Opinión

Biografías secuestradas (V). O crego Toubes

José Toubes Pego era crego da parroquia coruñesa de San Pedro de Mezonzo. Como sinala Celia Torna: "Viviu para facer o mal. Nado en 1891 en Cuntis, formouse no seminario de Compostela e desembarcou en 1909 na Coruña. Correspondente do xornal católico madrileño El Debate, redactor de El Eco de Galicia, fundou e dirixiu en 1917 El Ideal Gallego, convertido desde o primeiro momento nun eficaz instrumento de loita do catolicismo social contra o agrarismo laico e o movemento obreiro aconfesional. Non coñeceu a piedade. As diversas fontes que nos chegaron sobre a represión franquista sitúanolo como actor decisivo na articulación do aparato represivo na cidade, traballando man a man coas diferentes milicias paramilitares que sementaron o terror na cidade durante os días que seguiron ao golpe de Estado fascista de xullo de 1936" (Sermos Galiza, 8.4.2019).

Sinala o historiador Luís Lamela que na revista Nova Galiza "aparecen como paseadores os Casteleiros, sastres de la calle Real, y como capitanes de banda el cura de Maceda, Eugenio Barrero, el cura de Monelos, y Toubes –José Toubes Pego–, director de El Ideal Gallego".
No libro Memoria de Ferro, de Antón Patiño Regueira, hai varias referencias ao crego Toubes, sempre relacionadas coa represión e os paseos: "Quen protexeu as pistolas que usaron máis de tres anos o covarde Martín Viéitez e o Mosquera de Arteixo? Quen forneceu de balas os irmáns Mariño e o panadeiro da Falperra Porfirio Díez Hernández? Eles eran os axudantes privilexiados do cura paseador Toubes. Mariño, o carniceiro, vivía na rúa Independencia, preto do corralón do tren do barrio de San Roque de Adentro. Tiña despacho no mercado de Santo Agustín e foi un desapiadado lugartenente do crego Toubes. Nesas noites de crime non lle gustaba fallar a Porfirio Díaz Hernández, panadeiro e líder da patronal. Ao seu teléfono co número 78 era onde o chamaba o cura Toubes para saber certo como lles for a noite de saca. Cando informaba o crego xa por Santa Lucía, a praza da Leña ou o Muro as xentes de ben coñecían onde deixaron os mortos os seus asasinos".

Remata así Antón Patiño Regueira o último capítulo do seu libro, titulado Aos meus amigos de cárcere e liberdade: "Por cada un dos meus amigos interesouse o malnacido Torero de Cristo. Aquel abade infame de apelido Toubes que na corte dos cabalos da garda civil buscaba a quen entregar á súa cuadrilla de paseadores. Misaba na capela de Santa Lucía e decidía sobre a vida de quen odiaba".

O café Unión e a barbería de Vitoriano eran sinalados como lugar de cita para organizar os paseos, como sinala Carlos Fernández no seu libro El alzamiento de 1936 en Galicia. (Edicións do Castro, 1982): "Los paseos, cual si se tratase de una actividad industrial, acabaron siendo programados. La ´oficina técnica´, o macabra, se había instalado en el hoy desaparecido café Unión, de la plaza de Pontevedra –aprovechando las largas tertulias de la sobremesa española– y la sucursal, aparte el cuartel general de Falange en la calle Juana de Vega, en una céntrica peluquería del Cantón Grande. Así, entre tazas de café y buenos afeitados fue incubándose la tragedia".

Foron retiradas numerosas rúas e distincións a cregos e bispos franquistas ou que participaron na represión, tamén co voto a favor do PSOE. O concello de Madrid acordaba en decembro de 2016 retirar a Medalla de Ouro a Eijo Garay (bispo de Madrid-Alcalá, conselleiro nacional da Falanxe e procurador nas Cortes franquista de 1943 a 1946). En Zaragoza eliminaron a rúa Padre Marcellán, capelán castrense, pola súa relación co franquismo. En Vigo o Pleno acordaba por unanimidade en 2009 cambiar o nome do CEIP Doutor Eijo Garay por Illas Cíes. En Valladolid o alcalde Óscar Puente (PSOE) anunciaba o 4 de outubro de 2017 a retirada da rúa Mariano Miguel López, párroco de Las Delicias que colaborou cos golpistas en 1936, que pasa a chamarse Celtas Cortos en abril de 2018.

Por que o concello da Coruña, con alcaldesa do PSOE, non cambia o nome da praza José Toubes?

Comentarios