Opinión

Verbas novas para vellos e fracasados proxectos políticos

Todo fai pensar que Podemos vai bater unha marca na deriva política dun partido. Mesmo superará en rapidez ao PSOE na etapa felipista, cando este abandonou a unha velocidade meteórica o marxismo, a república, e calquera transformación sistémica.

Todo fai pensar que Podemos vai bater unha marca na deriva política dun partido. Mesmo superará en rapidez ao PSOE na etapa felipista, cando este abandonou a unha velocidade meteórica o marxismo, a república, e calquera transformación sistémica. Daquela, será semellante a evolución das “mareas”? A finalidade dos “socialistas” foi, naquel intre, evitar unha oposición frontal das clases dominantes para, deste xeito, ter máis doado o acceso ao governo. Esta actitude contribuíu a culminar o proceso de transición sen poñer en perigo o capitalismo e o carácter subordinado das nacións dependentes (Galiza, Euskadi e Catalunya). As razóns do partido de Pablo Iglesias parecen ser moi semellantes. Alén dos golpes no peito contra a corrupción, priman os discursos tacticistas ou cunha ambigüidade calculada. Por certo, a corrupción empresarial, que é a que induce e alimenta o monstro, déixana nun segundo plano, como fan os medios sistémicos.

"Centralidade e transversalidade constrúen a referencialidade de Podemos para a cidadanía, en substitución de clase traballadora ou clases populares, esquerda, capitalismo, imperialismo, etc"

Podemos presenta a súa evolución como necesaria para atopar a centralidade, ou sexa, procurar o centro sociolóxico, coa finalidade de acadar a maioría electoral dende a que seica vai garantir as transformacións favorábeis ao 99%. Ademais deste conceito, usan o de transversalidade, é dicir, que se dirixen tanto á dereita como á esquerda, xa que consideran unha evolución táctica necesaria unha viraxe á dereita no discurso (e tamén na construción do imaxinario colectivo en relación co cambio). Centralidade e transversalidade constrúen a referencialidade de Podemos para a cidadanía, en substitución de clase traballadora ou clases populares, esquerda, capitalismo, imperialismo, etc. Sobre estes alicerces,  montáronse as chamadas “mareas” na Galiza.

Centralidade e transversalidade non son conceitos novos. Trátase só de novas palabras para vestir como transformador o desgastado e fracasado camiño do interclasismo, da negación da loita de clases, diante da agudización das contradicións por mor do axuste. Agora ben, pasar por alto que a corrupción, a explotación, a concentración e centralización da riqueza e do poder son algo sistémico, funcional ao capital, ou sexa, ás clases dominantes, que abrangue a sectores máis amplos que a súa cúpula (ese 1%), sementa ideas trabucadas na conciencia social. E faino, tanto porque reduce ao individual o que é esencialmente estrutural, como porque subestima o poder das clases dominantes. Historicamente, foron os partidos demócrata-cristiáns (DC), ligados á igrexa, os que, baseados na encíclica Rerum Novarum (1891), naceron e se sustentaron no interclasismo, reducindo a cuestión social ao plano moral individual. Unha concepción que logo sería adoptada pola socialdemocracia.  A DC recoñecía a miseria da clase obreira e propuña un estado máis protector, mais ao mesmo tempo, teimaba na propiedade privada e no pacto entre clases, fronte ás propostas clasistas e colectivistas do socialismo que rexeitaba o interclasismo de plano. 

"Polo tanto, sendo efectivas estas frontes interclasistas para a conquista da liberación nacional, amosaron posteriormente a súa incapacidade para resolver as diverxencias ideolóxicas"

Unha aclaración. Acotío escoitamos afirmar que as frontes de liberación son organizacións interclasistas. Mais non foi así. As frontes xurdiron como alianzas entre clases e camadas sociais en situacións extremas e con obxectivos moi concretos, por exemplo, para acadar a liberación nacional en China e Viet-Nam, ou para evitar o avance do fascismo en Europa. A súa necesidade era táctica ou para unha determinada etapa, durante a cal os partidos aliados (e activistas individuais) converxen nuns obxectivos comúns, mais sen facer renuncia do seu programa estratéxico, e polo tanto de divulgalo e acumular forzas para alén da etapa. As chamadas frontes interclasistas (en realidade foron movementos políticos) déronse nos procesos de liberación dos países de África, e foron o resultado dun proletariado practicamente inexistente e dun proceso de organización previo moi débil. Polo tanto, sendo efectivas estas frontes interclasistas para a conquista da liberación nacional, amosaron posteriormente a súa incapacidade para resolver as diverxencias ideolóxicas, e para construír o socialismo ou as democracias populares. Este tipo de movementos serían un paso atrás na realidade galega e europea, e hoxe en día, tamén en Asia, África e América Latina. Nacerían lastrados polas contradicións de clase, dado o avance do proceso de globalización neoliberal. 

Asemade, é esclarecedor o discurso de Pablo Iglesias en Barcelona, co gallo destas municipais,  cando calculadamente une e confronta a un tempo conceitos como os dos servizos sociais (sanidade e ensino) e de soberanía. Recobrando o argumento franquista de “obras son amores”, mentres pretende meter unha cuña na fronte soberanista, ao sementar a dúbida sobre se unha Cataluña independente vai garantir estes dereitos sociais básicos. Unha análise semellante debería levar a que se disolvese o Estado español, xa que non cumpriu nunca ese requisito. Iglesias utiliza cun dobre sentido termos como soberanía, ou capacidade para decidir, para ao final terminar contrapondo os dereitos colectivos cos dos cidadáns. Que faga este discurso non sería ningunha novidade, en quen recoñece coa boca pequena a capacidade de decisión de Cataluña e Euskadi (a Galiza nen a nomea, e Bescansa reduce ese problema a un feito cultural), porén supedita despois ese recoñecemento a unha reforma da Constitución española, xa que “unha convocatoria hoxe sería ilegal”. Polo tanto oponse ao adianto electoral con carácter plebiscitario de fin de ano en Cataluña. É propio en quen procura gañar votos como sexa, xogando coas palabras segundo o lugar e o público. Trátase de puro oportunismo político!

"O preocupante é que a esta ambigüidade, co que implica de paso atrás no político, apuntouse unha parte do nacionalismo".

O preocupante é que a esta ambigüidade, co que implica de paso atrás no político, apuntouse unha parte do nacionalismo. Algúns que facían da retórica independentista un arma contra o nacionalismo popular, e outros que puxeron por diante protagonismos persoais, mesmo asumindo as actitudes mesiánicas do seu líder. Nesta andaina contaron co arroupe dos medios hexemónicos, conscientes da importancia de debilitar o nacionalismo, tanto como forza orgánica, como polo significado estratéxico de fortalecer como marco de referencia o Estado español. E acertaron, porque o que ía ser un acordo puntual entre Anova e EU converteuse, baixo distintas siglas, nun proxecto duradeiro. E ademais, as “mareas” máis importantes aparecen claramente vinculadas a Podemos. Mesmo a Marea Atlántica, na súa web destaca que son parte dun proxecto que abrangue varias cidades do Estado español. Máis unha vez, a referencialidade é España. Dilúese na práctica o marco nacional galego. Ulo o nacionalismo?

O nacionalismo anticolonial ten hoxe, como na década dos setenta e oitenta do século pasado, dúas tarefas importantes que levar a cabo a un tempo. Por unha banda, combater con todos os medios a explotación e a opresión do povo galego. Pola outra, loitar contra as ideas trabucadas no seo do povo (como diría Mao). E esta non é unha tarefa secundaria, ou que se poda canear, confiando no paso do tempo. Para dar este debate cómpre unha militancia formada, medios para divulgar as ideas correctas e combater as que son trabucadas. Non se trata de descualificar con simplezas, senón de dar argumentos, de contribuír á formación política da sociedade galega e moi especialmente dos/das simpatizantes do nacionalismo. Trátase de incidir no imaxinario colectivo e no estado de ánimo do povo, vencendo as ideas que dan pulo á subordinación e ao derrotismo. 

"Esta non é unha guerra entre bos e malos, senón entre concepcións contrapostas, na caracterización da sociedade, nos obxectivos, na folla de ruta, nos métodos de traballo".

Esta non é unha guerra entre bos e malos, senón entre concepcións contrapostas, na caracterización da sociedade, nos obxectivos, na folla de ruta, nos métodos de traballo. Unha concepción impón ideas erradas que non rachan coa dependencia e a explotación. A outra, aínda que semelle un camiño máis difícil, constrúe poder popular consciente, pondo os alicerces para a liberación nacional e social. A fractura actual no nacionalismo e no conxunto da esquerda, alén de candidaturas unitarias de oportunidade, reflicte as debilidades políticas das clases populares para confrontar coas clases dominantes (tal como amosará a práctica en poucos meses, cando afloren as contradicións destas candidaturas). O debate das ideas no seo do povo non é unha cuestión menor, e neste intre histórico é fundamental para que o nacionalismo anticolonial siga avanzando. E isto, non só é válido para Galiza, senón tamén para Cataluña e Euskadi, que non están á marxe dos mesmos retos tanto no electoral, como no identitario e social, alén das diferenzas cuantitativas.

http://manuelmera.blogaliza.org/