Opinión

Podemos pincha na folla de ruta

Os resultados de Andalucía desconcertaron a cúpula de Podemos, malia que calquera outra forza os consideraría un triunfo. No partido do círculo, que oferta dende o primeiro día a salvación social no primeiro round electoral, víronse sorprendidos por que non foi así, polo que o resultado esmágalle o discurso. 

Os resultados de Andalucía desconcertaron a cúpula de Podemos, malia que calquera outra forza os consideraría un triunfo. No partido do círculo, que oferta dende o primeiro día a salvación social no primeiro round electoral, víronse sorprendidos por que non foi así, polo que o resultado esmágalle o discurso. E este non é un aspecto secundario na formación do imaxinario colectivo, máxime cando se carece dunha práctica social que ofrecer como alternativa.

"Podemos terá que se mollar na formación do governo andaluz, alentando as contradicións internas, dado que fixo unha convocatoria baseada máis na negación que na proposta".

Neste contexto, Pablo Iglesias na súa primeira aparición pública, despois de moitos días e para presentar as candidaturas a concellos e autonomías, teimou na idea de que eles chegaron para gañar, e que polo tanto, esperan ser a forza maioritaria nas vindeiras eleccións xerais. Fíxoo ignorando os resultados de Andalucía, cando se trata da primeira autonomía por povoación. Días despois, Podemos repetiu esta liña de triunfalismo absoluto, dando por seguro que logo das eleccións de maio podería governar en catro autonomías: Madrid, Valencia, Aragón e Asturias. Todo indica que é un discurso dirixido en exclusiva a aqueles que se engancharon dun proxecto que coida que se pode mudar todo sen grandes custes, só cos votos; e que agora pretende conxelar o pasado ignorando que xa comezou a devecer o engado inicial.

As eleccións en Andalucía, mesmo que significaron un recuar importante do bipartidismo, coa aparición de Podemos e Ciudadanos, non implicaron a súa desaparición, porque os partidos tradicionais son opcións que representan fortes intereses económicos e teñen inserción social. Por iso, malia o PSOE estar ligado á corrupción dos EREs, repetiu resultados, e o retroceso afectou sobre todo ao PP e a IU. O primeiro porque xa non é a única opción de recambio e o segundo porque ofrece os mesmos obxectivos que Podemos cun maior esforzo e menos eco mediático. Tal como ficou o escenario, Podemos terá que se mollar na formación do governo andaluz, alentando as contradicións internas, dado que fixo unha convocatoria baseada máis na negación que na proposta.

Porén, o máis preocupante, para o partido de Pablo Iglesias, é que os votos obtidos foron menores que os que lle daban as enquisas previas, o que amosa que xa non está en proceso de expansión e os límites do proxecto, malia a calculada ambigüidade no programa e un discurso populista. Ou sexa: reflectiuse que a sinxela e nada traumática folla de rota proposta como solución máxica para todas as desgrazas da maioría social non é tan doada de percorrer. Comézase a evidenciar que os resultados non son inmediatos, e que nas vindeiras eleccións xerais non van ficar esmagados os partidos da casta.  

"Todo o enfocan en sentido electoral, dando pulo a concepcións erradas nas clases populares, xa que relegan a importancia das contradicións principais e infravaloran a correlación de forzas".

Os resultados electorais en Andalucía amosaron que non abonda con bos discursos, cunha equipa central preparada, que saiba expoñer ideas sentidas, e que conte co arroupe dalgúns medios de comunicación. Cómpren ademais, militancia organizada e praxe. E mesmo así, moitos son os atrancos e eivas a vencer, xa que as clases hexemónicas teñen poder e xente capaz da súa man. O núcleo central de Podemos partiu do simplismo de considerar que os partidos existentes, tanto os sistémicos como os que levan décadas na oposición, tiñan como única característica seren corruptos ou careceren de comprensión da realidade e de atrevemento. Sobre estes eixos baseou a súa alternativa, un reducionismo efectista, que lles funcionou, mais que non dá resposta a situacións complexas, como as que se presentan cando hai que tomar decisións de relevancia; como por exemplo, entrar ou non a governar en coalición. 

Son ideas e propostas que desmobilizan, porque todo o enfocan en sentido electoral, dando pulo a concepcións erradas nas clases populares, xa que relegan a importancia das contradicións principais e infravaloran a correlación de forzas. Mesmo recoñecendo que Podemos contribuíu a unha viraxe á esquerda do electorado, non se pode ignorar que o núcleo reitor desta forza fai un especial esforzo por negar a loita de clases, diluíndo os conceptos de dereita e esquerda, mais tamén todo aquilo que fai referencia explícita á clase traballadora e aos seus intereses específicos. Teima nun discurso circunscrito á resolución dos aspectos económicos e morais máis urxentes, sen ir ao fundo das causas sistémicas que provocan a precariedade, o trato desigual, e que dan alento á corrupción e á insolidariedade. Unha liña política que representa un atranco para o avance da conciencia, e polo tanto a construción dun proxecto que transforme de xeito solidario as relacións sociais e entre as nacións. 

"Podemos non pode ignorar esta estratexia trabucada, por máis que pretenda caneala con redobradas afirmacións de purismo e promesas de triunfo".

En relación á cuestión nacional, Pablo Iglesias, alén de que afirmase no momento álxido do conflito con Cataluña que esta debía ter dereito a decidir, adiou a concreción ao que diga unha Asemblea Constituínte do Estado español. Non é menos preocupante que cando se lle preguntou polas linguas dos pobos agrilloados polo Estado español, contestase que o importante son as prioridades nos servizos esenciais por mor da crise. E, mesmo que meta o castelán na trivialización do tema lingüístico, a quen afecta esta secundarización é ás linguas e culturas discriminadas nas institucións, na empresa, na Igrexa, etc. Unha resposta populista, que dá folgos aos valores máis primarios, propios de partidos da dereita, e que privilexia a lingua e a cultura española dominante.  

Podemos non pode ignorar esta estratexia trabucada, por máis que pretenda caneala con redobradas afirmacións de purismo e promesas de triunfo. Terá en poucos meses responsabilidades políticas das que non pode fuxir por elevación en concellos e autonomías, onde deberá definir programa e decidir se van apoiar outras forzas (ou contar co seu apoio) se queren evitar que governe a dereita. Ou están dispostos a obviar isto, manténdose á marxe, co argumento de que todos son parte da casta, e que eles son unha forza “nen de dereitas, nen de esquerdas”, como viñeron afirmando? Tamén terán que aclarar definitivamente ate que punto recoñecen a capacidade de decisión das nacións que integran o Estado, xa que a medida que pasa o tempo reflicten o mesmo centralismo que os partidos da “casta”. Un centralismo que asemade se manifesta no funcionamento interno.

"Hai sectores das clases dominantes interesados en manter esta alternativa, xa que ven esta opción como funcional para frear os procesos soberanistas"

Sen dúbida o tempo reflectirá en que medida Podemos non é só unha marea, senón que está disposto a loitar, tanto nas institucións como na rúa, o tempo que faga falla para garantir o seu proxecto. Aínda que vendo as expresións e escoitando as contestacións de Pablo Iglesias, nunha entrevista da Sexta de televisión, deume a impresión de que realmente se ve como un salvador, como capaz de vencer só con promesas de cambio, sen necesidade de concretar máis os obxectivos e folla de ruta. Non apreciei que comprendese que Podemos xa está nun tempo distinto, e que esa pose e discurso estánselle esgotando. 

Penso que hai sectores das clases dominantes interesados en manter esta alternativa, xa que ven esta opción como funcional para frear os procesos soberanistas, e que ademais debilita todo proxecto de ámbito estatal que propoña obxectivos antiimperialistas. O referendo catalán foi para eles un toque de atención moi forte, e saben que a resposta represiva do PP reproduce a confrontación. Asemade, a aparición de Ciudadanos, que non semella casual, permítelles poñer un corta lumes ás pretensións transversais de Podemos, evitando que se reste grao ao celeiro da dereita sistémica. E, aínda que non fose esa a finalidade inicial de Ciudadanos, o seu ascenso bota por terra o argumento do“tacticismo”, que utiliza a dirección de Podemos para convencer a militancia de esquerda da necesidade da ambigüidade do programa e do discurso. Rectificará ou fará maiores demostracións de centrismo para gañar a calquera custe o voto do centrodereita?

"Un aviso a navegantes: albiscar as eivas de Podemos non resolve a desafección cos partidos sistémicos, nen garante que aqueles outros cos que se disputa as clases populares, como o nacionalismo, sexan quen de ilusionalas"

Este xogo a catro no escenario político estatal ten moitas vantaxes para un sistema explotador das clases populares e opresor das nacións sometidas. Como xa dixen nalgún artigo anterior, permítelle manter a ficción do pluralismo político e informativo e o formalismo democrático, excluíndo totalmente o nacionalismo catalán, vasco e galego. Resulta evidente que a gran burguesía española dá por morta as posibilidades de pacto co centrodereita nacionalista en Cataluña e Euskadi. Para as clases dominantes, o ideal é que Podemos e Ciudadanos se movan no 15% dos votos, e se estes partidos non son quen de cumprir este papel daranlle alento a outros novos. Deste xeito “rexeneran o sistema” sen rectificar o proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder, e ao mesmo tempo colocan en competencia na dereita e na “esquerda”, polo mesmo espazo, partidos moi dependentes do apoio dos  medios corporativos. 

Por último, un aviso a navegantes: albiscar as eivas de Podemos non resolve a desafección cos partidos sistémicos, nen garante que aqueles outros cos que se disputa as clases populares, como o nacionalismo, sexan quen de ilusionalas, aumentando deste xeito os apoios. Sería máis que preocupante que ese baleiro non fose recollido por forzas que, polos seus obxectivos e traxectoria, poden ser garantes dun cambio real, tanto no aspecto social e democrático como no relativo á liberación das nacións asoballadas por España. Ademais, resulta evidente que o panorama político mudou para se manter alén da crise, aínda que esta teña moita influencia na mobilización e  nos resultados electorais. No futuro, o nacionalismo terá menos xogo no institucional, mesmo que repita resultados, o que pon en primeiro plano a interdependencia nos procesos de liberación entre a confrontación social, a loita no eido das ideas e a representación institucional (e non ten porque ser esta a orde). Ou sexa: marca a importancia do debate da folla de ruta para esta etapa, unha vez comprobados os límites da acumulación primando a vía institucional. 

http://manuelmera.blogaliza.org/