Opinión

Podemos retrátase no marco da Europa do capital

Hai uns días, na canle de televisión RT - para min a mellor emisora neste intre - escoitaba unha interesante entrevista a un ex-embaixador da Unión Soviética

Hai uns días, na canle de televisión RT - para min a mellor emisora neste intre - escoitaba unha interesante entrevista a un ex-embaixador da Unión Soviética, Valentín Falin, na que afirmaba que a súa experiencia indicáballe que un non se pode fiar do que din certos dirixentes, senón que cómpre valorar a súa praxe. E ten moita razón razón, máxime neste intre histórico, no que o contacto de moitos dirixentes políticos coa sociedade é esencialmente  televisivo, polo que xoga un gran papel a posta en escena, e a forma salienta acotío sobre o contido. Esta tendencia agrávase cando os obxectivos políticos son de consumo interno ou tacticistas, e múdanse sobre a marcha co argumento da volatilidade da situación, e poucas son as veces nas que se opina por escrito (será para non ficar atrapado polas propias valoracións e propostas?). 

Daquela, que unha forza como Podemos, a través do seu secretario de relacións internacionais, argumente por escrito (despois do sucedido) o apoio a Syriza, ten a súa importancia, tanto porque se trata dun partido con peso electoral, como porque foi quen de condicionar a folla de ruta e os métodos de traballo da esquerda, tanto estatal como nacionalista. Foi quen de deixar en evidencia as eivas en relación coa loita das ideas e a folla de ruta, mais tamén contribuíu a consolidar a fenda entre clase obreira, labregos e mariñeiros, e clase media acomodada e profesionais, e relegou a mobilización reivindicativa a un papel secundario. Cuestións de primeira orde que cómpre superar para poder avanzar na xustiza social e na soberanía  das nacións oprimidas.

Que unha forza como Podemos, a través do seu secretario de relacións internacionais, argumente por escrito (despois do sucedido) o apoio a Syriza, ten a súa importancia

Centrándonos nas valoracións que realiza Pablo Bustinduy Amador, nun artigo que viu a luz en Público o pasado 3 de setembro de 2015, resulta ilustrativo que afirme: “que en Europa hai un conflito entre austeridade e democracia, que atinxe todos os ámbitos da vida política e social que vai determinar os horizontes, as capacidades e posibilidades de acción política transformadora para as vindeiras épocas”. Esquece que neste intre na UE, o BCE ofrece cada mes 60.000 mil millóns de euros para alentar o crédito, ou sexa a chamada “flexibilidade cuantitativa”, sen que iso permita consolidar o medre do PIB, nen mude a situación socio-laboral, como tampouco sucedeu nos Estados Unidos. Estes recursos puxéronse ao servizo das clases dominantes, e dun modelo que se basea na explotación, na especulación e na economía delituosa. 

O conflito, a contradición non se dá, contra o que afirma Podemos, entre austeridade e democracia, senón entre capital e traballo, entre o imperialismo e os povos dependentes. A caracterización das contradicións que fai o secretario de relacións internacionais de Podemos nen sequera é socialdemócrata, senón claramente keynesiana. Unha política monetaria expansiva non implica unha resposta progresista ao conflito. Ademais, nesta etapa de globalización neoliberal calquera inxección monetaria, mesmo a nivel da UE, tamén dá folgos á especulación e ao consumo de produtos externos, recreando os desequilibrios que dan azos ao desemprego, aos baixos salarios e á precariedade. Os efectos dunha política expansiva dependen ademais doutros factores, como  a redistribución do traballo e da riqueza, o poder militar-económico, a abertura exterior e o grao de soberanía, o valor da moeda, etc.

O conflito, a contradición non se dá, contra o que afirma Podemos, entre austeridade e democracia, senón entre capital e traballo, entre o imperialismo e os povos dependentes

Bustinduy quere tirar da derrota de Tsipras un efecto final positivo, nun marco que considera de avance, co evidente obxectivo de manter a ilusión electoralista de Podemos como parte dun proceso europeo de cambio. Así afirma: “Basta ver o que está sucedendo nas primarias laboristas e demócratas, ou o que sucedeu nas eleccións turcas, en Escocia ou as municipais españolas: a perspectiva de cambio, en gran medida grazas ao proceso grego, está hoxe en día máis aberta que fai un ano”. Chama a atención que inclúa a  Escocia, que perdeu o referendo, e ignore a Cataluña, que ten unha incidencia directa sobre o Estado español, e que confronta coa patronal e coa globalización, tal como acaban de declarar Merkel hai uns días e o primeiro ministro francés non hai tanto. Esta actitude resulta clarificadora en relación ao tema nacional, e como entende o dereito a decidir dos povos das nacións periféricas.  

Segundo o secretario de relacións internacionais de Podemos, Syriza non tiña outra opción: “Esa aparente contradición da vontade popular (non á austeridade, non a saír do euro) é moito máis profunda e complexa do que parece. É radicalmente falsa, e tramposa, a oposición de austeridade no euro fronte a soberanía fóra del. É infantil e perigoso imaxinar que hai maiores posibilidades de redistribución social, maiores marxes de progreso e xustiza social fóra da estrutura socioeconómica máis desenvolvida dun momento histórico que dentro dela”. Dicir que o povo grego apostaba maioritariamente por seguir no euro, que é certo neste contexto, para diminuír a responsabilidade de Syriza, cargándolla ao nivel de consciencia da xente, ignora que este partido fixo unha intensa campaña previa na que presentaba como un suicidio a saída do euro e da Unión Europea (coincidindo con Nova Democracia e o Pasok). Ademais, nesta parte do artigo, Bustinduy, vai máis alá. Manifesta con toda claridade que seguir na eurozona e na UE, baixo calquera condición, sempre é a mellor opción para as clases populares, sexan gregas, españolas ou galegas. Este sería o mellor dos mundos, malia o retroceso nos dereitos sociais e democráticos, o aumento da explotación, da opresión, da destrución dos ecosistemas, etc. Con esta visión, compréndese que para Podemos, a xustiza social fique reducida a un amplo asistencialismo público, ou sexa, a atender aqueles casos máis graves, sen tocar as bases da explotación e da opresión. Preténdese un capitalismo bo, máis humano, como se iso fose posíbel, ignorando que iría contra a súa propia esencia. Ademais todos os intentos que se fixeron remataron en fracaso.

Para Podemos, a xustiza social fica reducida a un amplo asistencialismo público, ou sexa, a atender aqueles casos máis graves, sen tocar as bases da explotación e da opresión

Agora ben, Bustinduy coida que a capacidade do Estado español é moi distinta da do grego. “Non é certo que nós teriamos máis marxe porque temos un PIB cinco veces maior. Nós teremos máis marxe porque non temos que afrontar nada que se pareza en absoluto ao que viviu e está vivindo Grecia. Non temos que prorrogar nin renegociar un memorándum. Financiámosnos por nós mesmos nos mercados. A solvencia do noso sistema financeiro (xa) non depende dunha decisión arbitraria do Banco Central Europeo. Non temos máis tutela no exercicio político da nosa soberanía que a que ditan os tratados europeos (o que abre a cuestión decisiva da aplicación das marxes, os límites e as regras, como demostran os incumprimentos sistemáticos das regras de estabilidade orzamentaria por parte do eixe franco-alemán). É facerlle un favor aos nosos adversarios admitir sequera implicitamente ese paralelismo. Non é que teríamos máis marxe, é que teremos un escenario completamente distinto. Hai que pelexar esa mensaxe con uñas e dentes. Non se trata de que o adversario busque facernos dano coa comparación: é que a comparación é radicalmente falsa”. 

Sen dúbida ten razón nalgúns aspectos o secretario de relacións internacionais de Podemos: a soberanía reside no Estado español. Mais este razoamento que considera correcto agora,  era o contrario hai uns meses cando este partido argumentaba (como EU, Anova, etc) que o EE era un protectorado alemán. Mudou tanto a realidade en tan poucos tempo? A Unión Europea sempre foi unha sociedade de empresarios (das clases dominantes) nas que cada estado vale o que pesa a súa participación na economía corporativa. Nunca se priorizou o social, nen a cultura, nen a democracia. A paz é importante porque resulta esencial para desenvolver os negocios, o mercado, aumentar a taxa de lucro. Sobre esa base negóciase o reparto das axudas, as política globais, os intereses estratéxicos, o valor do euro e os aranceis, etc. e cales van ser os sectores e territorios beneficiados. Grecia ten soberanía como para deixar o euro, a Unión Europea e máis a OTAN. A cuestión é que iso non lle interesa á súa burguesía e ás clases acomodadas, e Syriza colocouse ao servizo destes grupos e non da maioría social. 

A Unión Europea sempre foi unha sociedade de empresarios (das clases dominantes) nas que cada estado vale o que pesa a súa participación na economía corporativa

Para Podemos, calquera ruptura con este marco é un suicidio, non entra dentro dos seus esquemas. Ou sexa que, como Syriza, parte da falta de confianza no povo, dunha actitude derrotista, da imposibilidade de transformar a realidade para alén do que a alta burguesía considera admisíbel.  Por outra banda, a práctica amosa que as maiores contradicións neste monstro que o destrúe todo dáse entre territorios e dentro deles, que o conflito social e político cun nexo común organizado en toda a UE é anecdótico, e que as forzas que lle podían dar vida carecen de capacidade ou perderon toda iniciativa ou coidan que o capitalismo é o único sistema viábel (como a Confederación Europea de Sindicatos). Todo amosa que, neste intre, as ideas dominantes na “oposición” son as de construír proxectos sobre a fantasía do cambio sen sacrificios, aceptando os límites do propio sistema, e partindo da premisa que as clases dominantes respectarán a decisión do povo a través dos mecanismos electorais. 

Tamén é preocupante que as mareas galegas, mesmo aquelas que seica terían unha composición nacionalista máis forte, se sumen a unha coordinadora estatal, que dá folgos a un marco político que esmaga hai séculos ao povo galego

Por último, unhas reflexións. Chama a atención que a perda de activistas que dende hai meses se dá en Podemos na Galiza, non sexa consecuencia de que foi rebaixando o seu programa, ou pola ambigüidade do seu discurso, senón por cuestións de poder e democracia interna, e por falta de iniciativa política e nos medios. Tamén é preocupante que as mareas galegas, mesmo aquelas que seica terían unha composición nacionalista máis forte, se sumen a unha coordinadora estatal, que dá folgos a un marco político que esmaga hai séculos ao povo galego. Asemade, en Barcelona, malia a teoría da terceira vía, na práctica cando se hai que definir a marea incorporouse á fronte contra a independencia. Como se casan estas contradicións con principios básicos para unha candidatura con obediencia exclusivamente galega, coa posibilidade de que as mareas, ou forzas que forman parte delas integren esta candidatura? Ademais, organizacións como Anova priorizan os acordos con Podemos, partido que se move en coordenadas keynesianas, pro-europeístas, e sen ningún compromiso anti-imperialista e coa cuestión nacional galega (Óllese o caso de Catalunya e Euskadi, onde a confrontación nacional é máis intensa). 

Dirá o lector que son teimoso neste tema. Coido que é fundamental selo xa que divide augas. É esencial clarificar obxectivos e folla de ruta para que as clases populares podan avanzar nesta conxuntura. Sen eliminar ou reducir os espellismos é imposíbel construír unha alternativa con capacidade para derrotar o imperialismo. As veces dáme a impresión que hai forzas no país que se soben ás ondas tarde, xusto cando encetan o seu devalar, e así nos vai. 

Neste intre, a diferencia de hai pouco tempo, unha parte grande do seu esforzo intelectual e práctico está centrado na unidade electoral

Acotío hai moitos conflitos no país, e o nacionalismo galego está na primeira liña. Porén neste intre, a diferencia de hai pouco tempo, unha parte grande do seu esforzo intelectual e práctico está centrado na unidade electoral, dando folgos a un atallo político, que algúns coidan solucionará gran parte dos males en pouco tempo. Algo que non sucederá, a menos que se gañe ás clases populares para un cambio estratéxico, nacional e social, alicerzado na mobilización, organización, presenza e confrontación institucional. Aínda máis, pode mesmo suceder que esa unidade institucional ampla non sexa posíbel, nen conveniente. Tampouco se pode desbotar o escenario de que coa unidade non se acade grupo parlamentar. E algo máis grave, que se este, como produto de compromisos moi xenéricos, termine despois pasando factura ás forzas que o apoiaron, tanto porque se traballou sobre espellismos como porque non cumpriron os obxectivos que soberanistas e antisistema esperaban. En fin, o aventureirismo non equivale ao atrevemento do que falaba Mao Zedong como unha actitude fundamental para transformar a realidade. O fundamental sempre foi a coherencia, que o táctico dependa do estratéxico, moito traballo político e social, e a confrontación das ideas.

http://manuelmera.blogaliza.org/