Opinión

Salarios, o dobre discurso e as tendencias dominantes

Máis unha vez volven a estar a debate os ingresos salariais e, como noutras oportunidades póñense en primeiro plano os supostos privilexios do sector público, xa que se trataría dun emprego fixo con garantía de estabilidade, algo que non sucede “normalmente” na empresa privada, aínda que haxa persoas que traballan toda a vida nun só lugar. En todo caso o problema estaría nas facilidades que se lle deron aos empresarios/as para realizar despedimentos improcedentes, polo tanto arbitrarios, rebaixando as indemnizacións e as razóns para realizalos. Polo tanto habería que corrixir esta inxustiza e non considerar un privilexio o trato seica normalizado no sector público das contratacións. Ademais, esquecen que a esta altura unha parte importante do persoal no sector público ten contratos temporais, na Galiza un 25,36% do total, ou sexa, que de estabilidade no emprego ren.

Asemade, non se pode obviar que mentres se insinúa a conxelación dos salarios no sector público e tamén das pensións, semella que coa intención de preparar o terreo, e cun apoio evidente das ministras de economía e de facenda, ao mesmo tempo tómanse medidas que manteñen os ingresos  (ERTEs, IMV) para evitar a caída do consumo e o peche de empresas ou a redución de cadro de persoal. Máis incoherencia imposíbel!!! Ademais non se pode obviar que durante a crise anterior os salarios en xeral perderon entre o ano 2008 e 2015 un 7,6% de ingresos, e que especificamente no sector público conxeláronse os aumentos para, como mínimo, compensar a inflación e suprimíronse as pagas extras. Ou sexa, a crise de 2008 foi costeada sobre todo pola clase traballadora, agás categorías e empresas moi especificas, porén incluíndo neste sacrificio ao conxunto do persoal ocupado no sector público, que dependen das decisións tomadas polo Governo.

A escusa para unha nova conxelación salarial serían dúas, por unha banda que a inflación será negativa este ano e haberá unha caída do PIB e da produtividade, e por outro lado que hai que realizar un esforzo para cubrir os gastos extras da pandemia

A escusa para unha nova conxelación salarial serían dúas, por unha banda que a inflación será negativa este ano e haberá unha caída do PIB e da produtividade, e por outro lado que hai que realizar un esforzo para cubrir os gastos extras da pandemia. O primeiro dos argumentos ten peso, sempre que exista un compromiso de que nos vindeiros anos os salarios manteranse ligados ao IPC e ao aumento da produtividade, e que se fixará un prazo para compensar a caída de ingresos durante a crise de 2008. Máis cuestionábel é o argumento de que hai que facer un esforzo especial diante da crise, se esta proposta non resulta proporcional ao peso que a clase traballadora e o capital teñen no PIB e sobre todo do que representa cada unha desta categorías respecto do excedente que supera o mínimo vital para costear os gastos esenciais.

Polo tanto é lóxico que calquera proposta deste tipo veña precedida dunha reforma tributaria sobre o imposto de sociedades, patrimonio e IRPF, que grave máis a aquelas empresas, ingresos e grandes fortunas, e que evite as fendas técnicas ou subvencións inxustificadas para pagar menos do que corresponde. Dirase que moitas empresas están pasando dificultades, é verdade, porén os impostos sempre se impoñen sobre o incremento do lucro, ingresos e patrimonio. Asemade, non se pode negar que hai empresas e persoas que mantiveron e mesmo aumentaron as vendas e ingresos durante a pandemia. Tratalas a todas por igual é inxusto.

Cómpre realizar unha reforma fiscal progresista en beneficio da economía e do emprego, rexeitando as presións e concesión ao gran empresariado e á Unión Europea

Cando a dereita, e sectores do Governo, poñen a escusa que o aumento dos impostos é negativo para as empresas e o emprego ou non é o momento pola pandemia, obvian descaradamente que unha medida deste tipo non lle afectaría ás empresas e persoas que tivesen ingresos negativos.  Cómpre realizar unha reforma fiscal progresista en beneficio da economía e do emprego, rexeitando as presións e concesión ao gran empresariado e á Unión Europea. Non realizar a reforma fiscal  redistributiva amosaría máis unha vez a contradición que hai entre práctica e discurso na esquerda sistémica.

Por último, algúns dados que contextualizan a cuestión. No ano 1987 a clase traballadora constituía o 48,35% da povoación ocupada na Galiza e un 53% do PIB, mentres que no ano 2017, tres décadas despois, as cifras eran do 81,8% e 43,8% respectivamente, ou sexa un 60% máis de clase obreira e un 9% menos de participación no PIB. Unha evolución regresiva malia que unha boa parte da povoación ocupada en actividades agrarias ou artesanais pasou ao traballo asalariado. Asemade non se pode obviar que a economía en negro representa entre un 20-25% do PIB e que atinxe especialmente aos autónomos/as e empresarios/as. Polo que o grao de explotación da clase traballadora medrou coa globalización neoliberal, e a caída da URSS, e ademais é maior ao que indican as estatísticas, máxime se temos en consideración que unha parte dos ingresos salariais corresponden ás equipas de dirección, que non forma parte do proletariado, e cuxos aumentos nas últimas décadas foron proporcionalmente moito máis elevados que a media.

Outro aspecto a termos en consideración é que os salarios de Madrid representan o 48,9% do PIB Cinco puntos máis que no noso país! Razóns, sen dúbida a centralización das sedes das direccións das empresas así como que alí residen as institucións coas máximas competencias, e polo tanto de equipas de dirección, persoal técnico e profesionais de alto rango. O que amosa os límites da descentralización. Esta tendencia dáse con maior fortaleza nas rendas do capital. Polo tanto as diferencias salariais, ademais de responder ao tipo de contrato e sector, idade e xénero, mundo urbano e rural, tamén están en función do territorio e do papel que xoga nas relacións de forza, ou sexa, dependen do grao de soberanía.

https://obloguedemera.wordpress.com/