Opinión

Unha situación complexa... porén, avanzando

Neste intre tan complexo, co capitalismo esgotado, cando menos na súa versión dunha globalización neoliberal, de avance da ultra-dereita e falta de empuxe do progresismo en toda as súas formas, agás en situacións moi concretas (México, Brasil...),... Mais, a confrontación como saída do imperialismo hexemónico non está a dar os resultados que esperaba Washington, mesmo está a empurrar a desglobalización  e a un mundo multipolar. A incógnita é se impulsará dous polos (USA-China), ou se esta será unha situación conxuntural, na que iran gañando poder as potencias rexionais e conseguir consensos vai necesitar atá dos países máis pequenos (a mellor saída).

O certo é que non só os partidos sistémicos (tanto da dereita como o progresismo) senón que tamén a esquerda, desde a caída da URSS, non foron aínda capaces de asumir os erros e valorar os acertos para construír un proxecto alternativo, capaz de ilusionar ás maiorías sociais. Estas comezando polas clases populares ven como o futuro se escribe en maiúsculas coas palabras DESIGUALDADE-PRECARIEDADE, polo acelerado proceso de centralización e concentración do poder e da riqueza. E non se está producindo un cambio estrutural no aspecto social e cultural no proceso de desglobalización da economía mundial. A situación económica, social, cultural e política, na UE, é un exemplo das tendencias dominantes, da falta de alternativas de cambio a prol da clases populares, esta tendencia alargase aos países dependentes.

Unhas pregunta: a diminución das axuda ao agro na UE e a abertura do mercado a produtos externos non se deberá á intención estratéxica de sacrificar o sector primario para aumentar capacidade competitiva na industria e servizos, e así recuperar as vantaxes competitivas que existían cando a enerxía se importaba de Rusia, e adicar máis recursos ao rearme?...

Deixando a un lado estes temas, quero facer unha breve reflexión respecto do nacionalismo galego democrático e popular, como diriamos hai medio século, xa que malia as dificultades do momento a nivel mundial e rexional, a actitude asfixiante dos medios, dos grupos de poder e dos partidos sistémicos, segundo as enquisas o BNG está arredor do 30% de intención de voto. Ademais, a CIG acaba de gañar as últimas eleccións sindicais, obtendo máis de cinco mil delegados/as (31.05%). En poucas palabras, na Galiza o nacionalismo de esquerdas avanza, e mesmo hai posibilidades de que o PP perda a maioría no Parlamento galego, o que permitiría constituír un Governo de coalición presidido polo BNG, co que iso implica respecto do papel de Galiza no Estado español e de poder realizar políticas que desenvolvan o país e avancen en xustiza social e soberanía.

Sería un paso adiante nun ámbito institucional cheo de retos, porén en situacións complexas,... lóxicas dun salto cualitativo neste mundo, que como xa dixen está ateigado con graves atrancos cara o futuro, no plano ecolóxico, demográfico, de recursos primarios... Un contexto de confrontación imperialista e clases dominantes buscando aumentar o lucro, obviando os límites da humanidade, a solidariedade e a paz, e polo tanto das tarefas e os camiños que impón hoxe a construción do futuro.

Agora ben, mesmo que o PP mantivese a maioría, o avance do nacionalismo popular e democrático (o BNG) nas eleccións autonómicas implica estender este salto electoral a outras institucións, por medio das eleccións municipais, xerais e europeas. Ademais este paso adiante cualitativo debe implicar unha ampliación da base organizada (e da militante) do BNG, e sobre todo manter a mobilización estando na oposición e tamén no governo, de xeito que a sociedade sexa e se sinta protagonista do proceso de cambio. Ou sexa, trátase de non debilitar a mobilización por mor do traballo extra que implican as accións de governo ou nas institucións, iso é esencial!!! máxime neste tempo histórico de tantas desconfianzas cos/as “dirixentes políticos”, alimentada desde as estruturas do poder (económicas, poder xudicial, ultradereita).

O avance electoral do BNG implica moito en positivo e novos retos, tanto presidindo a Xunta de Galiza como liderando a oposición. Axuda que a CIG sexa a primeira central sindical, en número de delegados/as, en afiliación, en capacidade mobilizadora. Esta dinámica cómpre alargala ao máximo a todas as organizacións sociais, deportivas, culturais,... e moi especialmente ao debate da situación da Galiza e dos proxectos de futuro nos medios de comunicación. Ou sexa politizar. E, en calquera dos dous escenarios que poden saír das eleccións: a organización, a mobilización e a loita no eido das ideas, así como a iniciativa e a teimosía, seguiran sendo centrais.

Comentarios