Opinión

A opresión e a explotación abáfano todo

Os últimos dados do INE, que reflicten unha aceleración da queda da povoación do noso país, provocaron unha chea de análises e artigos encol das razóns e das solucións. Apúntase como un dos motivos fundamentais a emigración, que expulsa de Galiza unha parte considerábel da mocidade, ou sexa dos habitantes que están na mellor idade para procrear.

Os últimos dados do INE, que reflicten unha aceleración da queda da povoación do noso país, provocaron unha chea de análises e artigos encol das razóns e das solucións. Apúntase como un dos motivos fundamentais a emigración, que expulsa de Galiza unha parte considerábel da mocidade, ou sexa dos habitantes que están na mellor idade para procrear. Menos importancia se lle dá aos baixos salarios, á contratación temporal e ás xornadas extenuantes. Porén, quen vai casar e ter fillos/as nestas condicións de vida ¡cómpre ser heroes!... ou formar parte das clases dominantes ou “acomodadas” ao seu abeiro. Mesmo existindo outras razóns que desalentan a natalidade, xa que son necesarias maiores axudas públicas (subvencións, garderías, etc), a emigración, o desemprego e as malas condicións laborais, así como o ataque á identidade colectiva, son a principal lousa sobre as clases populares, que se reflicte despois con toda a súa radicalidade na perda e avellentamento da povoación. 

"A emigración non é un problema que reapareceu coa crise, nunca desapareceu, mais agora tamén afecta coa mesma dureza aos fillos/as das chamadas “clases medias acomodadas”

Esta non é unha realidade nova, que xurdiu coa crise, xa que mesmo durante o auxe da burbulla inmobiliaria mantívose a emigración, aínda que non nos niveis actuais (no ano 2005 emigraron 18.300 galegos/as, 2.400 deles para fóra do Estado español). A diferenza substancial foi que durante este período ese baleiro era substituído con creces polos retornados e a inmigración, de xeito tal, que mesmo aumentou o número de habitantes na Galiza (nese ano entraron 17.000 persoas máis das que saíron). Polo que moitos preferiron pechar os ollos diante deste feito preocupante, xa que a emigración atinxía especialmente ao mundo rural, como consecuencia da desfeita que provocou no sector agro gandeiro e na pesca a integración na Unión Europea. Lembremos, por exemplo, a emigración masiva a Canarias, Madrid e Andorra. Mesmo había quen xustificaba esta emigración forzada como parte da tradición e da procura de novas oportunidades. 

Polo tanto, a emigración non é un problema que reapareceu coa crise, nunca desapareceu, mais agora tamén afecta coa mesma dureza aos fillos/as das chamadas “clases medias acomodadas”, que daquela consideraban a UE como o paradigma do progreso, consumindo acriticamente todos os engados que as clases dominantes lles vendían. Tampouco a entrada masiva de inmigrantes era algo que tomar á lixeira, porque implicaba novos retos que era necesario contestar axiña e solidariamente. Ante todo, poñer os medios para a súa total integración, algo que non se produciu; calquera pode ver que a maioría fai vida social dentro das súas propias comunidades. 

"No aspecto estritamente laboral, a deslocalización empresarial contribuíu a minguar o emprego no sector industrial e utilizouse como arma para reducir os salarios"

Os procesos migratorios non son unha cuestión menor, sobre todo nun país como o noso cunha cultura e lingua que sofre un constante ataque, e onde o actual Goberno galego e a patronal manteñen unha actitude de desleixo, cando non de aberta colaboración co proceso de colonización. O recuar de galegos/as falantes non se debe en exclusiva a que haxa persoas, sobre todo na mocidade e nas áreas urbanas, que deixase de empregar a lingua nacional, senón tamén a estes fluxos de emigración e inmigración que non son neutros. Teñen unha importancia moi grande, como pode comprobar calquera que saia á rúa nunhas das nosas cidades e vilas máis grandes (no ano 1998 o 7,82% dos habitantes naceran no estranxeiro; no ano 2013 atinxían o 13,58%, e por exemplo no caso de Vigo un 17%). 

No aspecto estritamente laboral, a deslocalización empresarial contribuíu a minguar o emprego no sector industrial e utilizouse como arma para reducir os salarios. Mentres que o aumento da man de obra de reserva por mor da inmigración serviu como unha panca máis da patronal para rebaixar os custes salariais e precarizar as relacións laborais nos servizos e na construción (que non se poden deslocalizar), mesmo substituíndo operarios/as que moraban no país. Estes son aspectos que forman parte esencial do proceso de globalización neoliberal, é dicir, da economía de escala que permite concentrar e centralizar o poder e a riqueza nas grandes empresas e nos territorios máis poderosos. O medre da explotación laboral da clase obreira, orixinaria e inmigrante, aumentou a porcentaxe de traballadoras/as que viven en condicións de pura subsistencia, e mesmo na pobreza, polo que carecen de capacidade para asumir a carga que significa ter fillos/as. Pola contra, aumentaron os lucros empresariais e a acumulación de riqueza das grandes fortunas. A queda do consumo das clases populares foi substituído pola especulación financeira e os gastos suntuarios. Un dato: malia representar os aslariados/as máis do 80% da povoación ocupada os seus ingresos reducíronse ate un 43% da renda producida, e ademais medraron as diferenzas entre aqueles que mais gañan e a franxa con menores ingresos.

"O outro aspecto que marca a realidade socio-económica de Galiza é a aparente incapacidade para xerar emprego abondo, malia as potencialidades do país e que os salarios son moito máis baixos"

O outro aspecto que marca a realidade socio-económica de Galiza é a aparente incapacidade para xerar emprego abondo, malia as potencialidades do país e que os salarios son moito máis baixos que en Madrid, Cataluña ou Euskadi, por poñer algúns exemplos. E, o máis grave, a tendencia dominante é a de perder sectores que foron durante décadas locomotoras da economía, como o pesqueiro, naval, gandeiro, forestal, etc. Outros dous dados importantes son, que mentres hai catro décadas a maior parte do sector industrial e de servizos estaba en mans de capital autóctono, hoxe acontece todo o contrario, e que o déficit comercial co resto do Estado atinxe uns 6 mil millóns de euros ao ano, ou sexa, que lle xeramos emprego, e que non somos quen de competir neste espazo. O que chama a atención é que temos un saldo positivo co resto dos estados do mundo que atinxiu en 2013 os 4 mil millóns de euros, (entre eles algúns países europeos, como Francia e Portugal). 

Pódese afirmar que a renda por persoa, que algúns consideran a referencia central, aumentou a costa de expulsar povoación do mundo rural, sen que houbese ningún plano de desenvolvemento para evitar esta desfeita, que ademais de consecuencias económicas e sociais, tenas moi graves no ámbito cultural, e moi especialmente no lingüístico. No colmo do cinismo, dende as clases dominantes e algúns sectores da sociedade entendían que isto era natural, parte da modernidade. O resultado: dende o ano 1981, mentres Galiza perdía 40.000 habitantes, o Estado español gañaba 10 millóns. É un dado clarificador, xa que se dá no mesmo marco económico e coas mesmas regras de xogo, polo que resulta evidente que as normas ditadas por Madrid e Bruxelas foron negativas para a nosa economía. Pola contra, fóronlle funcionais aos centros de poder. Abonda con ollar o medre de povoación de Madrid, por poñer o exemplo máis coñecido. O poder político transformouse en desenvolvemento económico, malia ficar no medio dunha meseta, carecer de tradición industrial, e as limitacións que trouxo a UE. 

"A subordinación política tivo e ten uns custes económicos e sociais inmensos para Galiza. Sen dúbida moi superiores aos de Cataluña e Euskadi"

En resumo, a subordinación política tivo e ten uns custes económicos e sociais inmensos para Galiza. Sen dúbida moi superiores aos de Cataluña e Euskadi, porque a nosa situación xeográfica e o proceso histórico de conquista por parte da Coroa de Castela non foi semellante. Ademais, agravou a dependencia, ou cando menos reduciu a nosa capacidade de resistencia ao imperialismo, o feito de que Galiza, a diferenza de Cataluña e Euskadi, estivese sempre governada por partidos de ámbito estatal, submisos aos ditados foráneos (agás o curto período de 2005 a 2009 cun governo en disputa entre nacionalistas e socialdemócratas).  

Daquela, cando se fala do retroceso demográfico que causa a emigración, o desemprego e o aumento da pobreza laboral, en realidade, sendo obxectivos, o que estamos definindo é o grao insoportábel ¡destrutivo! ao que chegou a opresión e explotación das clases populares na Galiza. Unha sociedade na que xa non existe un mundo rural no que a demografía estaba determinada por unha dinámica ancestral de subsistencia precapitalista. É verdade que nos últimos corenta anos o nacionalismo estivo na primeira liña de loita contra os males que afectan á nosa sociedade, e que alí onde governou fíxoo con dignidade e transformando, aínda que nalgúns casos faltase atrevemento, complicidade co povo e coherencia co proxecto estratéxico. E, sendo necesario acumular forzas a partir das loitas e da xestión, definir etapas para contar co respaldo necesario, nunca se pode perder a perspectiva de que é imposíbel para un país colonizado desenvolverse, ter capacidade para xerar emprego e crecer demograficamente, se non conquista a liberdade, a soberanía, se o povo non controla o poder político e os medios de produción estratéxicos. Porque ficamos nunha guerra de clases, que ten aspectos sociais e nacionais, na que é imposíbel un pacto entre os donos do poder e do diñeiro e os explotados e oprimidos. 

http://manuelmera.blogaliza.org/

Comentarios