Opinión

Syriza, Podemos, e o engado do electoralismo na Galiza

Dime con quen andas e direiche quen es. Este proverbio, produto da sabedoría popular, poderíase formular deste outro xeito: dime quen che serve de exemplo e que defendes, e direiche quen es.

Dime con quen andas e direiche quen es. Este proverbio, produto da sabedoría popular, poderíase formular deste outro xeito: dime quen che serve de exemplo e que defendes, e direiche quen es. Sen dúbida ningunha, esta debe ser unha das referencias cando temos que caracterizar a liña política dalgúns partidos que, pola súa calculada ambigüidade programática e o programado radicalismo no discurso, xogan a transformalo todo sen que anuncien ningunha proposta concreta para remexer os alicerces que sustentan o sistema, ou ben múdanas en pouco tempo. Xogan a engaiolar as clases populares co argumento de que non é tan complexo facer políticas a prol das maiorías se lles outorgan o voto, e que as forzas da oposición existentes non conseguiron conquistar o poder por falta de coñecementos e vontade.

Son alternativas que atoparon en Syriza o seu modelo; que valoran que Tsipras foi un xigante na súa pelexa coa Troika, mais que non lle quedou outro remedio que ceder, aplicando novos e duros recortes, por responsabilidade, para evitar maiores males ao povo grego. Esta é a lectura que fai por exemplo Podemos, e mesmo EU aínda que rexeite o acordo coa Troika. Segundo reflicte Eldiario.es do pasado 21 de agosto “O partido de Pablo Iglesias defende a "coraxe" do líder de Syriza ao convocar eleccións unha vez constatado que non pode sacar adiante o seu programa, mentres desde a coalición que lidera Cayo Lara afirman que non van deixar "abandonados aos nosos compañeiros"”. Ademais deste novo axuste en beneficio dos acredores foráneos e dos banqueiros gregos, non se pode ignorar outras dúas perlas do Governo de Tsipras, como son, o voto a prol das novas sancións contra Rusia, e o acordo militar de cooperación con Israel asinado no mes de xullo. 

No acto que se realizou o 17 de agosto en Pontevedra, co gallo do Día de Galiza Mártir, o concelleiro e deputado provincial do BNG César Mosquera sinalou acertadamente que as medidas que se están a tomar en Grecia co aval de Syriza terían causado unha enorme contestación popular con calquera outro Governo. Tsipras e o seu partido, fose esa ou non a súa intención, impediron ou desalentaron a mobilización social contra as medidas reaccionarias da Troika. Polo tanto, para alén de que consideremos o proceder de Syriza como unha traizón ou como a única solución posíbel, é evidente que a folla de ruta rematou en fracaso, tanto por carecer dun plano alternativo como por non preparar a sociedade grega para a confrontación. Esta pode ser unha primeira conclusión, que é aplicábel tamén ás forzas que propoñen estratexias semellantes no Estado español e na Galiza.

"César Mosquera sinalou acertadamente que as medidas que se están a tomar en Grecia co aval de Syriza terían causado unha enorme contestación popular con calquera outro Governo"

Outro aspecto a ter en consideración é o comportamento destas forzas en relación coas eleccións catalás do vindeiro 27 de setembro, que teñen un carácter plebiscitario sobre a independencia do país. Trátase dun contexto de forte confrontación político-ideolóxica. É evidente que calquera postura que non se sume ao bloque independentista, e á ruptura neste aspecto cos intereses do capital, fortalece o sistema. Ninguén ignora que as grandes empresas e as multinacionais están contra o proceso independentista, así como moitas das pequenas e medianas. Recolle El Confidencial do 11 de agosto: “José Bou, da asociación Empresaris de Catalunya. A de Bou é unha plataforma composta por empresas medias e pequenas que se ergueron e berraron non á independencia de Cataluña”. E neste tema, Podemos e Izquierda Unida e afíns optaron por unha teórica terceira vía, aínda que na práctica fan unha fronte común contra a independencia. Poñen como condición previa unha reforma da Constitución española. Mais de aceptarmos esta folla de ruta, podemos agardar sentados. Dentro desta estratexia, Ada Colau e Barcelona en Comú absteranse na votación a prol de que a cidade se incorpore á rede de  municipios favorábeis á independencia; a unión de CDC+ERC+CUP non chegará á maioría, deixando na práctica esa institución municipal na banda oposta á soberanía. Tampouco acudirá á manifestación da Diada. Lembremos que estas son plataformas coas que as mareas galegas  manteñen unha relación intima (as que Anova e Beiras consideran cerna da unidade popular).

Aínda que as candidaturas independentistas acaden maioría no Parlament de Catalunya, o proceso terá que superar moitos atrancos, e mesmo pode ser abortado por unha intervención da autonomía polo Estado. De ser así resultaría evidente que non se respecta a vontade popular, que se impón a lei da forza,... e que cómpre máis organización, mobilización na rúa, e maior peso social. Mais co aumento do confronto non ficaría ningún espazo para a ambigüidade sobre a dependencia e a necesidade da plena soberanía. Podemos afirmar que as eleccións catalás terán un papel idéntico ao referendo grego. Porén, neste caso, isto tamén acontecerá se a maioría para a independencia depende no Parlament de Podemos e Izquierda Unida e afíns. Se temos en conta os antecedentes e as súas referencias internacionais, todo fai pensar que seguirán poñendo por diante a legalidade imposta polo réxime do 78 (que por outra banda tanto rexeitan) e procurando afogar co discurso encol da problemática social a cuestión da opresión nacional. Esquecendo que esta última é unha expresión máis da loita de clases. Farano con cínica habilidade, sen negar a existencia desta contradición, mais relegando a súa solución indefinidamente. Todo indica que sobre esta actitude están a axer as clases dominantes a través do poder e dos medios de comunicación hexemónicos, coa finalidade de gañar os sectores dubitativos para esta opción que ofrece o si e practica o non. 

"Aínda que as candidaturas independentistas acaden maioría no Parlament de Catalunya, o proceso terá que superar moitos atrancos"

Para o capital español é esencial impedir a liberación nacional das nacións oprimidas. Faino porque obter a plena soberanía polas nacións sometidas permitiría avanzar na democracia popular, e debilitar a centralización do poder e da riqueza na alta burguesía. Porén: “o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, considera que se Cataluña inicia un proceso de independencia de forma unilateral, con declaración de independencia e lei de transitoriedade, abriríase unha situación que "non dependería do Governo, senón da aplicación da Xustiza e iso fano os tribunais" (en Onda Cero, o pasado 20 de xullo). Mentres que “o coordinador de IU-EUiA e número 6 na lista Catalunya Si que es Pot, Joan Josep Nuet, advertiu que é absolutamente imposíbel que a súa candidatura apoie unha declaración unilateral de independencia aínda que están abertos a discutir sobre un proceso constituínte a condición de que non o fagocite CDC” (Diario de Ferrol, 14 de agosto). Para Podemos e EU, a “capacidade de decidir” das nacións periféricas no inmediato non é posíbel, e no futuro é difícil, xogan con querer e non poder, como Tsipras. 

Do que está a suceder en Catalunya, e tamén en Euskadi, podemos tirar polo tanto unha segunda conclusión. En Catalunya, os sentimentos de nación da sociedade e dos partidos propios sempre tiveron un gran peso, tanto que historicamente houbo partidos estatais que mantiñan organización autónoma. Mais agora teñen unha postura tan ambigua que favorece o marco imposto. Daquela, que se pode esperar deses partidos na Galiza onde non hai eses antecedentes e a mesma presión social? 

"Para Podemos e EU, a  'capacidade de decidir' das nacións periféricas no inmediato non é posíbel, e no futuro é difícil, xogan con querer e non poder, como Tsipras"

Algunhas reflexións finais. Hai partidos de ámbito galego que, mantendo a súa autonomía, asumiron deixar para mañá a cuestión nacional e forxar alianzas prioritariamente con organizacións de ámbito estatal que, como xa vimos, secundarizan a soberania confrontando co nacionalismo en Catalunya. Tampouco se pode ignorar que por esta razón Anova sufriu varias rupturas, e que tanto esta organización como as mareas privilexian os contactos e conversas con EU e Podemos e plataformas subsidiarias (Barcelona en Comú, Ahora Madrid, etc). As diferencias con Podemos están no esencial no futuro reparto do poder institucional. Abonda con ler as resolucións da súa última Conferencia Política Nacional, o 11 de xullo, onde se especifica que “Non está, pois, entre os obxectivos de Anova a unidade do nacionalismo (...) As mareas, xunto coa cidadanía activa e os partidos da esquerda rupturista constitúen os tres piares nos que, ao entender de Anova, debería cimentarse unha alternativa política e electoral de cara ás eleccións ás Cortes”. Como un primeiro paso, que non parece casual, o 29 dese mes reuníronse con Podemos e destacando nun comunicado as moitas coincidencias, así como que continuarán as conversas.

Daquela, sobre que bases se pode construír unha candidatura nacional galega, que loite pola soberanía e os intereses do povo, contando con forzas estatais que teñen outras prioridades?  E na mesma liña, como se pode avanzar na unidade electoral con forzas galegas que hoxe están encerelladas na dinámica estatal, sen conseguir previamente que estas rachen con esa estratexia? E que fai pensar que sexa posíbel facelo sen que acepten previamente que esa é unha folla de ruta que nos hipoteca como país, xa que non permite xerar conciencia nacional?  

Oxalá estea trabucado, mais non penso que teimar no discurso unitarista serva para moito, se non vai acompañado de evidencias que amosen que na “esquerda rupturista” existe unha tendencia que favorece ao nacionalismo. E iso, nunha conxuntura coma esta, necesita de tempo histórico, de folla de ruta, de discurso que ilusione, de loita no eido das ideas, de iniciativa e mobilización, de moita confrontación social e política. De non ser así, teimar na unidade, pode terminar transmitindo debilidade, falta de proxecto alternativo, converterse nunha lousa que hipoteque por tempo o proxecto. Non se pode construír unha candidatura nacional galega sobre a indefinición, as xeneralidades. Para que sirva ao país, cómpre integrar exclusivamente ás forzas que amosaron na práctica que os seus intereses prioritarios son a soberanía, a autoorganización. 

"Non penso que teimar no discurso unitarista serva para moito, se non vai acompañado de evidencias que amosen que na 'esquerda rupturista' existe unha tendencia que favorece ao nacionalismo"

Neste intre unha candidatura nacional galega unitaria só é posíbel co BNG, persoas sen militancia, organizadas ou non en plataformas ao efecto, e se están dispostas, forzas que se definen como independentistas e outras que non hai tanto deixaron a fronte e seguen facendo da liberdade nacional a cuestión principal. Unha candidatura que se debe unir arredor dun programa soberanista, de xustiza social e democracia popular, de defensa do ecosistema, antiimperialista, etc. Coido que, con estas ponlas e este programa, non deberían existir reservas, nen atrancos para formar unha candidatura unitaria e mesmo avanzar no traballo común noutros eidos máis estratéxicos. Non se trata de ficar hipotecados polo pasado, mais tampouco de construír proxectos de futuro sobre espellismos, sobre ambigüidades, sobre renuncias, eivando de contido ás forzas existentes, enterrando a historia. 

Todo amosa que as Syrizas e Podemos están a recuar, a perder militancia e apoio electoral, a medida que a práctica amosa o espellismo da rápida e doada “revolución” reformista pola vía electoral.  Haberá outras alternativas que ocupen o espazo do espontaneísmo, do electoralismo, e atopen lugar destacado nos medios do poder. Mais que devezan non significa que os conceptos trabucados que defenden, baseados no individualismo, no papel determinante das actitudes da pequena burguesía, dos salvadores supremos en detrimento das maiorías sociais organizadas, perda forza ao mesmo ritmo, máxime cando sempre estiveron presentes na sociedade e polo tanto en todos os partidos, mesmo nos da esquerda nacionalista. Daquela, cómpre resaltar a importancia da loita das ideas relacionada coa historia e a praxe, da recuperación do papel da militancia, da mobilización, e da centralidade dos partidos e doutras organizacións de clase, como os sindicatos. Só así a forza no eido institucional será duradeira por ser representativa do avance do poder popular.  
 
http://manuelmera.blogaliza.org/