Opinión

A Unión Europea como atranco

Segundo o analista e activista noruegués Asbjorn Wahl, “as organizacións socialdemócratas pasaron a ser meros intermediarios entre o capital e o traballo, traendo como resultado a actual crise ideolóxica da esquerda europea”

Segundo o analista e activista noruegués Asbjorn Wahl, “as organizacións socialdemócratas pasaron a ser meros intermediarios entre o capital e o traballo, traendo como resultado a actual crise ideolóxica da esquerda europea”  (http://www.galizacig.com/avantar/). Considera que hoxe non se poden considerar como parte da esquerda xa que renunciaron ao socialismo e, afirma que a Unión Europea construíu tal número de atrancos á clase traballadora que “segue sendo unha cuestión pendente se é realista ou non crer que se pode mudar a UE dende dentro por medio dunha gran mobilización paneuropea”. 

"Wahl publica na revista Monthly Review, é asesor dos sindicato de funcionarios municipais de Noruega, vicepresidente do sindicado de transportes, e director dunha campaña polo “estado de benestar”. 

Wahl publica na revista Monthly Review, é asesor dos sindicato de funcionarios municipais de Noruega, vicepresidente do sindicado de transportes, e director dunha campaña polo “estado de benestar”. Estivo hai uns días dando unha charla en Vigo, convidado pola CIG. Ten editados varios textos, entre eles un sobre os pactos sociais, e outro encol da crise política e ideolóxica do sindicalismo, no que ademais realiza unha valoración sobre o papel da socialdemocracia. Estes documentos pódense atopar na páxina web da fundación Manu Robles do sindicato vasco ELA (http://www.mrafundazioa.org/es/centro-de-documentacion/documentos/ ). 

Na charla de referencia analizou estes temas. Entre outros aspectos, salientou o atranco que representa a Unión Europea, tanto para poder avanzar na conquista do socialismo, como para evitar a desaparición do “modelo social europeo” conquistado nunha etapa na que existía unha correlación de forzas favorábel á clase traballadora. Este é un tema de moito interese, xa que contribúe a unha caracterización axeitada da UE, algo esencial para poder definir correctamente a folla de ruta, a etapa na que ficamos, e os obxectivos a medio e longo prazo.

Segundo Wahl, en “A crise política e ideolóxica do sindicalismo”, a UE camiña cara un modelo autoritario, utilizando como escusa a crise, mediante unha ringleira de medidas antisociais e antidemocráticas como, o semestre europeo polo que os gobernos dos estados terán que apresentar cada ano as súas propostas de orzamentos “nacionais” para ser aprobados por Bruxelas. O Pacto Euro Plus polo que se acorda a desregulación e a austeridade que abrangue a toda a eurozona e outros estados que se adheriron. A nova gobernanza económica que inclúe seis novas leis, para dar cobertura xurídica ás políticas de austeridade. O Pacto Fiscal, que debe ser irreversíbel (segundo Merkel) e que incorpora sancións financeiras aos estados que non cumpran as directrices. Lembra ademais que os organismos da UE nos que se toman estas decisións “están dominados polo capital” e que ademais se está “transferindo máis poder político ás institucións non electas de Bruxelas”, que son todas agás o Parlamento. 

"A UE camiña cara un modelo autoritario, utilizando como escusa a crise, mediante unha ringleira de medidas antisociais e antidemocráticas"

Neste documento destaca que “resulta evidente que a propia Unión Europea crea unha ringleira de atrancos, non só para o desenvolvemento económico e social de Europa, senón tamén para a loita social”. E enuncia a continuación seis atrancos. O déficit democrático, xa que malia un discurso triunfalista que gaba o modelo actual por parte “da UE, os gobernos dos estados membros e da Confederación Europea de Sindicatos (CES), é todo o contrario (...) algúns estados foron postos baixo a administración do BCE, da Comisión Europea, co apoio do FMI, con motivo de se producir a crise económica”. O neoliberalismo foi institucionalizado constitucionalmente mediante o Tratado de Lisboa como o sistema económico da UE: a libre circulación de mercadorías e a competencia como principio básico, do que é un exemplo a directiva de servizos, e as reformas constitucionais nos estados membros para obrigar a que o déficit estrutural non supere o 0,5% e que a débeda pública se sitúe por debaixo do 60%. Segundo Wahl pódese dicir que “o socialismo está prohibido polos tratados da UE”. 

Ademais analiza como outros impedimentos. Unha lexislación irreversíbel, xa que o modelo de toma de decisións na Unión Europea impide na práctica unha reforma progresista, porque para mudar os tratados fai falla o acordo de todos os estados membros. O Euro como camisa de forza económica, dado que existe unha enorme diverxencia na economía e na produtividade dos estados da eurozona, e a falla dun orzamento común para reducir as desigualdades, xa que cada país necesita políticas propias. Wahl non fai mención neste texto aos aranceis, que atinxen aos produtos que se mercan e venden, polo que favorecen a uns sectores e prexudican a outros, e o propio acontece cos territorios. A falla de simultaneidade nos procesos de toma de decisións e execución, que constitúe un atranco para “o desenvolvemento das mobilizacións dos sindicatos e movementos sociais nos diferentes países contra as moitas políticas neoliberais e reaccionarias  (...) a posta en práctica destas políticas ten lugar en momentos e de xeitos diferentes”. 

"O modelo de toma de decisións na Unión Europea impide na práctica unha reforma progresista, porque para mudar os tratados fai falla o acordo de todos os estados membros".

E por último salienta a ampliación de competencias do Tribunal de Xustiza Europeo “que lle permiten re-interpretar e alargar o alcance dalgúns dos tratados e da lexislación”. Neste aspecto lembra as catro sentencias que se ditaron entre setembro de 2007 e o vran de 2008, todas as cales contribuíron a limitar os dereitos sindicais, incluíndo o de folga. “Antes das sentencias, a opinión dominante era que as leis e normas laborais ficaban fóra do ámbito da UE. Pertencían á xurisdición dos estados membros. Mediante estas sentenzas ficou claramente fixado xusto o contrario: os regulamentos do mercado laboral están subordinados á lei de competencia da UE e á libre circulación de capitais e dereito de establecemento (...) tiveron o efecto de transformar a chamada directiva de desprazamentos de traballadores, dunha directiva de mínimos nunha directiva de máximos respecto dos salarios e condicións de traballo”. En poucas palabras o conxunto das institucións europeas son funcionais ás clases dominantes, ao proxecto de globalización neoliberal, no que a UE ten un papel sobranceiro. E, aínda que Whal non fai referencia ao tema, resulta evidente que o Parlamento da Unión non se pode illar desta función, cumprindo o seu papel de cara democrática do proxecto. 

“O proxecto da UE das elites europeas actuais está provocando unha formidábel polarización económica, social e política".

Absjorn Wahl coida que a Unión Europea está ameazando a unidade de Europa xa que “o proxecto da UE das elites europeas actuais está provocando unha formidábel polarización económica, social e política. O modelo social europeo estase vindo abaixo”. Engade como conclusión a respeito deste tema que  “se cadra sexa necesario que os países teñan que se saír non só do euro senón tamén da propia Unión Europea para salvar as súas economías e o benestar dos seus cidadáns. Nese caso será fundamental unha mobilización masiva dos sindicatos e das forzas populares por unha Europa baseada na democracia, na unidade, a solidariedade e a cohesión para contrarrestar a posibilidade dunha total desintegración europea”. O noruegués aposta por construír sobre o enterro da UE unha Europa unida sobre bases de respecto mutuo, dereitos sociais, democracia popular e intercambios xustos. Os recentes acontecementos na Ucraína, sen dúbida ningunha dan máis razón ás reflexións do sindicalista noruegués.

http://manuelmera.blogaliza.org/