Opinión

A realidade político-social non sempre muda ao mesmo ritmo

Como dicía nun artigo anterior, un mes é moi pouco tempo, máis este multiplicase cando suceden feitos que modifican a realidade social e política. E isto é o que está a acontecer nestas últimas semanas previa á campaña electoral das eleccións autonómicas galegas, nas que entre outros feitos podemos destacar: que o Governo galego (o PP) non deu unha resposta acaida ao desastre orixinado nas nosas costas polos pélets (boliñas de plástico microscópicas); agudizáronse as tensións entre Sumar e Podemos; e Anova fixo público o seu apoio á candidatura do BNG.

O primeiro e último destes acontecementos deberían ter, en principio, unha incidencia directa sobre os resultados electorais, restando apoios ao PP e contribuíndo a un aumento do número de deputados/as que acade a fronte nacionalista, o BNG. A cuestión está en se estes cambios son abondo como para que a dereita fique por debaixo dos/as representantes necesarios para non poder renovar a Presidencia da Xunta de Galiza. As enquisas previas marcan unha caída cativa do PP (-3 deputados/as) e un pequeno ascenso do BNG (+1 deputado/a).

Agora ben, ten importancia que a evolución previa aos feitos antes mencionados fose positiva para o nacionalismo. Polo que malia que o cambio non fose aínda abondo como para que unha coalición da oposición puidese derrotar á dereita xa marcaba unha tendencia neste sentido. E este aspecto é de moita importancia, máxime cando nestas últimas semanas ficou tan evidente diante da sociedade galega por parte da Xunta do PP: a falta de iniciativa, a política de botar balóns fóra, e a debilidade reivindicativa diante do Governo central para alén de certa escenificación nos medios.

Mais unha vez foi o povo, as organizacións sociais (especialmente as ecoloxistas), así como os partidos da esquerda non sistémica, os que deron unha resposta rápida, aínda que coa carencia dos medios necesarios para atallala. A Xunta neses primeiros momentos, tan importantes, estaba máis preocupada nas consecuencias políticas dunha traxedia ecolóxica en período electoral, polo tanto tapando no posíbel o problema, a desfeita ecolóxica. Por iso tardouse tanto en darlle unha resposta usando os recursos necesarios. É verdade que o Governo central tampouco axudou moito neste aspecto, mais a maior responsabilidade política foi da Xunta, do PP galego, de quen debe solucionar ou esixir unha resposta acaida.

En principio a tendencia electoral é positiva para o nacionalismo galego (democrático e popular), porén non se pode esquecer que o PP ten moitos recursos para incidir na opinión pública e no estado de animo dos/as votantes, tanto a través dos medios de comunicación, como do empresariado, e grupos con ascendencia social, e fará o imposíbel para que se esquezan os primeiros días do tema dos pélets, primar as polémicas estatais (de Madrid), e deixar nun segundo plano os obxectivos da nación galega. Tamén propondo algún tipo de subvencións a colectivos da sociedade galega, sen dar resposta a cambios de fondo que permitan avanzar na xustiza social, na soberanía nacional, democracia e solidariedade. Buscando deste xeito a dereita recuperar votos, mais de non conseguilo dar folgos á abstención ou á fragmentación do voto. Daquela que neste contexto teña importancia para avanzar no cambio teimar no táctico mais tamén no estratéxico: o tema do emprego, tipo de contrato e salarios, as pensións, a dependencia, o ensino e sanidade pública,... a natalidade, as migracións e os procesos de integración, a lingua, a defensa do medio ambiente, o sector público...

E por último, quero amosar miña satisfacción polo paso dado a prol da colaboración, do traballo en común, espero que tamén dun proxecto conxunto, ou sexa, polo acordo entre Anova e o BNG para estas eleccións autonómicas. Sempre hai que aprender do pasado, estudalo, reflexionar sobre el no bo e no malo, porén o importante para o povo galego, para a fronte nacional democrática e popular, sempre será aumentar o aporte para a construción do presente e do futuro. É dicir, en como mellorar a nosa incidencia, capacidade de iniciativa, política de alianzas, o relato e os obxectivos que nos fixemos a corto, medio e longo prazo... O BNG é unha construción que necesita da maioría do povo, de todas as forzas que estean pola transformación. Ou sexa, será plural, haberá diverxencias, porén esencialmente principios en común que constrúan na Galiza: nación, xustiza social, paz, igualdade...