Opinión

Novas eleccións?

Todo indica que o PP presentou a candidatura de Núñez Feixoo sabendo de antemán que non ía acadar os votos suficientes como para que fose investido presidente, e coido que o fixo non só pensando nunha oposición forte a unha presidencia de Pedro Sánchez, senón esencialmente apostando por que este tampouco acade os votos necesarios para ser investido. Que Sánchez acade apoio suficiente non é tan doado, se temos en consideración as esixencias tanto de ERC como de Junts, que ademais teñen pouca capacidade de manobra. Ambos fan dun referendo de autodeterminación unha cuestión de principios e non só un obxectivo estratéxico, e esta última é reivindicación e un punto de ruptura para o PSOE.

Neste contexto non se pode descartar a convocatoria dunhas novas eleccións. E todo amosa que sobre este escenario construíu o PP a súa táctica, xa que (seica) deixaría en evidencia que Sánchez non tiña o apoio necesario e que estaba disposto a ceder diante do independentismo catalán (coa amnistía e outras concesións como a chamada débeda histórica, etc, pasos previos segundo a dereita á autodeterminación). Este é un relato que cala nun sector moi grande do electorado; o centralismo ten moita historia e non desapareceu coa transición.

Tampouco se pode afirmar que o PSOE saia derrotado dunha investidura falida, xa que vai erguer a bandeira de que fixo o imposíbel para buscar o camiño do dialogo co nacionalismo catalán e o governo de Catalunya polo ben de “España”, mais faltou vontade por parte de ERC e Junts que construíron un muro arredor do referendo que “racharía coa convivencia no Estado español” (O temor a aceptar un dereito tan básico como que decida o povo, máxime cando falamos dunha nacionalidade recoñecida, sen dúbida debese ao temor da perda de votos, dado a predica constante dos hipotéticos valores da unidade e da chantaxe nacionalista, obviando a desigualdade e discriminación, tamén agocha o temor a que un referendo fose gañado polo independentismo, no caso de que se celebre con garantías, aínda que a propaganda do sistema diga o contrario).

Agora ben, de se convocar novas eleccións, dado os termos en que está o debate e o papel dos medios sistémicos, non se pode desbotar que o PSOE mesmo obteña mellores resultados, tanto pola perda de dereitos nas comunidades e concellos nos que o PP governa con VOX. Ao que se engade que a tendencia nas pasadas eleccións foi positiva para o PSOE, malia que gañase en votos o PP, foi perdendo empuxe durante a campaña. A pregunta é se: ao soberanismo catalán  (ERC, Junts, CUP...) favorécelle unha nova convocatoria, sen que tivese tempo a reorientar unha folla de ruta adaptada aos obxectivos estratéxicos no actual contexto internacional e europeo, e correlación de forzas? 

Forzas para o cambio que nesta parte do mundo dependen en gran medida, tendo en consideración a hexemonía das clases e potencias dominantes, da necesidade de que as clases populares teñan un papel central, ou sexa: na vida social, laboral, política, cultural... Cómpre contar cunha sociedade mobilizada e organizada, unha moi forte incidencia na loita das ideas (comunicación, construción do relato, debate político e social...), e de ser exemplo de iniciativa e coherencia, e cunha representación moi grande nas institucións. As eleccións xerais en Cataluña deixaron moi en evidencia que isto hai que pelexalo cada día neste momento histórico.

Para avanzar, definir unha estratexia correcta, non se pode obviar a correlación de forzas, así como se a tendencia é positiva ou marca un recuar. Estes son factores que condicionan a folla de ruta, os obxectivos a curto e medio prazo, e como relacionar o concreto e inmediato, co xeral, e todos cos obxectivos estratéxicos. Aínda que a realidade política galega e catalá teñen importantes diferenzas, tamén no proceso histórico, sen dúbida podemos tirar moitas ensinanzas dos seus acertos e erros, apostando sempre porque sexan moitos máis os primeiros.

Ábrense varios escenarios posíbeis nesta conxuntura electoral, que governe o PSOE ou que haxa novas eleccións, con todos os interrogantes no resultado final, máxime cando a presión vai ser tan forte por parte das clases dominantes (coas súas dúas alternativas, apoiar a dereita para impoñer retrocesos ás clases populares e no aspecto democrático, ou optar pola socialdemocracia liberal, cedendo algo, para seguir deixando que o sistema, este capitalismo esgotado, siga acentuando a explotación e opresión a través de todo tipo de mecanismos, en moitos casos co envoltorio de medidas necesarias e urxentes para enfrontar a crise, o cambio climático, a confrontación con outras potencias “autoritarias e agresivas”). Aínda con estes límites nas expectativas o escenario é distinto baixo un governo de dereitas que dun das forzas chamadas “progresistas”. Mesmo así as tarefas son as mesmas, polo que o importante sempre é contar cun nacionalismo de esquerdas fortalecido e en ascenso, nunca debilitado e xogando no esencial coa aritmética parlamentar. O fundamental, estar preparados para todos os escenarios. É dicir (máis unha vez): organización, militancia, politización, mobilización, iniciativa, atrevemento, folla de ruta...

Comentarios