Opinión

Os revolucionarios non morren se viven no povo

A xenreira coa que están a reaxer os medios sistémicos diante da morte de Fidel Castro, en contraste co recoñecemento por parte da esquerda e os governos antiimperialistas, amosa até que punto as clases dominantes ollan con preocupación o futuro. Malia a hexemonía actual do capital, temen a revolta social, e comprenden que a Revolución Cubana é un perigoso exemplo, mesmo coas intervencións e bloqueos exteriores e as eivas internas. Daquela que non sexa casual que queiran vender idea de que “terminou unha era”. É dicir, que as revolucións populares son cousa do pasado. Mentres que as guerras, a violencia, a desfeita da natureza, o aumento da desigualdade, xustifícanse coa necesidade de alargar a “democracia” e a competividade. Porén, é un engado que non se sustenta porque contrasta coa realidade, máxime cando todo o sacrificio esixido ao povo transfórmase en lucros para as grandes corporacións e fortunas. Unha explotación que vai a máis, que resulta insoportábel, especialmente nos territorios oprimidos, aínda que a globalización non se faga hoxe só en beneficio das potencias occidentais. 

Os ataques contra Fidel Castro son a evidencia de que non morreu, de que transcende o seu tempo histórico, por mor da súa contribución ás conquistas políticas e sociais a prol das clases subordinadas. Transcende polas súas análises, pola súa interpretación do marxismo na periferia, sedenta de soberanía nacional e popular. Os ataques demostran que é unha figura de dimensión mundial, que contribuíu decisivamente a facer dun país “pequeno” como Cuba unha referencia para os de abaixo, amosando na práctica que o tamaño non é determinante. Este é un aspecto cualitativo a ter en consideración. Sen dúbida a incidencia da Revolución Cubana foi especialmente significativa na América Latina, xa que marca un antes e un despois na loita a prol da soberanía. 

Os ataques contra Fidel Castro son a evidencia de que non morreu, de que transcende o seu tempo histórico

Estiven en Cuba en catro oportunidades, as tres primeiras en momentos de moita dificultade para a Revolución, polos efectos da caída da Unión Soviética e das democracias populares, que afectaron gravemente a economía cubana. O primeiro convite foi para asistir á Asemblea do Poder Popular, no ano 1994, e o segundo para participar no XVII Congreso da Central de Traballadores de Cuba (CTC), no ano 1996. Ambos os eventos foron de moita transcendencia, xa que se celebraron no “período especial” e neles participou Fidel Castro. Volvín no ano 1999, para asistir á gran marcha do 1º de Maio, e no ano 2005 para participar no Congreso da Federación Sindical Mundial (FSM). Por certo, no ano 1996, con ocasión do encontro que Fidel mantivo con algúns dirixentes sindicais, falei algo con el sobre Galiza, e tiráronse unhas fotos de conxunto, que se publicaron daquela. En 1999, a CTC outorgoume a medalla conmemorativa do 30º Aniversario da Caída en Combate de Ernesto Che Guevara, en “recoñecemento coa actitude solidaria coa clase obreira cubana”. Evidentemente era un recoñecemento á CIG, da que nese tempo era Presidente e responsábel de Relacións Internacionais. A nosa central sindical mantivo durante eses anos unha intensa campaña de solidariedade con Cuba. 

Para alén da situación dramática pola que pasaba a illa, a resposta admirábel da povoación reflectía a importancia da vontade, da fortaleza do proxecto colectivo. Algo que analicei no seu día en extensos artigos no semanario A Nosa Terra e no sitio web da CIG. O que quero destacar neste caso é a actitude de Fidel Castro, a súa capacidade intelectual e talla como dirixente. Como é lóxico, tivo un maior protagonismo na Asemblea do Poder Popular de 1994, nun momento moi delicado para a Revolución (de 1991 a 1995 a economía baixou unha media do 7,8 % anual). Fidel definiu ese encontro como o máis importante dende a toma do poder polos revolucionarios/as. Na asemblea houbo intervencións críticas, propostas encontradas sobre o camiño a seguir, sen cuestionar ningunha o socialismo, mais que implicaban reformas (turismo, moeda, pequena propiedade, etc). Fidel escoitou todas e cada unha das intervencións con interese, e contestou algunha delas mesmo asumindo críticas. É verdade que se estendía nas intervencións, porque argumentaba, matizaba, fuxía da sentenza, da resposta de manual. E cando entendía que lle faltaba coñecemento do tema pedía explicacións aos deputados/as ou ministros/as, aínda que demostrou unha formación inmensa, sobre todo tipo de cuestións, mesmo técnicas. Era evidente que procuraba no debate colectivo o mellor para o povo e dar participación, e na síntese, convencer con argumentos. Poñía o tempo ao servizo destes obxectivos, non os obxectivos ao servizo do tempo. Nesa mesma liña, sorprendeume positivamente tamén Hugo Chávez, na súa intervención (e debate) durante o Encontro Sindical Nosa América no ano 2010. Estes son tamén aspectos cualitativos a termos en consideración.

A resposta admirábel da povoación reflectía a importancia da vontade, da fortaleza do proxecto colectivo

No ano 1994, a oposición de Miami e as potencias hexemónicas afirmaban que o Governo só se mantiña pola represión. O que observei, por exemplo en Pinar de Río, na manifestación do 1º de Maio non foi iso para nada. Practicamente non había policía, nen medidas de seguridade especial arredor da pancarta de cabeceira, na que ían ministros do Governo. E mentres setenta mil manifestantes participaban na convocatoria, había centos de persoas que non o facían, e transitaban ao seu aire polas rúas próximas. Tamén chamaba a atención que na mobilización milleiros levaban carteis feitos a man nun folio ou nun anaco de cartón. Mandaba a vontade das persoas, o protagonismo do común. Na última viaxe que fixen, no ano 2005, vin debates nos hoteis e na rúa entre persoas que mantiñan posturas confrontadas sobre a situación. Os descontentes non se agochaban para expresar as súas opinións. Ula represión? A cuestión é que os/as opositores representaban unha minoría, mimada e amparada dende o exterior, que chamaba democracia á imposición da globalización neoliberal. 

Na mobilización milleiros levaban carteis feitos a man nun folio ou nun anaco de cartón. Mandaba a vontade das persoas

Non teño elementos abondo para valorar se o estado de ánimo agora é idéntico ao daqueles anos. Mais dar por feito que a revolución está finiquitada porque Fidel Castro morreu, semella máis un desexo daqueles que apostan pola explotación e a opresión que unha análise rigorosa. Semella unha groseira reprodución das enquisas electorais, que teñen máis interese en influenciar o voto que en producir unha foto das inclinacións dos/as votantes. O proceso revolucionario en Cuba, como en calquera outro país, por máis extraordinarios que fosen ou sexan os seus dirixentes, descansa sempre na vontade popular organizada. Figuras revolucionarias como Fidel Castro transcenden historicamente porque son expresión dun povo mobilizado, consciente.

http://manuelmera.blogaliza.org/