Opinión

De triunfos e derrotas, e avance do BNG

Tería sido un enorme salto adiante para Galiza que a oposición da esquerda nacionalista e o progresismo tivesen gañado as eleccións autonómicas. Non foi así, tanto porque o PP ten unha forte maquinaria, un modelo clientelar eficiente, porén ademais conta co apoio daqueles sectores de poder que son a cabeza do sistema. Sen dúbida axudou moito a mobilización da dereita orgánica, para que axitase a base e premese aos sectores clientelares, nun intre no que a confrontación no Estado entre PSOE e PP é tan intensa, o alarmismo nestes sectores porque a Xunta puidese ser dirixida por unha presidenta do BNG (+PSOE). Alarmouse o poder ante a posibilidade de que se formase unha coalición con maioría do BNG, onde o PSOE non tivese un papel determinante de moderador e fiel seguidor das directrices de Madrid e Bruxelas. Esta opción viuse como un perigo real, máxime despois da desaparición da Xunta de Rueda na desfeita dos pélets, e das fortes protestas sociais por este tema e as carencias na sanidade pública. A mobilización da dereita, mesmo sendo serodia permitiu que o PP, aínda perdendo dous deputados/as gañará máis unha vez as eleccións mesmo cunha caída da abstención (tivo algún papel a forte immigración venezolana dos últimos anos?). 

Os grandes derrotados foron o PSG-PSOE, Sumar, VOX. O primeiro porque perden 5 deputados/as, quedando na terceira posición moi lonxe do BNG, que se consolida como o referente da oposición no Parlamento Galego e na Xunta de Galiza. Mesmo así non se pode obviar que o PSG-PSOE governa varias das cidades galegas (Vigo, A Coruña, Lugo) e moitas vilas importante... Porén a imaxe que se gravou é de retroceso. O PSOE perde sobre un 20% dos 253 mil votos que obtivo nas eleccións de 2020, a caída é máis destacada no número de deputados/as. Sendo verdade que houbo un transvase de votos ao BNG nada fai pensar que foron a totalidade es-votantes do PSG, tendo en consideración que boa parte puideron ir á abstención por mor da polémica interna sobre a amnistía. Todo indica que o PSOE queda nunha situación complexa, aínda que a corto prazo a caída noutros procesos electorais sexa menos intensa, reverter a tendencia non lle será doado.

A outra alternativa, Sumar, socio fundamental do PSOE no Governo central, fixo un esforzo por entrar no Parlamento galego, que foi alimentado por algúns medios, co claro obxectivo de evitar co BNG saíse moi fortalecido. Mais non deu resultado, sobre todo polas polémicas internas e os procesos de ruptura, e ademais porque na Galiza referencias fundamentais das Mareas apostaron polo BNG. Os resultados que obtivo son moi pobres, non acadou representación, e carece dunha estrutura organizativa desde a que incidir na sociedade e reconstruír o proxecto desde a base, ao día de hoxe todo indica que se trata dunha estrutura de cúpulas e figuras de referencia.

Agora ben, sendo certo que unha parte dos votantes da esquerda-progresismo vota distinto, ou se abstén, segundo sexa o proceso electoral (autonómicas, municipais, estatais, europeas) neste caso o pulo foi tan grande que parece indicar un cambio máis estratéxico, o que implicaría unha maior fidelidade do voto en relación co BNG. Ademais, axuda a este cambio se a fronte nacionalista mantén o compromiso e apoio á protesta e mobilización social, sindical, ecolóxica, pola igualdade de trato, cultural, lingüística... E sobre todo se fai, como coido que fará, un esforzo especial para organizar a moitos/as das persoas que votan polo BNG, e que por distintas razóns teñen unha actitude pasiva na loita política. E neste aspecto son importantes dous segmentos sociais: á vangarda que participa na loita sindical, barrial, estudantil, agraria, ecoloxista, feminista, etc; e aquelas persoas mozas que votaron masivamente pola fronte, moitas delas que se abstiñan, e das cales non poucas poden estar dispostas neste contexto a unha actitude máis activa.

É na cuestión relacionada co fortalecemento do BNG, como forza que loita pola soberanía nacional, a xustiza social, a defensa do ecosistema, a igualdade,... onde o paso adiante destas eleccións deberíase consolidar organizativamente así como nunha maior politización da sociedade. Neste aspecto importa moito, non só atender os problemas máis urxentes da maioría social, senón ademais  gañar ás clases populares para que apoien cambios intermedios e estratéxicos. Neste aspecto importa contar co apoio, mesmo coa integración, doutras forzas do nacionalismo (algo que semella xa se está a facer). O pasado serve como experiencia, do bo e do malo, porén o futuro temos que escribilo con atrevemento e mirando cara adiante con todos os aportes que consigamos no presente, xestionando as contradicións menores.

O BNG, deu un importante salto adiante nestas eleccións, mérito da militancia e da dirección, como tamén o fixo a CIG nas eleccións sindicais (a maior organización social do país, no número de afiliados, na capacidade mobilizadora), deste xeito ráchase en parte co falso argumento que coloca ao nacionalismo galego, e a Galiza, como unha nación de segunda fronte a Cataluña e Euskadi, co que iso implica no exterior e tamén na incidencia que ten o aparato mediático e partidario estatal na creación da conciencia social no país galego. En resumo, estes resultados teñen un efecto moi positivo na conciencia de todo o povo, considérense nacionalistas, autonomistas ou galeguistas, axuda a construír autorganización, e a avanzar en soberanía.

Por último, que en practicamente todo os concellos da ría de Vigo o BNG fose a primeira forza sen dúbida ten moita relación, ademais de co traballo institucional e social desenvolvido polo BNG cunha maior presenza da clase traballadora, a fortaleza do sindicalismo nacionalista, e coa media de idade da povoación. Marca para o nacionalismo unha práctica da que tirar algunhas ensinanzas.

Comentarios