tocan, como a falta de servizos. Se a pasada foi a lexislatura do rural, tal como a definiu, que pasará nesta? Polo de pronto, abaratou o peche de oficinas bancarias subvencionando os caixeiros automáticos, para beneficio de Escotet.

Comentarios