Opinión

Salarios, inflación e emprego

Practicamente todo o mundo recoñece que o aumento da inflación obedece á subida do prezo da enerxía e outras materias primas e produtos elaborados.  Xa que sería unha consecuencia da caída do investimento pola redución de determinados consumos e os atrancos na mobilidade, así como ao paro de determinadas empresas, durante a pandemia do covid-19, e que a recuperación da produción non tivo os mesmos ritmos en todos os sectores. Algúns economistas neoliberais engaden a estas eivas a emisión de moeda para apoiar desde o sector público ás persoas, empresas e servizos, tanto para facer fronte ao covid como para recuperar a actividade económica e emprego previos. Ao que se lle sumaron os atrancos e eivas por mor das sancións contra Rusia pola guerra na Ucraína e outras medidas intervencionistas por parte de “occidente”, para garantir seu control no ámbito económico e polo tanto frear o avance do multilateralismo.

Este axuste que se está a producir, foi acelerado pola ofensiva en todos os ámbitos de occidente, e reflectirase no rol que cada país xogue hoxe e no futuro na cadea de valor; e a nivel interno como serxa o reparto dos ingresos entre as distintas clases sociais. Neste último aspecto voume centrar neste artigo, xa que a patronal e moitos governos, dan por valido que a medida máis efectiva para reducir a inflación sería que os salarios non recuperen a capacidade adquisitiva perdida coa inflación. Argumentan que de non ser así implicaría alentar a espiral de novos aumentos nos prezos, e a perda de competitividade e de emprego. Ou sexa, que a recuperación da economía e do emprego estaría esencialmente condicionada a que a clase traballadora aceptase unha redución dos ingresos salariais reais, como mínimo até que se reduza a inflación e o desemprego. Isto último sempre condicionado por unha inmigración forzada e alentada polas practicas económicas do capital.

Estes argumentos son falsos. Así o afirma Michael Roberts, economista marxista, e outros autores/as por exemplo, nun recente artigo (https://www.sinpermiso.info/textos/refutacion-de-la-espiral-salarios-precios) no que ademais de utilizar textos de Marx sobre o tema, recolle un estudo realizado polo FMI (unha institución internacional vinculada ao imperialismo e grandes corporacións) na que analiza o comportamento da inflación e os salarios nas derradeiras seis décadas. Segundo o estudo do FMI: "As espirais salariais-prezos, polo menos definidas como unha aceleración sostida dos prezos e dos salarios, son difíciles de atopar na historia recente. Dos 79 episodios identificados de aceleración salarial-prezo dende a década de 1960, só unha minoría deles viu unha maior aceleración, despois de oito trimestres. Ademais, unha aceleración sostida dos prezos dos salarios é aínda máis difícil de atopar cando se buscan episodios semellantes aos actuais, cando os salarios reais caeron significativamente.”.

Pola súa banda Ben Bernanke o presidente da FED (banco central dos Estados Unidos) daba datos en xullo deste ano ao respecto: “a altísima contribución dos beneficios corporativos ao crecemento anual do deflactor do PIB no cuarto trimestre do ano pasado e no primeiro trimestre deste ano. O deflactor do PIB reflicte a evolución dos prezos de consumo e investimento dos bens e servizos finais producidos no país. Os beneficios foron responsables do 106,3% da suba de prezos no cuarto trimestre do ano pasado e no primeiro trimestre deste ano son responsables do 83,4% da suba de prezos”. Polo tanto existe unha relación importante e directa entre inflación e o crecemento dos beneficios empresariais como tendencia. Para alén de que se produza ao mesmo tempo unha concentración e centralización do lucro e a exclusión de moitas empresas desta evolución dominante, ao que se suma o aumento dos prezos das importacións (por exemplo os enerxéticos).

Evidentemente o lucro obtido polo capital é maior canto máis caen os salarios en valor real, e os beneficios extras non se trasladan a unha rebaixa dos prezos (cando menos non totalmente, tal como amosan os lucros das enerxéticas, farmacéuticas, banca...). Aínda que nos últimos meses a inflación baixou, o dato do mes de setembro en termos anuais era para Galiza do 9,2% mentres que os aumentos salariais dos convenios negociados no país acadaban unha media do 5%, e aqueles que afectaban á clase traballadora galega e foran asinados en Madrid atinxían un aumento do 1,9%. O que amosa a importancia na negociación colectiva do sindicalismo nacionalista (CIG), e a súa forza, malia que a recuperación do poder adquisitivo fose parcial, o diferencial positivo foi consecuencia da mobilización, da coherencia dos obxectivos e da iniciativa. Por último repetir máis unha vez que a inflación non afecta por igual a toda a sociedade, especialmente cando esta é máis elevada en servizos e bens básicos, como poden ser a enerxía, os alimentos, a vivenda... Daquela que ademais das importancia da recuperación dos salarios é esencial un aumento destacado do salario mínimo interprofesional, e medidas e axudas especificas para as familias-persoas en situación de desemprego, dependencia, ou ocupadas con ingresos mínimos.

Tamén é unha boa iniciativa a de poñer impostos especiais ás empresas que teñan beneficios extras, para alén do sector. Agora ben, porque isto vai ser unha medida conxuntural, cando os motivos que se dan valen para a actividade normal da economía (o Governo non puxo en práctica aínda este imposto especial. Por presións da patronal e Bruxelas?... realmente farao?...). En resumo, cómpre cambiar o sistema económico e social, e unha Galiza soberana.

Comentarios