Opinión

O poder está no centro da disputa

Malia que o PP e as forzas de estrema dereita, en todos os ámbitos, mesmo o xudicial, e coa axuda inestimábel dos medios de comunicación sistémicos están alentando a mobilización contra o PSOE, coa evidente intención de axitar a división interna. Aínda que fracasoulles o intento de rachar a disciplina de voto para a constitución dun “governo de progreso” presidido por Pedro Sánchez non será o último intento. Resulta evidente que se avivou de tal xeito a confrontación entre as dúas alas do sistema, poñendo no centro do debate “a unidade da nación española”, por mor da amnistía que favorece aos participantes do referendo e do proceso de independencia simbólica de Cataluña (tamén aos policías que mallaron nos votantes e manifestantes), que a votación da lei no Congreso, seguirá cuestionada con todos os medios pola oposición. Ante todo porque este é o único discurso que manexaron nos derradeiros meses no PP, e porque teñen a VOX que lle seguirá disputando o relato nun segmento da sociedade que fixo seu o argumento da “unidade de España” como un aspecto vital en todos os sentidos.

 Agora ben, tanto ao PSOE como á gran maioría de forzas que o apoiaron na investidura de Pedro Sánchez, esperando avances progresistas en distintos temas, dende infraestruturas, ate aspectos laborais e sociais, mais tamén dar pasos adiante na normalización cultural, lingüística, blindar competencias, nas nacionalidades históricas (Cataluña, Euskadi, Galiza...), interésalles moito que esta disputa xerada pola dereita, en boa medida artificiosa, pase a un segundo plano. E isto dependerá en boa medida de que o novo governo poña en práctica, o máis axiña posíbel, os acordos sociais e económicos pactados coas forzas soberanistas e a esquerda estatal. E que os partidos políticos, sindicatos, e organizacións sociais preman para que se cumpran estes compromisos, e mesmo que se superen en moitos casos, polo limitados, mediante a sempre necesaria mobilización popular. Esta resposta social é importante ante todo, porque racha coas dinámicas elitistas dándolle o protagonismo ás clases populares, un aspecto que é esencial para garantir cambios sistémicos, e que estes se manteñan no tempo e profundicen. Polo que ten a súa lóxica que os partidos que apoiaron ao PSOE na investidura falasen do tema, aínda que fose como complemento á intervención.

Sen dúbida este último aspecto é fundamental alí onde, como na Galiza, o nacionalismo aínda que moi activo e con moita iniciativa ten o reto de acadar a maioría institucional, especialmente nunha conxuntura mundial, na propia UE e no Estado español, onde está en xogo o papel que a nación galega vai cumprir dentro da cadea de valor. Máxime cando nas derradeiras décadas aínda que houbo avances, como negalos, estiveron por debaixo do que correspondía á porcentaxe de habitantes. Faltaron forza política institucional e competencias suficientes para estar na primeira liña do reparto do PIB polo do peso demográfico. Isto incidiu no medre da economía, na xeración de emprego, na taxa de natalidade e na emigración, ou sexa en termos de xustiza social e soberanía.

No mundo estase abrindo unha nova etapa, cun maior multilateralismo, nos que a UE e polo tanto o Estado español, seguidor das directrices de Bruxelas, está a perder protagonismo político e económico por unha actitude submisa aos intereses de Estados Unidos, con todo o que iso implica.

O futuro de Galiza está moi unido a cambios neste contexto regresivo no económico, político e social. Un retroceso en marcha que hai que confrontar con proxectos que fortalezan o poder da nación galega en materia de soberanía e xustiza social. O protagonismo do nacionalismo, do povo galego, na sociedade, na rúa, nas institucións, a súa iniciativa, é necesaria e esencial.