Opinión

O PP bota balóns fóra

O PP dá por seguro na súa propaganda, como parte da campaña, o triunfo da candidatura de Rueda nas eleccións autonómicas galegas, malia unha perda de deputados/as prevista nas enquisas. Agora ben o contexto internacional, de fracaso da globalización neoliberal, a perda continua de peso da Galiza no Estado español (EE), son aspectos que alentan as expectativas para un triunfo da oposición. Tamén axuda a un cambio que o noso país teña unha soberanía secuestrada, competencias cedidas que son constantemente invadidas polo EE e a Unión Europea, e unha xestión do PP sen un proxecto de futuro que recobre a taxa de natalidade, mellore os ingresos das clases populares, defenda sen complexos a identidade nacional galega... Mesmo con estas contradicións, polo que implica respecto da formación da conciencia, non se pode ignorar que a dereita conta co apoio dos medios de comunicación, empresariado, e sectores sociais conservadores organizados.

Este poder mediatico permítelle atrapar para o relato partidario dos feitos a amplos sectores sociais, e como alternativa alimenta, fronte aos/as descontentes coa súa xestión, a abstención (que nas vindeiras eleccións seica superaría 1/3 do electorado, segundo unha enquisa de La Voz de Galicia), ao que se suma un 10% de persoas que aínda non teñen decidido se van votar ou farano en branco. Agora ben, aínda que os medios e o relato dominante fixa a disputa electoral na capacidade de atraer votantes doutras opcións, para alén de conxunturas moi concretas, no que os partidos fican espidos diante da sociedade polas súas contradicións entre a práctica e o relato, este cambios representan porcentaxes moi cativas cando se trata de votar a outros partidos. Daquela a importancia de ter un relato que sensibilice aos/as persoas que non votan.

En realidade a abstención non só está constituída por persoas que nunca votan, tamén hai unha parte dela que é conxuntural, que decide castigar nese momento ao partido polo que votaba, por exemplo pode ser o caso de votantes do PP que están en desacordo en como respondeu diante do estrago das boliñas de plástico (pélets) que chegaron ás nosas costas por mor da caída de varios contedores dun barco á altura de Viana do Castelo. Neste caso concreto é moi evidente que durante semanas a Xunta do PP estivo intentando agochar a desfeita e botando balóns fóra, e por se non abondase adxudicándolle todas as responsabilidades aos concellos e ao Governo central (este último tamén ten algunha). Cando, tendo ou non competencias en todas as areas abranguidas pola desfeita, a Xunta ten a máxima responsabilidade na Galiza de poñer todos os medios ou esixirllos ao Estado para evitar, conter e reducir o desastre ecolóxico (pode que tamén económico?...).

Todo indica que adoptou estas tácticas pola proximidade das eleccións, e porque non ten totalmente garantida a maioría, e que teme que a desfeita das boliñas de plástico terminen incidindo na campaña electoral. E desmontando un discurso do PP construído sobre avances e progresos que están desenvoltos sobre datos moi conxunturais, mais que no mediano e longo prazo deixan en evidencia en todos os ámbitos como Galiza foi perdendo peso relativo respecto da povoación, do PIB, cun medre da precariedade e da desigualdade social,... ao que se suma a fuxida de capitais e mesmo unha alta taxa de emigración malia a baixa natalidade.

En resumo, o desastre dos pélets, a ineficacia e contradicións da Xunta, poden ser o pulo necesario para que o PP perda as autonómicas galegas, dado o axustado dos resultados, máxime cando hai segundo as enquisas un número tan alto de persoas que non decidiron o voto, íano exercer en branco ou tiñan optado pola abstención (tamén fronte a feitos tan graves?). Polo tanto, con seguridade, nas vindeiras semanas os medios de comunicación afíns á dereita restaran espazo mediatico a este tema. Daquela que neste aspecto o máis efectivo sempre é que os lugares, sectores, e colectivos máis afectados, por exemplo polos estragos dos pélets, poñan a presenza mediatica entre as súas tarefas, xa que este é un problema que abrangue directa ou indirectamente á toda a sociedade galega, e que polo tanto debe ter repercusións políticas, electorais. Será posíbel?... ou máis unha vez o aparato sistémico afogará os problemas e os obxectivos das clases populares.

Comentarios