Opinión

Retrocesos, contradicións, e poder popular

Estase a dar unha regresión política en moitos países de América Latina, que até hai pouco se consideraban abandeirados dunha distribución máis xusta da riqueza e do traballo, de avances democráticos, e da oposición ao imperialismo. Resulta evidente que eses procesos non eran a revolución, mais implicaban un cambio de tendencia con consecuencias globais positivas debido á importancia deses países e da rexión. Polo tanto, o actual retroceso obriga a unha reflexión da esquerda antiimperialista, non só nese continente, tendo en consideración que esta regresión na esquerda dáse en maior ou menor grao en todos os recunchos do mundo. Un recuar que ademais de ser electoral, tamén se reflicte no debate das ideas, na iniciativa, na mobilización, na organización, nos métodos de traballo. Ou sexa, afecta á praxe no seu conxunto. Sen dúbida obedece a concepcións trabucadas e a unha inmensa hexemonía do capitalismo no eido das ideas. 

O papel determinante do capital dáse tanto no económico e na cultura, como na conformación da conciencia social e política. Isto sucede malia que as contradicións non deixaron de medrar en todos os ámbitos: laboral, social, entre nacións, ecoloxía, etc. Polo tanto esta correlación de forzas negativa non xustifica que a resposta se volva defensiva, fragmentada, local e sectorial, e cando ten un carácter xeral non se mantén no tempo. Todo indica que á esquerda fáltalle folla de ruta,  que carece de claridade nos obxectivos e de métodos de traballo correctos. Daquela que sexa necesaria unha análise critica e rectificacións. Nunca se pode obviar que, ademais da realidade obxectiva, é fundamental a vontade subxectiva, e resulta evidente que nas últimas décadas, falla dirección transformadora (revolucionaria), que o suxeito político para o cambio é débil, que carece de iniciativa. Encol deste aspecto dinos o sociólogo Emir Sader, co gallo do que está a suceder no Brasil e noutros países da rexión:

O papel determinante do capital dáse tanto no económico e na cultura, como na conformación da conciencia social e política

“O rol dos partidos, na súa condición de partidos de governo, nunca foi ben resolto en practicamente ningún deses países. Como os gobernos teñen unha dinámica propia, até con alianzas sociais e políticas co centro esquerda, en varios casos, eses partidos deberían representar o proxecto histórico da esquerda, mais non lograron facelo, perdendo relevancia fronte ao rol preponderante dos gobernos. Debilitouse así a reflexión estratéxica, máis aló das conxunturas políticas, así como a formación de cadros, a difusión das ideas da esquerda e a loita ideolóxica”.

Sader pon o acento na deriva institucionalista das forzas de esquerda, como responsábel principal da falta de iniciativa política e da perda de peso nas clases populares. Coido que a súa é unha diagnose acertada. Debullemos un chisco a problemática naquela rexión. Non hai dúbida que o retroceso foi acelerado polos baixos prezos das materias primas, e polo tanto, pola queda dos recursos públicos para facer fronte ao gasto social. Mais despois de tantos anos de governos de progreso, non debería ser así. O cambio estrutural, de conciencia política, e na correlación de forzas debería estar consolidado. Por que non sucedeu deste xeito? Segundo Emir Sader, é consecuencia de que o partido, como proxecto estratéxico, de formación da militancia, de moldeador do discurso, de organizador das clases populares, perdeu relevancia diante da acción institucional, da xestión, do táctico. Ou sexa, que os partidos da esquerda convertéronse en estruturas para arroupar os procesos electorais e as accións de governo, perdendo a súa funcionalidade estratéxica, e polo tanto transformadora. Isto pódese comprobar en todos estes países con gobernos progresistas, en maior ou menor medida. Tamén está a suceder nos países europeos, mais cunha maior énfase, e sen a radicalidade da América Latina. 

Sader pon o acento na deriva institucionalista das forzas de esquerda, como responsábel principal da falta de iniciativa política e da perda de peso nas clases populares

A esta eiva, que debilitou o suxeito político para a ruptura democrática, hai que engadir que a xestión institucional de por si, tampouco permitiu acumular forzas e conciencia política, para alén das excepcións. A práctica demostra que cando as conquistas son consecuencia exclusiva do voto, da xestión de cúpula, sen unha participación activa do povo, sen protagonismo, causan desmobilización. E polo tanto non aumentan a conciencia e organización popular, e co tempo son vistas pola sociedade (erroneamente) como parte do sistema, para alén do seu programa, do grao de entrega e da honestidade. Coa dereita no poder, vólvense perder os avances, comeza un novo retroceso e unha dura aprendizaxe. Ficará patente que serve a intereses contrapostos aos do povo, mais iso non borra a impresión de que os governos progresistas prometen moito e despois cumpren só unha parte (caneando a confrontación coas clases dominantes). E ademais, que non son quen de defender o que avanzan. Dáselle base argumental ao derrotismo, algo que os medios hexemónicos, controlados polas clases dominantes, divulgan e inzan. Mudar este estado de ánimo pesimista non é doado. Non abonda só con boas intencións. Cómpre organizar e socializar o cambio, para que teña bases sólidas, para que cada avance sexa alicerce para o seguinte. 

Segundo o economista arxentino Jorge Beinstein: “O sistema dispõe de instrumentos e apoios sociais cada vez mais vulneráveis. Sua força depende em última instância do grau de debilidade do seu adversário: o espaço popular. Se este se puser em marcha e se fortalecer na luta o bloque autoritário poderia sofrer fissuras, brechas cada vez mais importantes, Daquela seu inevitável centralismo operativo acossado por uma maré ascendente de ataques, resistências e repúdios iria perdendo vitalidade, acentuando-se suas contradições internas. O contexto global turbulento deveria contribuir para o referido processo". A súa pode semellar unha visión moi optimista, porén as derradeiras décadas están ateigadas de cambios bruscos, en relación ao movemento antiimperialista. Lembremos, por exemplo, non hai tanto tempo as grandes mobilizacións contra a globalización ou contra a guerra en Iraq e os bombardeos da OTAN sobre Serbia, ou no caso concreto do noso país, a loita de Nunca Máis, e as folgas xerais dos últimos anos. 

Segundo o economista arxentino Jorge Beinstein: “O sistema dispõe de instrumentos e apoios sociais cada vez mais vulneráveis

En resumo: a correlación de forzas é hoxe moi favorábel ao capital, porén nun contexto no que aumentan as contradicións, tanto entre potencias, como entre sectores das clases dominantes dentro de cada país. Non é algo casual, xa que é consecuencia do aumento da depredación, da guerra e da inxerencia externa, da economía delituosa e da especulación financeira, xa que se albiscan os límites dos recursos esenciais, e que medran os problemas medioambientais agudizando a presión demográfica. Porén, a contradición fundamental segue a ser entre o capital e o traballo, entre os estados imperialistas e as nacións dependentes. É así, porque a concentración e centralización son esenciais para a acumulación da riqueza e do poder; son os alicerces sobre os que se constrúe este sistema económico-social. E isto dáse mesmo nas potencias centrais, como se reflicte na Francia.  Neste país, a mobilización obreira e estudantil contra a reforma laboral amosa ademais que pode mudar o estado de ánimo da xente, malia o papel dos medios e as múltiples presións dos empresarios.

Para dar avío a estas contradicións (a todas elas), cómpre superar o capitalismo e a dependencia nacional, aínda que leve tempo e non hai dúbidas que hai que facelo por etapas. Trátase de poñer pedra sobre pedra. O fundamental é rachar coa globalización, recuperar a soberanía (por exemplo na Galiza), rematar coa economía de escala que beneficia ás trasnacionais (daquela a importancia da loita contra os tratados de libre comercio), hai que nacionalizar aquilo que depende do consumo interno (banca, seguros, enerxía, auga, transporte aéreo, ferrocarril, etc, e que só afecta negativamente ao gran capital). Só así se poderá avanzar en dereitos laborais, nacionais, sociais, culturais, etc. Sobre esta caracterización é que as organizacións de esquerda (partidos, sindicatos, etc) deben construír a mensaxe, a mobilización, ou sexa: o poder popular en cada nación. 

Para dar avío a estas contradicións (a todas elas), cómpre superar o capitalismo e a dependencia nacional

Cómpre axer no cotiá, dar resposta ao concreto, mais sempre pensando e construíndo no estratéxico. Porque do contrario, non se poden definir correctamente os obxectivos, a folla de ruta, as etapas, o tipo de organización, a política de alianzas, o debate no eido das ideas, os métodos de traballo. Senón todo será tacticismo, practicismo, economicismo, xestión, e dependencia. Aprendamos dos erros, propios e alleos. A reforma do capitalismo é unha vía que non resta poder cualitativo ás clases dominantes, xa que non cuestiona o sistema. Unha a outra vez volverase recuar nas conquistas, e contra-atacarase pola dereita con novos axustes que aumentan a explotación de clase e a opresión nacional. Podemos e debemos derrotalos estratexicamente, polo ben da humanidade. Utilicemos a intelixencia colectiva e o poder do povo.

http://manuelmera.blogaliza.org/