Opinión

Preguiza e desigualdade

Segundo afirma o presidente da CEOE, Juan Rosell, nunha entrevista que lle fai o Faro de Vigo: “temos unha lexislación que te empurra a facer horas en negro”. E engade, que non se poden subir os salarios porque non medra a produtividade, xa que os traballadores/as carecen da formación necesaria, culpando desta eiva os operarios e operarias e o sistema educativo. Ou sexa, que segundo el o aumento da produtividade non depende esencialmente da tecnoloxía e da investigación, da mellora da calidade e das redes comerciais. Esquece de xeito consciente que ter persoal mal pago e carente de alicientes, porque se quere rendibilizar ao máximo e a curto prazo o capital investido, prexudica á produtividade. En resumo toda a responsabilidade sería da clase traballadora que está chea de “persoas paradas, que se quedaron no chanzo de abaixo e non queren subir”. A desigualdade social é, para el, un problema individual, consecuencia da preguiza, en claro contraste cos/as emprendedores. Rosell recoñece que hai máis factores, mais estarían nun lugar secundario.

O presidente da CEOE xustifica ademais non cumprir a normativa legal en relación coa xornada e o pago de horas extras e cotizacións. Utiliza esta escusa malia que a lexislación actual está feita á medida dos intereses patronais, e cando o capital acadou unha porcentaxe de beneficios superior a antes da crise. Argumenta con cinismo, que realizar horas en negro é unha necesidade de supervivencia empresarial, xa que as 80 horas extras son insuficientes para as PEMEs.

Algúns dados sobre este tema. Os salarios recuaron de media un 9% durante a chamada crise (en realidade un axuste económico e social a prol do gran capital). Fixérono sobre todo nos chanzos máis baixos, mentres que os máis altos melloraron en ingresos. Que significa isto en distribución da renda? Que no ano 2008, o traballo asalariado representaba na Galiza o 46,9% do PIB, e no ano 2014 o 44,1%. Este retroceso trasladábase en forma de beneficios ás rendas do capital e mixtas, que pasaban do 45% ao 46,2%. Polo tanto, non é correcta a valoración de Rosell, xa que ás empresas como conxunto vailles mellor que nunca. Outra cuestión é que o proceso de concentración e centralización da riqueza e do poder, que é consubstancial ao sistema capitalista, beneficie a unhas empresas e sectores (así como países e rexións) e prexudique a outros. Segundo a Central de Balances do Banco de España, no ano 2016 o beneficio neto das empresas non financeiras aumentou o 23,8%. E foron máis as que crearon emprego que aquelas que o destruíron, por segundo ano consecutivo.

Os salarios recuaron de media un 9% durante a chamada crise (en realidade un axuste económico e social a prol do gran capital)

 

Claro que non todas as nacionalidades e autonomías cumpren o mesmo papel. No caso galego, non se poden ignorar dous aspectos económicos esenciais, que se agudizaron nas últimas décadas. Por unha banda, que moitas das empresas máis dinámicas pertencen hoxe ao capital estranxeiro. E por outro lado, que o investimento no exterior é moi superior ao que entra no País. Concretamente, excluíndo os movementos de capital dentro do Estado, dende 2005 a 2015 Galiza exportou capitais por 10.326 millóns de euros. Mentres, o investimento no noso País foi só de 1.343 millóns de euros, sendo Portugal o primeiro investidor exterior. O diferencial negativo é inmenso. Unha tendencia semellante dáse coas nacionalidades e autonomías que integran o Estado español. Neste último caso, resulta ilustrativo que o 34,1% da actividade económica na Galiza depende de empresas coa súa sede central noutras nacionalidades e autonomías (especialmente Madrid). O que amosa o fracaso das políticas económicas da Xunta aplicando ao ditado as decisións de Madrid e Bruxelas. Tanto polo retroceso dentro do PIB do Estado español, como en povoación. É consecuencia do carácter subordinado da nosa economía e das decisións empresariais. Máxime se temos en consideración que hai moitas empresas con sede en Galiza que están controladas por capital foráneo. Algunhas tan significativas como Abanca e Pescanova.

Na Galiza, unha parte considerábel dos beneficios empresariais, produto da explotación laboral, é exportada, en beneficio do desenvolvemento doutros territorios. Lembremos que o lucro se maximiza, debido a esta dependencia, mediante unha retribución máis baixa polo traballo realizado. O custe bruto na industria na Galiza é un 69,9% do que representa en Madrid. Daquela que o esforzo que esixe a patronal á clase traballadora non redunde despois na creación de emprego e na mellora das condicións laborais. Esta tendencia non vai reverter polo feito de que medren os beneficios patronais, nen con medidas públicas que o fagan crecer a través da diminución de impostos e o aumento de axudas, como a que pretende a polémica lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais de Galicia. A práctica reflicte que con este tipo de políticas, ademais de medrar o lucro empresarial artificiosamente a costa de agravar as condicións laborais, e reducir os servizos e prestacións públicas, non se sempre se xera emprego, e tampouco se garante que se manteña no tempo o que se crea. Ademais o aumento da desigualdade debilita o consumo, e alenta o transvase de capitais ao exterior, como está a suceder. Este non é o camiño do desenvolvemento.

Na Galiza, unha parte considerábel dos beneficios empresariais, produto da explotación laboral, é exportada

 

Fixen o relato anterior, porque quero teimar na idea de que existe unha relación directa entre o capitalismo, a contradición capital-traballo e a capacidade de decidir (ou sexa, a liberación nacional e social). E isto vincula tanto as condicións laborais como os ingresos dos e das pensionistas, o sistema impositivo e os servizos, as prestacións e axudas públicas, a actitude diante da cultura e lingua propia, e os dereitos democráticos e individuais. Son cuestións que non se poden analizar, nen teñen solución, illadamente. Forman un todo, xa que están intimamente relacionadas. Mais nelas, a contradición traballo-capital é fundamental. Especialmente nun País como o noso, dependente, convertido nun elo secundario da cadea, no económico, no social, no cultural, mesmo no político, e no imaxinario construído dende as clases dominantes. Non somos Cataluña, aínda que ambos os países padezamos a opresión imperialista, ás veces con formas fascistas, como se amosa máis unha vez nos últimos meses.

A contradición traballo-capital é fundamental. Especialmente nun País como o noso, dependente

 

Polo tanto choca que haxa quen analiza as condicións laborais, dende a teoría, poñendo o acento nas diferenzas salariais ou no tipo de contrato, segundo a idade e o xénero, e esqueza que tamén existen desigualdades entre a cidade e o rural, ou entre sectores. Que non se teña en conta a dureza física de certas actividades, e o excesivo da xornada laboral ou insoportábel dos ritmos de traballo noutras. Por exemplo os traballos perigosos, penosos e insalubres. E sendo xustas e urxentes as reivindicacións de igualdade (de todas elas!), non se comprende que non se valore en toda a súa dimensión o cerne do problema. É dicir, que o capitalismo reproduce a desigualdade, a saída individual (sexa por fortaleza, riqueza, relacións, coñecemento ou submisión) e promove a división da clase traballadora. Mais o que a une supera todas as diferenzas que o capitalismo sementa.

Un sistema xusto, humano, debería reducir a xornada laboral nos traballos perigosos, penosos e insalubres, porque os anos que se lles resta de vida aos/as afectadas non teñen prezo. Debería garantir a todos e todas emprego e salarios dignos. Evitar as discriminacións por xénero, raza, idade, lugar de residencia, sector, e dar protección ás persoas dependentes, tanto se viven nas cidades como nas zonas rurais. A economía debe estar ao servizo da xente, das clases populares. Claro que, para Juan Rosell e tantos como el, os que viven do xornal deben adaptarse ás necesidades do negocio, da empresa, dos beneficios que esperan os empresarios/as. Por certo, neste sistema que a patronal sacraliza, as regras de xogo non garanten os beneficios, nen sequera un ingreso mínimo, tampouco para aqueles os moitos e moitas que non acaden o éxito.

O capitalismo reproduce a desigualdade, a saída individual (sexa por fortaleza, riqueza, relacións, coñecemento ou submisión) e promove a división da clase traballadora

 

A lei do mercado, o negocio privado, deixa gañadores e perdedores (aínda que os governos do sistema utilizan todos os recursos para protexer o gran capital nas situacións adversas). Para asegurar vendas, emprego, e ingresos, sería necesario un sistema planificado. Mais, dado que as clases dominantes apostan polo capitalismo, pola saída individual, pola desigualdade, resulta cínico que se pretendan socializar as perdas empresariais, como se está a facer, a costa do esforzo da clase traballadora. Máxime cando os asalariados/as non participan dos beneficios cando a empresa vai ben, (non sendo excepcións, nas que reciben contías anecdóticas para escenificar demagoxicamente un capitalismo popular). Nada máis afastado da realidade. Máxime, nesta a súa etapa senil. Un aspecto que se agrava, tanto cualitativamente como cuantitativamente, nos países dependentes, coloniais, semicoloniais e neocoloniais, mediante a opresión, a sobre-explotación, a espoliación de recursos, e a alienación cultural. Como xa se analizou nos parágrafos anteriores en relación coas clases populares galegas, o freo ao desenvolvemento non é a preguiza, como afirma Rosell, senón a cobiza das clases dominantes españolas, a súa prepotencia imperial, e un sistema inxusto e bárbaro.

http://manuelmera.blogaliza.org/