Opinión

Moito máis que un pacto de rendas

Que a patronal (CEOE e CEPYME) acordasen por unanimidade do seu organismo de dirección asinar o pacto de rendas para os vindeiros tres anos con CCOO e UGT, ten súa lóxica tendo en consideración tanto o texto do compromiso e o feito de que a conflitividade laboral para recuperar salarios e mellorar as condicións contractuais estaba indo a máis. O aumento salarial pactado para os anos (2023-2024-2025) varia entre o 4% para este ano, e o 3% para o 2024 e 2025, e até 1% máis como máximo se a inflación excede estas contías. En principio estas porcentaxes coinciden en boa medida coas previsións de inflación de distintos organismos, mais se esta é superior á porcentaxe pactada o persoal asalariado perdería máis poder adquisitivo, e a complexa situación política e económica dá forza a un contexto deste tipo.

Sen dúbida, o aspecto máis regresivo do pacto é que dá por esquecido que no 2021 e 2022 a clase traballadora, por mor do medre da inflación, perdeu unha boa parte do seu poder adquisitivo (no salario real unha media do 5,3% no Estado español no ano 2022). Destacando especialmente o enorme aumento do custo dos produtos e bens básicos, como alimentos, enerxía e vivenda... Con este pacto, na mellor versión, non se recuperaría o perdido neses anos, consolidase de inicio a caída salarial de 2021-2022, fortalecendo o negativo reaxuste no reparto da renda dos últimos anos.

Este acordo coa patronal de CCOO e UGT, asumindo a hipoteca da caída salarial de 2021-2022, implica ademais dun recuar salarial unha división na clase traballadora 

Daquela que a CIG manifestase: "O seu máis rotundo rexeitamento ao acordo que veñen de asinar CCOO e UGT coa CEOE, que confina os incrementos salariais nun 4% para este ano e nun 3% para os anos 2024 e 2025. Pendente de coñecer con detalle todos os termos, a central sindical denuncia que coa imposición da moderación salarial impídese a recuperación do poder adquisitivo dos salarios e aboca á clase traballadora a un maior empobrecemento, xusto no momento no que as empresas acumulan os maiores beneficios".

Este acordo coa patronal de CCOO e UGT, asumindo a hipoteca da caída salarial de 2021-2022, implica ademais dun recuar salarial unha división na clase traballadora en moitos convenios e loitas laborais, debilitando ao movemento sindical. E faino nun intre, no que Galiza é unha das nacionalidades-autonomías nas que se estaban obtendo cada vez mellores resultados na negociación colectiva. As folgas e mobilizacións colleron pulo no último ano na maioría dos sectores e comarcas (cun papel da CIG significativo, como se esta a reflectir nas eleccións sindicais). Polo que todo indica que non foi casual que os asinantes esperasen até despois da conmemoración do 1º de maio para anunciar o pacto, evitando unha foto de camaradería entre a patronal e os sindicatos pactistas, xa que facelo uns días antes podía crear polémica co resto das organizacións sindicais. Porén tamén nas manifestacións destas dúas centrais, con aqueles sectores máis combativos que, aínda que cada vez sexan menos significativos, aínda hainos.

O pacto social non evita que haxa no futuro convenios nos que se superen estes topes, como veu sucedendo estes anos, alí onde exista unha forte base sindical e centrais combativas e criticas cos pactos sociais. Agora ben, a diferenza é que non só haberá oposición da patronal senón que tamén dos sindicatos asinantes deste "acordo de rendas". Non deixa de ser un atranco importante, máxime nun intre no que a mobilización laboral ía en aumento, e os resultados dos convenios asinados eran cada vez mellores, permitindo recuperar parte da perda do poder adquisitivo dos salarios destes últimos anos. Con este pacto a patronal coidou que pechaba esta porta, rebaixaba a conflitividade, e freaba o aumento do grao de conciencia de clase, daquela que estivese tan contenta, e que se gabase da confraternidade con CCOO e UGT.

Este acordo foi moito máis que un pacto de rendas, máxime nesta conxuntura histórica: tempos de confrontación de potencias, de avance dun mundo multipolar, mais tamén nos que se debe marcar o papel que vai xogar cada clase, cada nación... O pacto amosa que o capitalismo está en crise, porén mantén a súa hexemonía ideolóxica, e o reformismo carece de proxecto alternativo.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios