Opinión

Beatriz Pin, unha muller a contracorrente (I)

Se a Segunda República favorecera a figura das mulleres modernas, a partir de 1939 o retroceso nos dereitos femininos foi enorme, por imposición dun modelo dependente das figuras masculinas, xa fose o pai, o home ou un fillo. Eran educadas dende a infancia para seren a “perfecta casada” e a “reina do fogar”. Fuxir disto resultaba moi difícil para as nenas nacidas no franquismo, unha tarefa case imposible e reservada a unhas poucas, aquelas sobradas de determinación e que puidesen acceder dalgún xeito a unha información que o réxime censuraba.

No ano 1952 e neste contexto naceu Beatriz Pin, na casa de Canónigo, en Fonteo, unha parroquia de Baleira á que dá nome o nacemento do río Eo. Súa nai, Natalia, era costureira, cociñeira e cantineira; seu pai, Ramiro, era carpinteiro. Os seus compartían casa cos de Guillermo, que tiñan algunha vaca. Así, tivo unha nenez de aldea, cos sabidos límites que a ditadura impoñía na educación e na sociedade. Empezou a escribir cando estudaba bacharelato en Lugo, xunto con outros estudantes como Darío Xoán Cabana, Rábade Paredes, Fiz Vergara e Xullo Valcárcel; constituían un grupo entusiasta arredor do profesor Alonso Montero. Conta o poeta de Castroverde Xesús Trashorras, “coñecín a Bea, aló polos estertores do franquismo na escola de Maxisterio, era compañeira de promoción. Unha rapaza que rompía coa norma daqueles anos de represión e falla de liberdades. Chamaba a atención polo seu xeito de vestir, ser e actuar. Dicían dela que era unha hippy. O caso é que era unha moza que rompía co establecido, co de valente que supuña naqueles anos o comportarse desta maneira”. Participou nun libro colectivo titulado Seis novas voces das letras galegas, que foi editado por Celta arredor do ano 72. Xa antes, no ano 1970, El Progreso publicou un poema de Beatriz, “Elexía a Rosalía de Castro”, no que fala dela como unha nai, unha vela que aluma o camiño. En Xaneiro de 1971 o xornal Las riberas del Eo publica “Romance do río Eo”, no que amosa preocupación polas cuestións sociais, fala dun pobo enmudecido e da súa crecente inquietude por viaxar. Cando chegaban as vacacións, continúa Trashorras, “non dubidaba en coller a mochila e a dedo percorrer media Europa, a desgusto de seus pais que non sabían por onde andaba, ata que un día os chamaba desde París ou Amsterdam, contándolles que se atopaba ben. Cantas veces ten durmido na estación do ferrocarril dalgunha cidade, ou na casa dalgún amigo ou amiga que coñecera por aí adiante! Tiña a vantaxe de dominar moi ben o inglés, polo que enseguida trababa conversa con calquera, así é que o pai do seu fillo é de Inglaterra, de orixe irlandesa.” Alá polo ano 1980 viviu no East end, na parte este de Londres. Alí foi onde escribiu, de novo con frecuencia, e terminou un poemario que garda e que aínda non foi publicado. A partir de aí centrouse no seu fillo e no traballo de mestra. Desta época conserva un diario no que recolle a súa experiencia como nai, que afrontou soa. Logo viñeron os proxectos escolares europeos, foi coordinadora durante catro anos do proxecto Vida escolar e familiar na comunidade, no C.E.I.P. Xosé María Brea Segade, en Taragoña, que foi nomeado á medalla Comenius, e do que se fixo un libro que tamén foi publicado. No ano 2009 comezou un blog, leriasdebea.blogspot.com, e en 2013 licenciouse en Antropoloxía social e cultural.

Despois deste breve repaso pola súa vida, chegamos ao presente, 2021; Bea vive na súa aldea, mimetizada co arredor, apreciando a beleza en todas as súas formas, incluso naquelas máis pequenas e insignificantes, porque ten esa mestura de curiosidade e sensibilidade da que a maioría adoecemos. Como cando fala das vacas que se foron, “tan só queda unha granxa de vacas na aldea. A que eu tiña ao pé da casa, vendeunas. Agora xa somos menos e nótase a ausencia. Gustábame velas, cada día, pacendo nos prados por onde Noa e mais eu camiñamos. Viñan ao noso encontro, a saudarnos, a ter unha pequena conversa. Era como sentirnos en compañía”.

Comentarios