Opinión

O voto exterior e a igualdade de trato

Non é doado saber até que punto vai incidir o voto exterior nas próximas eleccións autonómicas, mais podería ser decisivo, tanto porque representa un 18% do electorado como porque mesmo que fose unha minoría a que o exercese pode mudar os resultados definitivos nas catro provincias a prol do PP ou das alternativas de oposición. Ou sexa, que se trata de votos que van decidir o futuro das nosas vidas aínda que as decisións que tome a nova Xunta de Galiza non vai incidir sobre este segmento de votantes, porque están vivindo no exterior. Polo tanto neste aspecto teñen unha situación de privilexio, especialmente aqueles/as que naceron no exterior ou son emigrantes que non van retornar.

Non se pode obviar que a percepción que se ten desde o exterior da situación social e económica, e das alternativas políticas, depende en gran medida do que digan e valoren os grandes medios de comunicación, tamén sucede na Galiza aínda que en menor medida especialmente cando as alternativas contan con organización político-social e presenza institucional. Polo tanto no voto exterior, e sobre todo en relación coas persoas emigrantes nacidas no exterior, a clave estatal española ten un peso inmenso en comparación coa nacional galega, aínda que isto dependa en gran medida do continente onde resida. Neste aspecto os partidos estatais sistémicos, polo tanto aqueles que están na primeira plana no debate político, teñen unha enorme vantaxe, tal como se pode comprobar polos resultados porcentuais na Galiza e na emigración do voto en procesos electorais anteriores (aínda que co “voto rogado” as porcentaxes eran máis semellantes ao voto no interior).

Non falo deste tema porque non o coñeza a problemática emigratoria, son fillo e neto de emigrantes, eu crieime e vivín na Arxentina durante vinte anos, ali reside gran parte da miña familia. Por exemplo, os fillos e fillas de moitos paisanos/as están nacionalizados, poden votar, mais tamén como é lóxico teñen ese dereito nas eleccións na Arxentinas, e exérceno. Ou sexa que teñen un dereito multiplicado, e como eles é o caso da maioría do medio millón de galegos e galegas con dereito a voto no exterior, dado que os que naceron na Galiza hoxe son minoría. Sen dúbida é unha situación de privilexio, tanto fronte aos galegos e galegas que residen na Galiza, como tamén, aínda que en menor medida, respecto daqueles que viven na emigración e non se nacionalizaron no país que residen.

Coido que debo comentar que eu nunca puiden votar na Arxentina, é verdade que durante períodos moi longos había ditaduras militares, mais para poder facelo tiña que renunciar á miña nacionalidade orixinal e ter como mínimo cinco anos de residencia no país (condición que cumpría). Digo isto, porque hoxe estas limitacións ignóranse ou esquécense intencionadamente. Hai que dicir que iso non impediu que militase politicamente, en TUPAC (organización estudantil) e Vanguardia Comunista (partido da esquerda revolucionaria de tendencia maoísta) a finais da década dos sesenta e principios dos setenta. Aínda que a miña primeira militancia, dende 1967 e durante todo o período posterior na emigración foi na Irmandade Galega de Bos Aires.

Sei que o migratorio non é un tema doado de tratar, que pode ser unha trampa, que favorece a uns partidos fronte a outros, máxime cando se afirma que outorga os mesmos dereitos a todos/as os que posúen a nacionalidade. Obvia analizar os deberes que están ligados a todo dereito, e que as decisións do Governo tamén deben atinxir a todos/as por igual. Daquela que o lóxico sería que os que levan varios anos residindo fóra, por exemplo dous ou tres, perderan o dereito a voto e que o recuperasen cando retornasen ou cando chegasen como inmigrantes se naceron no exterior (como adquiren nese intre outros dereitos: laborais, sanitarios, etc.) Sei que defender esta postura, que coido é a correcta, máxime nun tema de tanta transcendencia, esta condicionado porque mesmo naqueles partidos que reciben un mínimo de votos do exterior unha postura deste tipo pode que lles pode facer perder os poucos que obteñen, porque é un tema onde incide moito a emotividade. Máxime cando se presenta como un trato de iguais aínda que na práctica parte da desigualdade, non dando as mesmas oportunidades de chegar aos electores/as no exterior a todos os partidos, e impoñéndolle obrigacións a uns votantes que outros non deben cumprir, xa que se rexen pola regras do país no que viven.

Coido que na cuestión migratoria sería moi importante fomentar e manter vínculos coas organizacións de emigrantes galegos alí onde haxa un colectivo mínimo, para debater estes temas e dar a coñecer a nosa historia, lingua, cultura e realidade actual na nación galega neses países e alentar as relacións de todo tipo. E con respecto da inmigración na Galiza facer un gran esforzo de integración, entendendo esta como un proceso, que necesita seus tempos, porén é unha tarefa fundamental, tal como fica en evidencia na maioría dos países do mundo polos problemas que implica... Por certo entre os emigrantes galegos/as non poden votar os 320.000 que residen no resto do Estado español, e vese como normal... Tampouco vale igual o voto nas catro provincias, coa escusa de que isto ía favorecer o desenvolvemento económico das provincias interiores, o tempo amosou que non foi así... O que é evidente é que aos partidos sistémicos estas regras de xogo vanlles ben...

Comentarios