Opinión

Rusia, o valor do avance comunista

Os resultados das eleccións á Duma, ás asembleas das repúblicas e das provincias da Federación de Rusia, sen cuestionar o poder de Putin, deixan en evidencia que hai amplos sectores das clases populares descontentes coa xestión que se está a facer das políticas económicas e sociais, por exemplo a contestación á reforma das pensións. Daquela o importante aumento en votos do Partido Comunista (KPRF) e, en menor medida, de Rusia Xusta, tamén o retroceso tanto de Rusia Unida, como sobre todo do ultra nacionalismo neoliberal do Partido Liberal Demócrata (LDRP).

Vexamos os datos e comparémolos cos de hai cinco anos. Votou o 51,68% do censo (en 2016 o 47,82%) o que indica que a campaña das potencias occidentais respecto da fraude electoral non tivo ningún efecto en Rusia, tampouco a exclusión de Navalni. Nas eleccións á Duma o partido Rusia Unida acadou o 49,82% dos votos e 324 representantes (55,23% e 343); O KPRF obtivo o 18,93% dos votos e 57 representantes (13,59% e 42 hai cinco anos); o LDRP acadou o 7,55% e 21 representantes (13,39% e 39); Rusia Xusta 7,46% e 27 representantes (6,39% e 23). E por último incorporase unha nova forza Xente Nova que obtén o 5,32% dos votos e 13 representantes, que os medios occidentais presentan como “progresistas”, e que sería unha montaxe de Putin  que tería a finalidade de restar apoios a Navalni (en realidade sería unha montaxe de Navalni, segundo outros medios). O partido Comunista pasou de 7.019.752 votos a 10.660.599, un medre do 57%. Non é un dato menor, así como ser o maior partido da oposición. Ademais, foron quen de mobilizar 300.000 activistas e simpatizantes no proceso, o que amosa súa capacidade mobilizadora.

Todo amosa cos resultados electorais en Rusia non deixaron contentes a aqueles que apoian a hexemonía das potencias occidentais no mundo

Todo amosa cos resultados electorais en Rusia non deixaron contentes a aqueles que apoian a hexemonía das potencias occidentais no mundo, xa que Putin cuestiona este dominio e dálle músculo militar a un escenario multilateral. Tampouco se olla ben dende sectores da esquerda antisistemica, aquela que todo o reduce a unha loita entre dous polos imperialistas, Estados Unidos e China. Polo que o medre do PC da Federación Rusa seica non implicaría un avance, en caso de que governase, dado que non fundamental apoian a Putin e as súas políticas neoliberais. Vexase que neste aspecto coinciden coa interpretación dos poderes e partidos sistémicos de occidente, que ollan ao KPRF como seguidista nos temas xeo-estratéxicos, ou sexa, a todo o que dá peso a Rusia como estado soberano e fortalece na práctica o multilateralismo (ignorando a distancia ideolóxica e confrontación entre ambas expresións políticas; amosando que están condicionadas na critica polo temor a unha volta, aínda que sexa parcial do modelo soviético). Unha análise carente de base, porén que lles é útil a ambas alternativas a efectos de buscar descualificar as propostas comunistas.

Agora ben, resulta evidente na práctica cotiá que, para alén de manter unha liña soberana na política internacional, Putin (Rusia Unida) desenvolve o mesmo modelo económico e social que occidente, salvando os ritmos e modos que marca cada proceso histórico. Seu Governo representa os intereses da burguesía rusa e mantén unha estreita alianza coas igrexas, especialmente a ortodoxa. E utiliza os medios de comunicación, como en todos os países capitalistas, para atacar aquelas propostas e relatos que propoñen e loitan por unha distribución xusta do traballo e da riqueza e un papel central da empresa pública. As formas e intensidades varían en función do perigo que representen estas forzas para os intereses do capital, tamén a utilización de métodos coercitivos.

Cómpre salientar que no seu relato Putin vese obrigado a utilizar cada vez máis como recurso a “herdanza da Unión Soviética”

Cunha representación na Duma do 20%, e considerando o papel do socialismo na historia recente da Federación Rusa, o ascenso do Partido Comunista non é unha cuestión secundaria para a burguesía. Ademais non é o mesmo esta porcentaxe hoxe que hai unha década, xa que malia á hexemonía no imaxinario colectivo do capitalismo como única alternativa, non deixan de medrar as contradicións e os fracasos, a inxustiza e violencia, a desfeita ecolóxica... Daquela que utilice todos os mecanismos, mesmo a fraude electoral, para evitar que o KPRF gañe espazos no institucional, implantación social e incidencia mobilizadora e sobre todo se consolide como unha alternativa de governo. Numerosos fraudes que o Partido Comunista denunciou (ese que algúns  queren facer ver como aliado de Putin); e ademais convocou mobilizacións o día posterior ao remate das eleccións. No caso de Moscova seica se vai revisar o voto telemático.

Tamén cómpre salientar que no seu relato Putin vese obrigado a utilizar cada vez máis como recurso a “herdanza da Unión Soviética” para conectar cunha parte importante do electorado, que lembra esa etapa como garantía de ingresos e traballo para todos e todas (o que contrasta coa situación actual); e do país como referencia internacional, cuestión na que tamén se realiza hoxe un considerábel esforzo. Son cuestións importantes para a formación do imaxinario colectivo no relativo á construción dunha alternativa sólida ao capitalismo. Neste aspecto, do debate no eido das ideas, o papel do KPRF é fundamental, así como doutros partidos comunistas de Rusia.

Ademais, non se pode obviar que as eleccións en Rusia son importantes non só para este país, e a súa área de influencia, senón tamén para o conxunto da humanidade. A substitución de Putin só tería un carácter positivo se estivese garantida unha continuidade ou un reforzamento das posturas que defenden unha governanza multilateral do mundo, e avances na cuestión social. O propio pódese dicir do que pase no futuro en moitas potencias rexionais, e respecto dunha nova consolidación do Movemento de Non Aliñados, especialmente no relativo á soberanía e á solidariedade. O fortalecemento do KPRF, en principio, empurra a Putin neste sentido e ademais faino respecto da xustiza social, e da distribución da riqueza e do traballo dentro da propia Federación.

https://obloguedemera.wordpress.com/