Opinión

Poñer límites á privatización

A globalización neoliberal, que se considerou hai tres décadas un enorme salto adiante do capitalismo, xa que seica na teoría ía aproveitar mellor as riquezas universais e repartilas en beneficio das maiorías, está amosando cunha enorme rapidez, mais que ningún outro modelo antes, non só á agresión ecolóxica, senón tamén o crecemento a niveis insoportábeis e perigosos da desigualdade entre nacións e clases sociais. Unha evidencia é a concentración empresarial e o aumento dos beneficios das grandes corporacións. Isto non só condicionan o consumo, os prezos, senón que ademais as grandes empresas teñen un trato de favor dos governos, mesmo dos estados máis poderosos. E mesmo poñen e quitan executivos, ou sinxelamente estes están atrapados polo papel hexemónico que estas corporacións e as grandes fortunas xogan na cadea de valor, e polo tanto no PIB e na xeración de emprego.

Sen dúbida este protagonismo decisivo das corporacións alimenta en boa medida a confrontación entre potencias, e polo tanto o fortalecemento da política de bloques, co que isto implica de incertezas respecto do papel que cada nación e corporación vai xogar no futuro inmediato e a medio prazo. Máxime, cando ademais dos factores económicos, financeiros e tecnolóxicos, débense valorar aqueles relacionados cos outros ámbitos do poder, como o militar ou da loita no eido das ideas (relato dos acontecementos, o proxecto económico social, os obxectivos posíbeis...).

Neste amplo marco hai que analizar a guerra na Ucraína entre Rusia e a OTAN, mais tamén o papel subordinado da UE, e por suposto as contradicións entre o Governo ruso e a Wagner, que até fai un mes se consideraba o seu principal activo na liña da fronte, e que moitos/as analistas miraban como unha experiencia de privatización que ía modificar os exércitos do futuro. Mais, o tempo deixou en evidencia que se é perigoso para a xustiza e paz social que as corporacións privadas controlen sectores estratéxicos da industria, os servizos e as finanzas (hoxe moi evidentes no enerxético, financeiro, tecnolóxico, farmacéutico...) da educación e comunicación,... moito máis o é cando se trata do ámbito militar, no só mediante exércitos de mercenarios, senón tamén por medio do complexo industrial relacionado co armamento, facendo da guerra un negocio máis.

O que esta a suceder en Rusia é toda unha experiencia práctica neste aspecto, para alén de que o guión da finalidade da  revolta grupo Wagner poda ter unha ou outra lectura. O carácter público de determinadas áreas, comezando por aquelas que permiten un trato igualitario e aseguran dereitos básicos, é esencial para garantir un mínimo de trato igualitario, de dereitos democráticos, de solidariedade. Este debería ser un tema máis do debate cotiá, aproveitando a conxuntura, non só evidencia dos límites da privatización, senón até que punto ten un carácter regresivo respecto da igualdade e dos dereitos democráticos máis elementais. 

Comentarios