Opinión

Reconstruír a folla de ruta

Todo amosa que a iniciativa na rúa, en termos políticos, ou sexa condicionando un acordo de governo “progresista” ou novas eleccións no Estado español que abran unha nova oportunidade ao PP, está hoxe en mans da dereita. A menos que os acordos con Junts sexan inmediatos e sen varias lecturas. Esta altura isto cortará a mobilización na rúa?... Semella tarde. A protesta na rúa non é unha cuestión menor, máxime estando centrada na amnistía, por mor dos acontecementos arredor do dereito a decidir de Cataluña, que para alén dalgún acto de forza no esencial estivo marcado pola ocupación policial dos centros de votación e unha declaración simbólica de independencia que durou segundos. Mesmo así os poderes sistémicos, comezando polo xudicial, fixeron dunha declaración de intencións un acto de rebelión, mesmo ligado (na especulación) a accións terroristas, e asociando a amnistía a unha traizón á España e ao sistema democrático e igualitario.

Mais unha vez a dobre vara de medir tan común neste tempo histórico, xa que unha e outra vez se utiliza para vestilo todo cun falso roupaxe democrático ou coa man do demo. Vexase, por exemplo, como se valora a actividade rusa na guerra de Ucraína, malia un número de mortos civís mínimos (polo tempo de guerra e baixas militares), e cal é a análise que se fai por parte de “occidente” respecto dos 14.000 mortos durante o período anterior de bombardeos por Kiev das repúblicas do Dombás, previo á guerra entre Rusia e Ucraína+OTAN. O propio pódese dicir respecto dos máis de 10.000 mortos, dos cales uns 4 mil menores, polos ataques do exército israelí contra Gaza, que fican minimizados diante dos 1.400 causados pola incursión de Hamás (sen deixar de condenas que houbese acción terroristas en ambas partes).

Mesmo así, a responsabilidade non é igual en quen practica o centralismo, o imperialismo, a colonización ou neocolonialismo, a aquel que busca os medios para facer valer a soberanía do seu povo, rachando coa dependencia, cun papel secundario na cadea de valor económica, política, cultural,... non se poden obviar en moitos casos os erros das forzas que loitan contra a opresión. Non se poden ignorar especialmente cando se mide incorrectamente a correlación de forzas, e deste xeito axudase ao control por parte dos partidos e poderes facticos regresivos, alleos e autoritarios. E estes erros da valoración páganse caros, por máis que sirvan para deixar en evidencia as situacións de opresión, a falta de liberdades, e mesmo a masacre de civís, incluíndo a menores.

É verdade que non sempre se gaña a loita do relato, máxime cunha correlación de forzas negativa. Só en situacións onde a evidencia bate durante días, semanas e meses fixando imaxes moi difíciles de agochar, por máis control que sobre os medios de comunicación teñan os poderes hexemónicos, a verdade termina chegando á maioría. Tal semella ser o caso da masacre sen paliativos á que está sometida a Franxa de Gaza, e os palestinos en xeral en Israel. Aínda así: manterase esta visión maioritaria no mundo sobre a dobre vara de medir e a condena da masacre de civís en Palestina, restando toda xustificación a un acto de terror tan forte, fronte a unha acción terrorista especifica por parte de Hamás?... En calquera caso amosa a importancia dos medios de comunicación, do relato, da loita das ideas...

Por exemplo, no caso concreto de Cataluña, resulta evidente que o independentismo perdeu base electoral e capacidade mobilizadora na rúa. Iso quere dicir que unha parte daquelas persoas que lle daban máis dun 50% de votos nas enquisas á plena soberanía, hai pouco máis de media década, agora consideran que esta opción, conquistada por métodos pacíficos, está inviabilizada, tanto pola resposta do Estado español como pola actitude da Unión Europea. Daquela a importancia da amnistía, para curar feridas e redefinir a folla de ruta do proceso a prol da plena soberanía.

Teimar no referendo semella coherente, mais todo indica que necesita de pasos intermedios que sexan vistos como posíbeis por unha maioría social en Cataluña, e constrúan unha base organizada, mobilizada e con reflexo nas institucións, que plantexe a independencia diante da maioría de Cataluña, e no Estado español como un proceso irreversíbel. Sen dúbida a ruptura da unidade dos partidos cataláns, a fragmentación, non axuda na reconstrución da folla de ruta e na correlación de forzas, na toma da iniciativa, e en aproveitar as contradicións sociais, laborais, políticas dun sistema esgotado, tanto no Estado español como na UE, e cun mundo recompoñéndose e cun maior pluralismo. A peor táctica é hipotecalo todo á vía institucional, aínda que esta sexa básica.