Opinión

A revolta colle pulo na América Latina

Que nun país militarizado como Colombia, onde a vida das persoas vale tan pouco, nas últimas semanas moreas de persoas se sumasen as folgas convocadas, e ocupasen acotío as rúas e prazas das principais cidades, implica un salto cualitativo na oposición social aos governos da dereita. Aínda que a muxica que plantou lume foi unha reforma fiscal que gravaba o consumo de produtos esenciais, as razóns son máis profundas. A mocidade, a clase traballadora e os grupos étnicos minoritarios marxinados, sofren as consecuencias dun capitalismo esgotado, senil, que cada vez deixa a maiores sectores á marxe da actividade produtiva ou os incorpora en condicións de extrema precariedade e sen perspectivas dun futuro digno. Este é o nexo entre todas as revoltas sociais que se veñen sucedendo en toda América Latina, e que a pandemia acelerou, pola falta de medidas de protección sanitaria, e o enorme medre do desemprego, da pobreza e marxinación.

Existe unha relación entre as mobilizacións en Chile, Perú, Ecuador e Colombia, ou sexa nos países andinos

Abonda con facer unha rápida lectura da situación da rexión para ver que existe unha relación entre as mobilizacións en Chile, Perú, Ecuador e Colombia, ou sexa nos países andinos, en Bolivia a dinámica é distinta e tivo como eixo nos últimos dous anos o retorno á democracia. En Ecuador, aínda que a problemática económica e social é moi semellante, a tendencia é ao envés por mor do triunfo en segunda volta do dereitista Guillermo Lasso, dado que a postura aparentemente neutral de Yaku Pérez de Pachakutik impediu unha viraxe á esquerda (hai quen afirma que isto se debe en boa medida á influencia das ONGs, controladas desde o exterior, en sectores do movemento indíxena; razón polo que son tan cuestionadas). En Ecuador, polo momento, consolidouse o neoliberalismo. Agora ben, sen dúbida incidirá en todos eles a evolución dos países da contorna, especialmente se Pedro Castillo, que lidera a esta altura a intención de voto, resulta electo presidente no Perú; e en Colombia o movemento popular forza a democratización das institucións, e polo tanto as forzas de esquerda e progresistas dan un salto cualitativo.

O proceso está máis avanzado en Chile, despois dunha mobilización popular que comezou en 2019, e que forzou unha consulta para reformar os alicerces institucionais do sistema. Os resultados da Convención Constituínte, e dos organismos locais e rexionais, foron unha malleira á dereita no seu conxunto, atrapada polos seus compromisos coa ditadura de Pinochet e unha transcrición que mantivo sen cambios os privilexios do gran capital e o sistema represivo. A dereita non foi quen de acadar 1/3 dos deputados/as na Convención Constituínte para poder bloquear as reformas constitucionais, xa que conseguiu só 37 na lista “Vamos por Chile” dos 155 parlamentarios/as electos. O maior número está representado polos/as independentes (55), dos que 17 corresponden aos povos indíxenas. A lista “Apruebo Dignidad” (que agrupa ao Partido Comunista, “Frente Amplio”,...) atinxiu 28 deputados/as, e só acadaron 25 os partidos da ex Concertación (socialistas demócrata-cristiáns, liberais, etc). No ámbito local o triunfo da comunista Iraci Hassler, que foi electa alcaldesa da capital, Santiago de Chile, reflicte a importancia do xiro á esquerda.

Os países de América Latina, malia súas potencialidades e dinamismo, xogan un papel cada vez máis periférico e subordinado na orde mundial

Todo amosa que a pandemia do covid-19 acrecentou as contradicións existentes, nun sistema no que ademais do medre das desigualdades sociais, o deterioro dos servizos públicos e a súa privatización, os países de América Latina, malia súas potencialidades e dinamismo, xogan un papel cada vez máis periférico e subordinado na orde mundial. Unha tendencia negativa da que non ficaron excluídos nen tan sequera aquelas nacións cun forte investimento exterior e aumento nas exportación, dado que foron perdendo peso na cadea de valor. Un contexto regresivo, de precariedade e falta de futuro, que atinxiu directamente á maior parte da clase traballadora, á mocidade, aos produtores agrarios, aos povos indíxenas.

Polo tanto, resulta evidente que ficamos nun cambio de ciclo, do que son expresión as grandes mobilizacións sociais, a participación masiva da mocidade, e a disputa do poder institucional, aínda que nalgúns países (como Ecuador non se fixera realidade; e Perú?). Unha loita popular que incorpora ás reivindicacións históricas a problemática ecolóxica, a igualdade de xénero, a cuestión indíxena, que están no debate acotío... Agora ben, non son poucos os retos que hai por diante, dado a fragmentación actual do movemento obreiro e das forzas da esquerda transformadora. É posíbel manter a unidade estratéxica e a fortaleza necesaria para acadar os cambios sistémicos con esta diversidade? Ou,... será esencial unha única fronte e un partido con milleiros de militantes que conforme un núcleo capaz de confrontar as situacións máis adversas? Tendo en conta o poder das clases dominantes, e polo tanto a necesidade de gañar a millóns de persoas para un programa consensuado e contar cunha folla de ruta única.

En resumo, ademais de estar atentos a todo o que pasa no mundo, que non é pouca cousa, e incide na nosa realidade e expectativas de xustiza social e liberación nacional, non se debería obviar que hoxe na América Latina o movemento de masas está na vangarda da loita polos cambios. Cómpre seguilo de preto tanto nas mobilizacións, como nas propostas, política de alianzas, métodos de traballo e etapas que se marca no proceso transformador. Non estará a vangarda na periferia? Non sería unha novidade, tamén o foi na Revolución Rusa, na liberación China, en Vietnam, en Cuba...

 https://obloguedemera.wordpress.com/