Opinión

Situación política en Cataluña

A pasada semana, todos os medios españolistas destacaban en portada o retroceso en Cataluña na intención de voto a unha proposta independentista, de acordo cunha enquisa do CEO (Centre d’Estudis d’Opinió). O Presidente do Governo español realizou un pronunciamento igual de optimista para os intereses centralistas. Segundo a enquisa do CEO, en xaneiro un 40,8% sería partidario da independencia, fronte a un 48,7% en outubro de 2017, cando se realizou o referendo. Mentres, quen optan por outra opción pasarían do 43,6% ao 53,9%, ou sexa que serían maioría. Estas últimas son presentadas como persoas que non desexan a independencia. Unha análise simplista e que terxiversa a realidade, porque agrupa posturas diferenciadas que van desde o centralismo imperialista até os que optan por unha maior autonomía (federalismo, confederación, etc). Ademais, nada menos que un 60,3% responde que a autonomía é insuficiente. 

A enquisa tamén recolle cal sería agora a intención de voto, de se realizar unha nova convocatoria electoral. O primeiro dado a salientar é que as forzas independentistas terían de novo maioría no Parlamento, e mesmo aumentarían seu peso. Concretamente pasarían do 47,5% de apoio, das últimas eleccións (convocadas baixo o 155) ao 48,4%. O segundo aspecto a destacar é que ERC superaría o partido de Puigdemont e a CUP recuperaría boa parte da representación perdida. 

O primeiro dado a salientar é que as forzas independentistas terían de novo maioría no Parlamento

 

Todos estes dados non se poden analizar por separado, como fai a dereita por oportunismo, e mesmo sectores da socialdemocracia, así como os medios que responden ao sistema, para recrear un escenario que lle sexa beneficioso ás clases dominantes. Todos estes suxeitos, convén non esquecelo ou restarlle importancia, son coincidentes nun españolismo negador da realidade plurinacional do Estado español ou que reducen esta problemática a aspectos formais, opóndose a calquera reforma estrutural. Agora ben, tanto a resposta que dan os cidadáns a respecto das distintas opcións de futuro para Cataluña, como a que partidos votarían, ten unha lóxica, que no fundamental amosa que se mantén un respaldo maioritario ao soberanismo. Sendo certo que un sector dos/as cataláns que optan pola soberanía, nesta conxuntura ollan a independencia como non practicábel (polo que baixa esta opción en 8 puntos). Mais, mesmo así, seguen votando os partidos independentistas (que medran un punto). E dentro destes, fortalecen aqueles que consideran que poden confrontar mellor a folla de ruta no futuro ou tiveron unha actitude máis coherente no procés (ERC e CUP). 

Neste intre, o nacionalismo catalán ten unha maioría cualificada para esixir a reforma do estatuto e gañar maiores competencias. E por suposto, para seguir denunciando o Governo central e o Poder Xudicial pola súa actuación represiva no referendo, e pola persecución e prisión inxustificada e antidemocrática de dirixentes nacionalistas e das clases populares. Tamén está en condicións de manter a presión e gañar a batalla das ideas a prol dun Estado independente e da República. Claro que para iso, o independentismo ten que governar a Generalitat, eliminar o atranco do 155, socializar unha nova folla de ruta e as metas a medio prazo. Para facer esta andaina debe recobrar a unidade, poñendo os intereses do povo catalán por riba das disputas persoais e entre partidos. 

O independentismo ten que governar a Generalitat, eliminar o atranco do 155, socializar unha nova folla de ruta e as metas a medio prazo

 

Non se pode ignorar que as enquisas reflicten o estado de ánimo nun determinado momento. Mesmo así, acostuman a marcar tendencias. Tampouco se pode esquecer que os medios de comunicación están controlados polo sistema, e que teñen moita capacidade para distorsionar e afogar as cuestións estratéxicas, ofrecer falsas saídas e instalar “salvadores supremos”. Asemade, resulta evidente que a problemática laboral e social afoga a un sector moi amplo da sociedade, e que está é unha contradición básica. Polo tanto, o soberanismo catalán ten que facer unha política claramente virada á esquerda, que sexa punta de lanza na loita laboral e social, disputándolle todo este espazo ao federalismo verbal e oportunista, ademais de contar cunha estrutura que dispute acotío a rúa, para acadar unha maioría moi clara e activa a prol do Estado Catalán. 

http://manuelmera.blogaliza.org/