Opinión

A UE alenta a extrema dereita

O triunfo da estrema dereita en Italia consolida unha tendencia que non se pode considerar casual, xa que está alentada, aínda que o negue, pola propia Unión Europea, tanto pola súa estrutura institucional elitista como polas políticas que práctica cara dentro e fóra da propia Unión. Un sistema dirixido por burócratas, que manexa inxentes cantidades de diñeiro público, tanto a través do banco central, como de recursos que ceden os estados que a integran, que marca as taxas no comercio exterior, e as normas e regras en materia económica no interior. Unha UE que desapareceu durante a pandemia do Covid-19, onde lle deixou toda a responsabilidade aos estados, e estes ás autonomías e rexións. Mais que recupera todo seu poder nos investimentos de Next Generation, fixando obxectivos e impoñendo normas que teiman no neoliberalismo, agora nun mundo dividido, e onde aproveita da guerra na Ucraína para coller un protagonismo que está por riba dos estados.

A UE é un monstro, representativo das grandes corporacións e fortunas, tanto europeas como internacionais. Así como un dos brazos políticos do G-7/OTAN, e dunha democracia entendida como acto electoral, xogando só na segunda división. O Parlamento Europeo está moi lonxe e moi afastado da xente como para que os representantes electos teñan algún tipo de control polos/as votantes, só en situacións moi especificas iso sucede. Cantos saben o que debate e o que fai a Comisión Europea e o Parlamento Europeo?... Que controis sociais existen?

Indo a Italia. Primeiro dicir que non toda a estrema dereita, que como aspecto máis destacado ten o conservadorismo, logo mantén a mesma postura respecto da UE, da OTAN ou da guerra ruso-ucraína. O mesmo pasa na esquerda, desde a máis morna até a máis radical. Así por exemplo, segundo o artigo de Steven Forti (La polonización de Italia, en CTXT): Máis aló da vella amizade de Berlusconi con Putin e a exacerbada rusofilia de Salvini, sería un governo firmemente atlantista que seguiría enviando armas a Ucraína e apoiando o esforzo bélico de Kiev (...). O governo de Meloni promovería a retórica ultranacionalista vulgar e pisaría o acelerador co tema da soberanía. Definiríase a si mesmo como europeísta, non hai dúbida: o ser europeísta xa é un lema empregado por calquera–, mais faría en Bruxelas un eixo con Budapest e Varsovia para deter calquera intento de maior integración europea”. Mesmo reclamaría recuperar certas competencias para manter o relato e como mecanismo de presión sobre Bruxelas.

Agora ben, ademais do avance da estrema dereita, non se pode obviar que a tendencia dominante é dende hai décadas un xiro á dereita nas institucións e unha esquerda moi debilitada. Así como a aparición de forzas que destacan a transversalidade, en lugar da alianza de clases, negando na práctica as contradicións e o carácter conxuntural dos acordos; e o medre constante da abstención, un 36% do electorado nestas votacións. Este xiro á dereita dáse en case que todos os estados da UE, aínda que nalgúns de xeito moi agudizado, como nos países bálticos, Polonia e Hungría, e agora en Italia, que lembremos é a terceira economía da Unión Europea. Polo tanto a cuestión esencial non está en illar mecanicamente aos partidos de estrema dereita, como pretenden as forzas sistémicas só para eliminar a competencia (cando lle deron folgos deixando no caixón todas as propostas de cambio sistémico), senón en gañar a batalla das ideas, do relato, do proxecto de sociedade, de fortalecer a participación e protagonismo das clases populares e moi especialmente da clase obreira.

A estrema dereita, como os Irmáns de Italia, ademais da consigna de “Deus, patria e familia” toca temas que son sentidos polas clases populares, como o aumento da man de obra de reserva pola inmigración, a violencia na sociedade, o medo á ocupación da vivenda. A esquerda non pode obviar estas problemáticas, débelles dar unha saída progresista, que non alente a lei da selva; respostas reais e ligadas con cambios no sistema. O socialismo, a soberanía, non poden ser só consignas para os mitins e celebracións. O socialismo e a soberanía nacional deben ser un proceso en construción cotiá e participativo, con etapas, das forzas políticas, sindicais, sociais e culturais, da esquerda. 

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios